Nieves Fernández Vidueira

----

Nieves Fernández Vidueira

1962 Fornelos de Cova
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Nieves Fernández Vidueira

1962- Fornelos de Cova
A irmandade coa natureza


Nieves Fernández Vidueira nace nos últimos días do inverno de 1962 en Fornelos de Cova (Viana do Bolo). Enseguida a van trasladar a Quintela do Pando, á casa labrega da súa avoa materna, quen se fará cargo da súa crianza e se converterá nunha figura central na vida da nosa protagonista. Transmítelle unha manchea de coñecementos vinculados ao coidado da natureza, o agro ou a vivencia da cultura local, que ela atesourará con grande agarimo.



Con 16 anos, Nieves vese na obriga de ir servir a Madrid. Coñece, en propia carne a, para ela, desagradable experiencia da emigración. Chega o tempo do seu ansiado retorno a Quintela apenas un ano despois de casar con Francisco Fernández Crespo “Quico”. Ambos regresan coa firme decisión de permanecer na aldea onde se criaron. Para isto pronto trazan un camiño destinado a dar corpo a unha explotación agrogandeira, que cos anos se irá convertendo no modelo de sustentabilidade que hoxe é.



Ao longo dos anos, Nieves asume o importante reto de acrecentar e modernizar a súa explotación. Realiza importantes investimentos na terra, na maquinaria e nas instalacións. A través de coidadosas seleccións, conformou un rabaño que na actualidade se compón dunha única raza, a da ovella galega. Apostou, ademais, pola formación continua e pola participación en numerosas actividades vinculadas coa novas necesidades e avances nas diferentes áreas relacionadas coa explotación en ecolóxico. Nunca deixou de se implicar na recuperación da súa contorna, poñendo en valor o coñecemento das variedades e os usos de plantas, arbustos, árbores e flores.



Hoxe en día (2021) Nieves é unha pastora comprometida co desenvolvemento dun modelo de gandaría respectuoso co ambiente, co contorno e co benestar animal. Cuestións estas que a levan a se implicar en diferentes organizacións activas na mellora do rural, nun compromiso constante co activismo social. Ademais, xunto con outras mulleres da súa contorna, participou na posta en marcha da Asociación de Mulleres Rurais de Viana do Bolo.



Nieves presenta tamén, desde ben nena, destacados dotes artísticos. A súa destreza na talla de madeira, dirixida en primeiro termo á construción de xoguetes para as súas crianzas, converterase co tempo nun xeito de expresión fundamental na súa forma de vida. Cos anos vai explorar tamén os camiños da escrita e mais da fotografía dixital, da publicación de libros, da participación en exposicións e tamén da xestión diaria do seu propio facebook, a “xanela aberta ao mundo por onde saíron as bolboretas do meu maxín”.



O tempo de entroido, os seus personaxes e os sons do folión característicos dese tempo “de maxia” deixan unha fonda pegada na Nieves que dende nena participa activamente na celebración e cos anos vana levar a concentrar esforzos na súa recuperación. Así, na década dos 90 do século XX, dá renda solta á súa creatividade empregando elementos da natureza na elaboración de disfraces que obteñen importantes premios; elabora tamén caretas e pantallas e, xunto coa súa familia, carrozas para o desfile de Viana. A partir de 2010 irán un paso máis alá e implícanse activamente na recuperación do “Fulión”, que situou a Quintela do Pando como un dos principais lugares do “Entrudio” vianés.

Materiais de Nieves Fernández Vidueira

Documento. Artigo

Nieves Fernández Vidueira fala dos efectos da pandemia Covid 19 no rural

Piden más apoyo al rural, “primer eslabón de la cadena alimentaria”. Diario de Arousa (20/04/2020)
Documento. Fragmento de publicación impresa

21 mulleres galegas, 21 historias cotiás, Fundación iniciativas 21, 2006.