Cita frustrada na illa de San Simón. O mar como símboloO autor e a obra
Non coñecemos ningún dato concreto sobre a identidade e a vida de Meendinho. Apenas nos foi transmitida unha única composición deste autor: Sedia-m’eu na ermida de San Simion (B 852, V438/UC 848=Tav 98, 1); porén, esta é unha das máis divulgadas e coñecidas cantiga...
Cita frustrada na illa de San Simón. O mar como símbolo
O autor e a obra
Non coñecemos ningún dato concreto sobre a identidade e a vida de Meendinho. Apenas nos foi transmitida unha única composición deste autor:
Sedia-m’eu na ermida de San Simion (B 852, V438/UC 848=Tav 98, 1); porén, esta é unha das máis divulgadas e coñecidas cantigas da poesía medieval galega. Trátase dunha cantiga de santuario, cuxa acción está localizada na ermida de San Simón, que se encontra na illa do mesmo nome, no interior da ría de Vigo. É probábel, pois, e tal como acontece con outros xograres que compuxeron cantigas de santuario, que Meendinho desenvolvese a súa actividade artística na área suroccidental de Galicia. Téñense formulado varias hipóteses sobre o alcume Meendinho, das que talvez a máis plausíbel sexa a que o relaciona co topónimo Mende ou Mendo, atribuído a un lugar do barrio de Teis en Vigo.
A cantiga de Meendinho está presente en todas as antoloxías da lírica galego-portuguesa e, xunto coas de Martin Codax, áchase entre as que recibiron maior atención da crítica especializada, tanto polo número de edicións como polos estudos académicos publicados sobre diferentes aspectos.
O poema utiliza a estrofa básica da modalidade de cantigas de amigo que a crítica deu en chamar "de estilo popularizante". Esta estrutura, que está formada por un corpo estrófico de dous versos seguidos dun refrán monóstico, e que habitualmente combina o paralelismo literal co artificio do leixaprén, sería a estrofa que, hipoteticamente, prevalecía na poesía anterior á influencia da nova poética cortés de orixe provenzal, unha poesía aquela que, en moitos casos, como o da cantiga de Meendinho, se caracterizaba tamén por un marcado ritmo acentual.
O simbolismo do mar
Como nas cantigas de Martin Codax, o mar e as ondas desempeñan un papel fundamental na poética de Meendinho. Do punto de vista retórico, é de salientar nesta cantiga o simbolismo das ondas grandes do mar embravecido como representación do abalo interior sufrido pola muller apaixonada, que espera desexosa a chegada do amigo e toma consciencia súbita da súa soidade. Seguindo un fermoso tópico literario medieval, a moza é suxestionada polo estado avulso da natureza á súa volta, acorde co seu estado de desacougo emocional, e sente que se o amado non acode á cita ela morrerá vítima das ondas da paixón insatisfeita.
eu atendendo meu amigo...
[...]
Nen ei i barqueiro nen remador,
morrerei eu fremosa no mar maior
A crítica ten chamado a atención tamén sobre outro aspecto poético relevante, como é o uso combinado de tempos verbais do pasado, do presente e do futuro, con que o poeta consegue crear a sensación de que a protagonista, que espera desexosa a chegada do amado, se ve envolta nunha dramática espiral emocional na que a vivencia do tempo é psicolóxica e se perde a consciencia do tempo real.
O incerto refrán
Non existe consenso sobre como debe ser editada a parte final do verso do refrán, que está abreviada nos manuscritos. Desbotada, por anómala, a repetición do verso proposta na edición de J. J. Nunes (Eu atendend’o meu amigo, / eu atendend’o meu amigo.), en traballos máis recentes formuláronse outras hipóteses de lectura, entre elas a de Tavani, que foi quen primeiro detectou o erro (Eu atendend’o meu amigo! E verrá? = «Eu esperando o meu amigo! E virá?») ou a de Arias Freixedo (Eu atendend’o meu amigo! E u era? = «Eu esperando o meu amigo! E onde estaba?»).
Cantigas de santuario
Acabamos de referirnos á composición de Meendinho como unha cantiga de santuario. O motivo común ás cantigas desta modalidade poética –as tradicionalmente coñecidas como cantigas de romaría– é a cita amorosa xunto a un santuario relativamente afastado, polo xeral unha ermida. A compoñente erótica deste motivo pode parecer contraditoria co carácter sagrado do lugar escollido para o encontro, mais non o será tanto se consideramos que moitos destes pequenos templos cristiáns foron construídos en lugares onde desde tempos ancestrais se viñan realizando ritos pagáns propiciatorios da fecundidade, nos cales o elemento sexual xogaba, con certeza, un rol importante. Segundo se pode deducir das disposicións eclesiásticas tendentes a prohibir certos ritos pagáns, emitidas xa desde a alta Idade Media e reiteradas ao longo de séculos, o proceso de cristianización demorou moito e algúns deses ritos chegaron mesmo aos nosos días. O baño de fecundidade nas ondas do mar da Lanzada, entre outros, é talvez o caso máis representativo. Sen dúbida, pois, na relixiosidade sincrética medieval tardía pervivían aínda algunhas reminiscencias dos tempos pagáns, polo que non debe estrañar que o santuario, que era daquela e aínda é lugar de socialización da poboación espallada, se identifique como o lugar idóneo para a cita dos namorados. Téñase en conta, por outra parte, que o propósito de ir facer oración ao templo é un excelente pretexto para abrandar as prohibicións ou reticencias familiares.
Son varias e diversas as hipóteses formuladas pola crítica sobre a funcionalidade das cantigas de santuario: recreaban, en certa medida, algún tipo de manifestación folclórica musical asociada a este tipo de festividades? Tiñan unha finalidade propagandística, de captación de fieis para o santuario en cuestión? Era o propio xograr quen, nomeando un único santuario, procuraba aumentar a afluencia dos fieis, dos cales se sustentaba? A alusión a un único santuario concreto era unha forma de "asinar" ou de reivindicar a autoría da cantiga? Talvez a resposta sexa unha combinación, en maior ou menor dose, de todas estas hipóteses. En todo caso, a ausencia de referencias ao poder taumatúrxico do santo, ou santa, venerado no santuario –o que si acontecía na literatura de milagres, claramente propagandística– indicaría que a chamada ao santuario non sería tanto de carácter relixioso, senón máis ben lúdico e festivo. No caso da cantiga de Meendinho, a moza namorada si entrou na ermida para orar, mais parece que estaba máis pendente da esperada vinda do amigo que dos rezos, pois estando na ermida ant’o altar, sentiuse cercada polas ondas grandes do mar metafórico da paixón amorosa.
Pervivencia de Meendinho
O xograr Meendinho foi homenaxeado, xunto con Johan de Cangas e Martin Codax, no Día das Letras Galegas de 1998, dedicado ese ano aos Trobadores da ría de Vigo. Con motivo desta homenaxe, alén de numerosos materiais didácticos e divulgativos, foron publicadas varias edicións individuais e colectivas destes autores, e realizouse na illa de San Simón o Congreso Internacional O mar das cantigas, que reuniu importantes especialistas de todo o mundo.
Malia non se conservar a melodía orixinal de Meendinho, a súa cantiga foi obxecto de varios rexistros discográficos con recreacións modernas da música ou ben aplicándolle a melodía doutra composición medieval, seguindo a técnica do contrafactum. Entre as primeras cómpre salientar a interpretada pola gran fadista Amália Rodrigues, con melodía de Alain Oulman, ou a de Amancio Prada; e do segundo tipo é a máis recente de Paulina Ceremuźyńska.
Bibliografía
Airas Freixedo, Xosé Bieito (1998): «Sobre o refrán da cantiga de Meendinho. Análise das varias hipóteses de lectura». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 5-18.
Airas Freixedo, Xosé Bieito (2000): «e u era? A clave da cantiga de Meendinho?», Boletín Galego de Literatura», (2º semestre), 77-82.
Brea, Mercedes (1998): Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Brea, Mercedes; Lorenzo, Pilar (1995): A cantiga de amigo. Vigo: Edicións Xerais.
Cohen, Rip (2003): 500 Cantigas d’Amigo. Edição crítica / Critical edition. Porto: Campo das Letras, 311-312.
Congreso O Mar das Cantigas (1997). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Correia, Ângela (1993): «Sobre a especificidade da cantiga de romaria», Revista da Biblioteca Nacional, Série 2, vol. 8 (2), 7-22.
Correia, Ângela (1997): «Do refrão de Meendinho à escrita dos refrães nos cancioneiros». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 267-290.
Flitter, Derek W.; Obber de Baubeta, Patricia (eds.) (1998): Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, Department of Hispanic Studies, The University of Birmingham.
Guiadanes, Antonio et al. (1998): Cantigas do mar de Vigo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Monteagudo, Henrique (1997): «Cantores de santuario, cantares de romaría». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 99-127.
Monteagudo, Henrique; Pozo, Luz; Alonso Montero, Xesús (1998): Tres poetas medievais da ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas. Vigo: Editorial Galaxia.
Resende de Oliveira, António (1994): Depois do espectáculo trovadoresco. A estrutura dos cancioneiros penisulares e as recolhas dos séculos XIII e XIV. Lisboa: Ed. Colibri.
Souto Cabo, José António (2017): «Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 83-101.
Tavani, Giuseppe (1988): «Propostas para unha nova lectura da cantiga de Mendinho», Grial, 99, 59-61.
Tavani, Giuseppe (1993): «Mendinho». En Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe (coords.), Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisboa: Caminho, 456.
Discografía
Ceremuźyńska, Paulina (2006): E moiro-me d'amor - Cantigas de desexo e saudade (CD). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. https://cantigas.fcsh.unl.pt/gravacao.asp?cdgra=18 [consulta: 02-04-2024]
Correia, Natália; Rodrigues, Amália; dos Santos, Ary (1971): Cantigas d'amigos (LP). Lisboa: Valentim de Carvalho. https://cantigas.fcsh.unl.pt/gravacao.asp?cdgra=12 [consulta: 02-04-2024]
Prada, Amancio (1980): Leliadoura (LP). Madrid: Movieplay. https://cantigas.fcsh.unl.pt/versaomusical.asp?cdcant=861&cdvm=106 [consulta: 02-04-2024]