“Para min o máis importante deste traballo foi dignificalo porque estaba deostado. Os anos 2010/2011 foron cruciais porque aí empezaron a encaixar os zocos que eu facía. A xente aprendeu a miralos doutra maneira, a sacar un sorriso. Logo as redes axudaron a sacar os zocos de contexto, amosalos dun xeito diferente e que a xente os vise doutra maneira, pero ese respecto polo oficio foi progresivo" explica a propia Elena Ferro no texto de presentación desta xornada. Nela revisarase o seu proceso vital e creativo desde os inicios no obradoiro familiar de Merza ata o Premio Nacional de Artesanía. Ademais, partirase do seu caso para revisar a importancia dos oficios desde a óptica feminista.
O programa
As intervencións arrincan coa escritora Brigitte Vasallo que ofrecerá un relatorio baixo o título “Por que Amancio é de calquera mais Elena só é nosa?”. A técnica do CDIF Mariám Mariño Costales presentará despois unha cartografía (información biográfica e profesional ordeada cronoloxicamente) sobre a homenaxeada. Continuará, tras dunha pausa, unha mesa de relatorios titulada “Tradición e vangarda da pel”, moderada pola escritora Luz Darriba. Nela intervirán as novas artesás: Mónica Cao Pereira, artesá marroquinaría de Mocao Artesanía; Julia Marín Ramírez, música e artesá de instrumentos populares, ademais de encadernadora de JMR Artesanía e, por último, Mercedes Veites Pérez, artesá téxtil de Lumecú.
A sesión da tarde versará sobre o tema “memoria, aldea e cultura” e dará inicio cunha conversa entre a xornalista Marga Pazos e Elena Ferro. A continuación, comezará a última mesa. Baixo o título “Zocos e afectos”, moderada pola autora Inma López Silva, abordarase a evolución da homenaxeada nas voces de Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia; Pilar González García, terapeuta; e Oriol Pujol Miró, creativo e socio de Elena Ferro na Coruña.
A xornada rematará cunha actuación de Guadi Galego titulada “Entre matriarcas e zocos”.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF)
O CDIF é, dende o ano 2019, un arquivo e espazo de investigación do CCG cuxo contido está dirixido a persoal investigador e ao público xeral. Nel recóllese material en relación coa perspectiva de xénero ou feminista, así como do impacto das mulleres no presente, pasado e futuro de Galicia. Ademais, pon á disposición pública información relativa ás mulleres e tamén ao colectivo LGBTIQ+ en áreas como a ciencia, a filosofía, a socioloxía, a política ou a cultura, entre máis disciplinas.
O ciclo “De pioneiras e andainas”
Esta xornada inscríbese dentro do ciclo “De pioneiras e andainas”, impulsada polo CDIF desde o ano 2009, que procura homenaxear o legado e o traballo de mulleres destacadas de Galicia a través do seu traballo e as súas experiencias. Nestas xornadas interveñen persoas expertas, investigadoras e, nalgúns casos, as propias protagonistas. Figuras como Marta Bobo, María Xosé Agra Romero ou Nieves Fernández Vidueira foron xa homenaxeadas neste ciclo nos últimos tres anos.



