Trobador barcalés, compositor de cantigas cargadas de sátira, erotismo e rexoubaO poeta e músico Afonso Eanes do Cotón –trobador, xograr, segrel, escudeiro?– viviu dende finais do século XII ata arredor do ano 1250. A súa existencia vese envolta nas néboas propias da Idade Media, cando non se conserva documentación suficiente. O seu ví...
Trobador barcalés, compositor de cantigas cargadas de sátira, erotismo e rexoubaO poeta e músico Afonso Eanes do Cotón –trobador, xograr, segrel, escudeiro?– viviu dende finais do século XII ata arredor do ano 1250. A súa existencia vese envolta nas néboas propias da Idade Media, cando non se conserva documentación suficiente. O seu vínculo coas terras barcalesas é salientado por diversos autores, sobre todo por situarse na vila de Negreira o Pazo do Cotón, un edificio barroco con orixes medievais e que podería considerarse o seu espazo mítico.
Debémoslle esencialmente ao escritor Xulián M. Magariños Negreira (1904-1934, cofundador do histórico Seminario de Estudos Galegos) a recuperación da figura histórica do segrel ou trobador Afonso Eanes, sobre todo a partir da publicación do seu traballo «Alfonso do Cotón, humorista», no número 33 da revista
Nós, do 15 de setembro de 1926. El prefería definilo coma o
troveiro barcalés
. Ao longo do século XX fóronse coñecendo novas pescudas e publicacións, con máis requintadas análises da súa obra, alicerzadas por varios especialistas na lírica medieval galego-portuguesa. Antes da edición de estudos máis recentes, varios autores –aquí e alén do Miño/Minho– tamén estudaron algo a súa biografía ou recolleron as súas cantigas en antoloxías. Citamos nunha listaxe incompleta a Antonio López Ferreiro, Carolina Michaëlis de Vasconcellos, José Joaquim Nunes, Manuel Rodrigues Lapa, Giuseppe Tavani, Menéndez Pidal, Francisco Fernández del Riego, Xosé María Álvarez Blázquez, Alexandre Pinheiro Torres, Mercedes Brea, Xabier Ron, Dolores Vilavedra e, en especial, Silvia Gaspar, coa edición en 1995 do seu
Libro dos Cantares de Afons´Eanes do Cotón. Tamén son diversas as formas coas que se ten rexistrado o seu nome: Affonss' Eanes, Affonso Anis ou Anes, Affonso Añes, Affonso do Cotom, Affonso Anis do Cordu, Afonso Eáns, Alfonso do Cotón, Afonso Eans, Afons´Eanes do Coton... Xúntase o nome de pía (Afonso), co patronímico (Eanes, fillo de Johan) e o topónimo do lugar de procedencia. Así nolo fai ver a escritora Silvia Gaspar.
O profesor portugués José Joaquim Nunes caracteriza a Afonso Eanes do Cotón coma unha
personalidade literária extremadamente fascinante. O verdadeiro tipo do segrel ou nobre envilecido (...) Coton foi, de qualquer modo um “poète maudit”, um boémio, na boa tradição que vem desde Empédocles
.
Afonso Eanes do Cotón puido formar parte dunha familia da baixa nobreza dos séculos centrais da Idade Media, nas terras de Trastamara. Nas primeiras obras sobre el tamén se recollía a forma Eans como apelido. Coñeceu como rapsodo as cortes reais e feudais de Fernando III (“o santo”) e Afonso X (“o sabio”). Escribiu un bo feixe de cantigas de amor, de amigo, de escarnio e maldicir (as máis numerosas) e unha tenzón con Pero da Ponte, de quen se conta que o matou nunha taberna da Cidade Real manchega para lle roubar os seus versos. Destacou polo atrevido das súas composicións, sobre todo cargadas de sátira, erotismo e rexouba.
Despois dun tempo inicial nas terras galegas, Eanes viviu nos territorios da Península Ibérica onde se daba o chamado proceso de Reconquista dos reinos cristiáns fronte aos musulmáns. Eran os anos nos que estaba presente na Corte de Toledo e noutros espazos de Castela e Portugal. Dise que puido ter participado no proceso reconquistador de Córdoba (1236), Xaén (1246), e probablemente tamén de Sevilla (1248).
O trobador negreirés foi contemporáneo dos mestres da lírica medieval compostelá. No entender de Xosé María Álvarez Blázquez, que subscriben outros biógrafos, Afonso Eanes tivo na súa vida dúas etapas ben diferentes: a primeira de maior dignidade social e ao servizo das armas reais e un segundo período de envilecemento e pobreza,
ao que sería empurrado pola súa vida desgarrada e tola de tafur e bebedor, entrampado no xogo e en toda sorte de aventuras
. E nunha destas liortas finou a mans do seu discípulo Pero da Ponte, cando xuntos bebían e pelexaron nunha taberna de Cidade Real, chamada daquela Pozuelo Seco e Vila Real (nome disposto polo rei Afonso X). A morte a coiteladas de Eanes sempre se sitúa arredor do ano 1250, inda que hai quen a fixa con maior precisión en 1266. É outra proba da febleza que posúen os seus datos biográficos. Tal final tráxico áchase envolto no misterio; e os versos de escarnio que escribiu o propio rei Afonso X sobre o tema deron lugar a variadas interpretacións sobre o suceso. Xabier Ron no artigo «Carolina Michaëlis e os trobadores representados no Cancioneiro da Ajuda» (2005) escribe sobre Pero da Ponte que Afons´Eanes do Coton era o seu protector e que
precisamente será nunha tensó que mantén co trobador de Coton, onde se dean os argumentos para definir a súa condición social e interpretativa, xa que el mesmo autonoméase “escudeiro” e Coton, en función deste feito e de que sexa acusado de vender os seus servizos por diñeiro, define a Pero da Ponte como “segrel”
. E considera que Pontevedra pode ser o berce orixinario de Pero da Ponte, o posible homicida de Afonso Eanes.
Nos datos que é capaz de recompilar Silvia Gaspar, ademais de se parar nas versións do nome do poeta («De onde naceu e por que deixou as terras do Tambre») e na cuestión social, ofrece dous epígrafes que ben resumen o seu periplo vital. En «De cando coñeceu a gloria» alude á súa época dourada, ben relacionado nos ambientes cortesáns, e
con persoeiros, artistas e soldados
. Coa leva do conde de Traba, Eanes marchara de Galicia, morando nas terras castelás, portuguesas e andaluzas, e xa tiña a Pero da Ponte como o seu discípulo e amigo. En «...E de cando baixou ós infernos», pola contra, danse os seus episodios menos positivos. Hai as retesías que describe, por exemplo, a cantiga de Martim Soares e as súas vivencias polas tabernas e prostíbulos, a súa compaña con
soldadeiras
e unha deriva cara a súa
progresiva destrución tanto física como moral
, nunha frase de Menéndez Pidal.
Na obra
Lírica Profana Galego-Portuguesa (1996) destácase que
a súa época de maior actividade poética desenvólvese na década que vai de 1240 a 1250
.
Presenza actual
En Negreira, dende o ano 1976, unha Asociación Cultural comarcal leva o seu nome. Hai o Coto Municipal Afonso Eanes –chamado así dende 1986– e en 1996 esta entidade erixiu nese parque un monólito conmemorativo. Entre 1980 e 1990 a citada asociación publicou 25 números do
Boletín Afonso Eans. En 1995 a profesora Silvia Gaspar publicou o
Libro dos Cantares de Afons´Eanes do Cotón, co patrocinio do Concello negreirés. Ata agora trátase do estudo máis rigoroso sobre este
poeta cáustico e inconformista
, en palabras de Silvia Gaspar. E a publicación
Vinte anos trobando coa cultura. “Afonso Eanes” (1976-1996) –nunha edición de Amancio Liñares, 1997– recollía a memoria esencial deste colectivo cultural comarcal. Entre 2002 e 2004 a Asociación Cultural Afonso Eanes, tresCtres Editores e euroGráficas, co patrocinio do Concello de Negreira, convocaron tres edicións do premio de poesía Afonso Eanes do Cotón –de ámbito galego–, que deu lugar á publicación dos tres poemarios galardoados. Unha rúa da vila chámase Afonso Eanes do Cotón, dende o ano 2009. E dende 2014, un grupo de xente moza ocupouse de revitalizar con novos folgos e actividades a veterana sociedade cultural barcalesa. En setembro de 2022, a corporación municipal de Negreira, por unanimidade, decidiu, asignarlle o nome de Afonso Eanes do Cotón ao auditorio do centro sociocultural da vila.
No tocante á súa produción literaria, nos últimos anos varios especialistas na lírica medieval galego-portuguesa seguen ofrecendo estudos e análises destes versos, en varias publicacións. E, como conclúe Silvia Gaspar,
en calquera caso, as verbas daquel poeta cáustico e inconformista consérvanse e o seu nome é hoxe recordado
.
Obra de Afonso Eanes do Cotón
Como é habitual coas composicións dos trobadores da Idade Media, que cultivaron a Lírica Galego-Portuguesa, a obra de Eanes aparece espallada en varios cancioneiros.
Neste caso trátase de vinte e catro cantigas que nos chegaron vinculadas ao seu nome e que se recollen no
Cancioneiro Portugués da Vaticana e no
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (ou
Cancioneiro Colocci-Brancuti). Estas creacións áchanse divididas en catro bloques: cantigas de amigo, cantigas de amor cunha tenzón e versos soltos, trece pezas satíricas e de temática miscelánea e mais outras catro pezas humorísticas no cuarto bloque,
pero en mal estado de conservación
, segundo indica Silvia Gaspar. Resende de Oliveira dubida da autoría dalgunhas destas estrofas como propias de Afonso Eanes, pero tamén sinala que o barcalés podería ser quen escribiu outros poemas considerados anónimos. Nesta liña, está aínda por determinar se outras dúas cantigas de amor, que forman parte do
Cancioneiro de Ajuda (século XIII) poderían ser del.
Obsérvase, polo expresado, que na obra de Eanes do Cotón
están representadas todas as principais modalidades vixentes no seu tempo (...): cantigas de amigo, cantigas de amor e cantigas de escarnio (ou escarnho) e maldicir
. Segundo Silvia Gaspar, nestas últimas é nas que o poeta se revela máis
agudo e prolífico
. No
Diccionario da Literatura Galega. I. Autores (1995) dise:
O seu humor toca boa parte dos tópicos do cancioneiro burlesco: os estamentos sociais (...), os colegas de profesión (...), os pretensos cruzados a Ultramar, a vellez feminina, as soldadeiras e as covilleiras, a destreza sexual dunha abadesa, a homosexualidade masculina e feminina
. Nesta obra tamén se insiste na súa sona goliardesca e nos problemas da integridade e autoría das composicións deste autor.
Todas e cada unha destas composicións poéticas son analizadas polo miúdo na obra da especialista Silvia Gaspar,
Libro dos Cantares de Afons´Eanes do Coton (1995), onde se achega amais un vocabulario esclarecedor. Un bo exercicio literario, que comeza coa composición «Ai meu amigu´e meu lum´e meu ben» (I) e abrangue ata «Marinha, en de folengares» (XXIV).
No cabo, unha curiosidade máis: a palabra
vaca
entrou por primeira vez na literatura galega nuns versos de Afonso Eanes:
Foi Don Fagundo un dia convidar / dous cavaleiros pera seu jantar, / e foi con eles sa vaca encetar...
. Así o recolleu o historiador Miguel Anxo Seixas (2009).
BibliografíaÁlvarez Blázquez, Xosé María (1975): Escolma da poesía medieval. Pontevedra: Edicións Castrelos.
Arias Freixedo, Xosé Bieito (1993): Antoloxía de poesía obscena dos trobadores galego-portugueses. Santiago de Compostela: Edicións Positivas.
Brea, Mercedes (coord.) (1996): Lírica Profana Galego-Portuguesa. Santiago de Compostela: CRPIH, Xunta de Galicia.
Callón, Carlos (2011): Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.
Fernández del Riego, Francisco (1971, 2ª ed.): Historia da Literatura Galega. Vigo: Galaxia.
Fernández del Riego, Francisco (1990): «Eanes de Cotón, Afonso». En Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro.
Gaspar, Silvia (1995): Libro dos Cantares de Afons´Eanes do Cotón. Negreira: Concello.
González, Déborah e Pilar Lorenzo Gradín (ed.) (2022): Vieiros trobadorescos. Mercedes Brea. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, CRPIH.
Gutiérrez, Xulio (2023): Cancioneiro Medieval Galego-Portugués. A Coruña: Menestreis.
Liñares Giraut, X. Amancio (1981): «Eanes do Cotón, el trovador gallego», Antena Dominical – La Voz de Galicia, A Coruña, (30 de agosto de 1981)
Liñares Giraut, X. Amancio (1981): «Dos 'troveiros' gallegos», Antena Dominical – La Voz de Galicia, A Coruña, (6 de decembro de 1981).
Liñares Giraut, X. Amancio (ed.) (1997): Vinte anos trobando coa cultura. “Afonso Eanes” (1976-1996). Negreira: Sociedade Cultural Afonso Eanes.
Magariños Negreira, Xulián Manuel (1926): «Alfonso do Cotón, humorista», en Nós, 33 (15 de setembro de 1926), 12-13.
Meléndez Cabo, Marina e Isabel Vega Vázquez, (2010): Guía para o estudo da lírica profana galego-portuguesa. Santiago de Compostela: CRPIH, Xunta de Galicia.
Nunes, José Joaquim (1926-1928): Cantigas de Amor dos trovadores galego-portugueses. Coímbra: Imprensa da Universidade.
Pena, Xosé Ramón (2013): Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853. Vigo: Xerais.
Puentes Chao, Antonio (1996): «Acerca dun estudio sobre un poeta medieval da comarca», O Norte, 37 (1ª quincena de maio de 1996).
Seixas Seoane, Miguel Anxo (2009): «Afalarlle a Galicia». En Xurxo Lobato: No país das vacas. Vigo: Xerais; 30.
Torres, Alexandre Pinheiro (1977): Antologia da poesia trovadoresca galego-portuguesa. Porto: Lello & Irmão.
Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega. I. Autores. Vigo, Galaxia.