María Xosé Porteiro afirmou en varias ocasións ter “a cabeza chea de cicatrices de bater con tantos teitos, non xa de cristal, senón dunha pedra tan grosa que nin sequera facía posible imaxinar para as mulleres outros horizontes” tal e como recolle o texto de presentación da xornada. Desde os anos setenta, a súa voz marcou a comunicación en Galicia, traballando en medios como La Voz de Vigo, Radio Popular, El Pueblo Gallego, El País ou La Voz de Galicia, e foi tamén pioneira na información en galego. Á súa traxectoria mediática sumouse unha intensa carreira política e institucional, entre a creación da primeira Concellería da Muller de Galicia, a promoción do Centro de Información á Muller e da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas, e a dirección do CDIF no marco do Consello da Cultura Galega contribuíndo ao avance da igualdade e deixando un exemplo de resiliencia e compromiso para novas xeracións.
O programa
A xornada arrinca coa presentación da sesión da mañá, baixo o título “Feminismo, cultura, comunicación e política: esnaquizando teitos de cristal”. Séguelle a conferencia “Entre a utopía e a distopía: as políticas de igualdade” a cargo de Carme Adán, coordinadora do CDIF, presentada por Belén Puñal, membro do CDIF. A continuación, Mariám Mariño Costales, técnica do CDIF, presentará a cartografía profesional e biográfica de María Xosé Porteiro. O debate continúa coa mesa “Cultura, comunicación e política: novos retos”, moderada por Montse Fajardo, membro do CDIF, coa participación de Ánxela Férnandez, alcaldesa do Rosal, as xornalitas Eliana Martins Alvela, Cláudia Morán e a comunicadora Prado Rúa. A sesión da mañá pecha coa reflexión sobre as contribucións da homenaxeada e a súa influencia na sociedade galega.
Na sesión da tarde, o poder da palabra será protagonista nunha conversa entre a xornalista Sonia Vizoso e María Xosé Porteiro, seguida da mesa “Os afectos tamén falan”, moderada por Inma López Silva, membro do CDIF, coa participación de Víctor F. Freixanes, expresidente da Real Academia Galega, Susana López Abella, ex secretaria xeral de Igualdade e a eurodeputada Ana Miranda, que intervirá por videoconferneica. e Dolores Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega. A xornada rematará cunha actuación a cargo de Marta Pérez que leva por título Mulieribus.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF)
O CDIF é, dende o ano 2019, un arquivo e espazo de investigación do CCG cuxo contido está dirixido a persoal investigador e ao público xeral. Nel recóllese material en relación coa perspectiva de xénero ou feminista, así como do impacto das mulleres no presente, pasado e futuro de Galicia. Ademais, pon á disposición pública información relativa ás mulleres e tamén ao colectivo LGBTIQ+ en áreas como a ciencia, a filosofía, a socioloxía, a política ou a cultura, entre máis disciplinas.
O ciclo “De pioneiras e andainas”
Esta xornada inscríbese dentro do ciclo “De pioneiras e andainas”, impulsada polo CDIF desde o ano 2009, que procura homenaxear o legado e o traballo de mulleres destacadas de Galicia a través do seu traballo e as súas experiencias. Nestas xornadas interveñen persoas expertas, investigadoras e, nalgúns casos, as propias protagonistas. Figuras como Elena Ferro, Marta Bobo, María Xosé Agra Romero ou Nieves Fernández Vidueira foron xa homenaxeadas neste ciclo nos últimos tres anos.



