Ramón Piñeiro
Álbum de Galicia
Na biografía, Pastoriza Rozas subliña que Ramón Piñeiro se formou intelectualmente no galeguismo e que comezou a militar nas Mocedades Galeguistas (MG) a finais de 1932. Coñeceu os principais líderes do Partido Galeguista ao participar nalgunhas das súas actividades, como na campaña a favor do Estatuto de autonomía, e situouse “a carón de Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Pepe Velo ou Celso Emilio Ferreiro” na dirección da Federación de Mocedades Galeguistas, explica o autor da súa entrada. Nela, tamén subliña que Ramón Piñeiro se viu obrigado a combater na “Guerra Civil como soldado de infantería”, ao tempo que indica como retomou o contacto “cos vellos camaradas das MG” tras o remate do conflito.
Así, a mediados de 1943, participou na reactivación do Partido Galeguista e, dous anos despois, foi nomeado secretario político da formación. En 1946 foi detido nunha redada no café Pidoux de Madrid e condenado a seis anos de cadea, dos que cumpriu tres. Durante ese período, “o grupo galeguista de Vigo, liderado por Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla, mantivera informado a Piñeiro do labor político-cultural desenvolvido”, un labor que incluía a proxección “de crear unha editorial e unha revista cultural galega sucesora de Nós”, indica Pastoriza Rozas. Dese proxecto naceu en 1950 a Editorial Galaxia, da que Piñeiro foi nomeado director literario e na que promoveu “a aparición dunha industria cultural galega”, continúa.
A biografía fai tamén alusión á súa participación na reactivación da Real Academia Galega —da que sería elixido membro numerario en 1963— e a que Piñeiro “desenvolveu un infatigable traballo de animación e tonificación galeguista de intelectuais novos e vellos”. Xunto con Celestino Fernández de la Vega, traduciu ao galego o Cancioeiro da poesía céltiga, de Julius Pokorny, e a conferencia Da esencia da verdade, de Martin Heidegger. Así mesmo, denunciou a represión lingüística do galego por parte da ditadura na asemblea xeral da UNESCO do ano 1954 e defendeu o “idioma como patrimonio cultural e esencia da identidade de Galicia” no relatorio colectivo A defensa do idioma, vencello espiritoal de tódolos galegos (Bos Aires, 1956). Desde 1963, dirixiu con Francisco Fernández del Riego a cabeceira Grial. Revista Galega de Cultura.
Pastoriza indica que Ramón Piñeiro “nunca renunciou á loita política pola democracia e as liberdades para Galicia” e, na década dos sesenta, fomentou a “creación dun sistema de partidos políticos de obediencia galega”. Xa entrada a Transición, promoveu o Manifesto dos 29 (1977), no que se reclamaba “o dereito de Galicia á autonomía”, e foi tamén un dos asinantes do Manifesto da aldraxe (1979). Tras aprobarse o Estatuto no ano 1980, concorreu ás primeiras eleccións autonómicas de 1981 como independente nas listas do PSG-PSOE e saíu electo pola provincia da Coruña. “O seu legado como deputado autonómico plasmouse na Lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en xuño de 1983”, continúa o autor da súa entrada. Nese mesmo ano foi elixido como o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, un posto en que estivo ata a data do seu falecemento en 1990.
Xunto co texto da súa biografía, o Álbum de Galicia divulga algúns dos escritos e artigos que publicou Ramón Piñeiro, a conferencia que pronunciou sobre “Otero Pedrayo na cultura galega” e mais algunhas das moitas cartas que enviou e nas que, como explica Pastoriza Rozas, “confortou e alentou afectos favorables ao galeguismo e á lingua e cultura galega”.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as de Genoveva Vázquez Calviño, Xohana Torres, Martín Codax, Meendinho e Johan de Cangas.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.


