----

O Álbum de Galicia suma a biografía de Xoán González-Millán

O docente e investigador Xoán González-Millán (O Grove, 1951 – Nova York, 2002) centrou a súa liña de traballo na narrativa galega contemporánea, un ámbito en que destacou por renovar substancialmente os estudos literarios galegos no posfranquismo. A súa traxectoria profesional desenvolveuse na cidade de Nova York, desde onde articulou a Galicia da diáspora. “O seu compromiso coa difusión da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais foi incansable”, subliñan Dolores Vilavedra e Alejandro Alonso Nogueira. Eles son os autores da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado no Grove, Juan Francisco González-Millán, que reivindicou máis tarde o nome de Xoán ou Xan entre as persoas máis achegadas, licenciouse en Filosofía e Letras na Universidad Pontificia Comillas de Madrid en 1976. Nese ano, trasladouse aos Estados Unidos, onde cursou o doutoramento no Graduate Center baixo a dirección de Thomas Mermall e cun traballo titulado Proceso textual y desintegración narrativa en la novelística de Álvaro Cunqueiro. En 1990 integrouse como docente do Program in Hispanic and Luso-Brazilian Literatures and Languages e, ao ano seguinte, tras escoller a Real Academia Galega a Álvaro Cunqueiro como figura protagonista do Día das Letras Galegas, escribiu dúas monografías sobre o escritor: Álvaro Cunqueiro: os artificios da fabulación e Álvaro Cunqueiro e “Merlín e familia”. Ambas as obras “chegaron para mudar de vez as interpretacións dun autor pexado pola etiqueta do realismo máxico”, apuntan Vilavedra e Alonso Nogueira, pois “as achegas de González-Millán fornecían as ferramentas analíticas para descubrirmos todo o potencial subversivo que agochaban as estratexias paródicas e intertextuais das novelas do mindoniense”.


Posteriormente, González-Millán centrou o seu campo de estudo na narrativa galega contemporánea e, en concreto, en cuestións “vencelladas á suposta condición periférica da literatura galega”, explican os autores da súa biografía. Nela, chaman a atención sobre como Xoán González-Millán renovou os estudos galegos no posfranquismo, ata ese momento “moi ancorados nos modelos historicistas”, a través da procura dunha “nova episteme dende a que ofrecer hipóteses interpretativas de carácter totalizador”. Para iso, valeuse da socioloxía de Pierre Bourdieu, das teorías sistémicas da escola de Tel Aviv e das liñas de traballo do Centro de Investigación Universitaria da Literatura do Quebec, enfocadas na análise da literatura como obxecto social. A pegada desas contribucións reflíctense en Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) , obra de 1994, e en A narrativa galega actual (1975-1984). Unha historia social, de 1996.
Desde a segunda metade dos anos noventa, os intereses de González-Millán derivaron cara á “análise da tensión dialéctica entre a cuestión nacional(ista), a articulación institucional da literatura e a dificultosa colocación desta na esfera pública galega”, apuntan Vilavedra e Alonso Nogueira. Desta etapa cómpre destacar o artigo “Do nacionalismo literario á literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudo institucional da literatura galega”, publicado en 1994 no Anuario de Estudios Literarios Galegos, e que se pode consultar na súa entrada do Álbum de Galicia. Nel, González-Millán “establece un par conceptual opositivo e complementario (nacionalismo literario/literatura nacional) que resultou extraordinariamente revelador para varias xeracións investigadoras”, continúan os autores da súa biografía.

Ademais, escribiu o libro Communication littéraire et culture en Galice (1997) xunto con Antón Figueroa, con quen compartiu o interese sobre a cuestión da diferenza identitaria como resultado dun proceso histórico determinado e a concepción da cultura como un espazo de resistencia ao poder. Estas preocupacións estiveron na orixe da súa obra Resistencia cultural e diferencia histórica (2000), na que González-Millán “suxire camiños polos que transitarmos cara á construción duns ‘espazos sociais’ galegos que poidan resultar operativos nos procesos de resistencia ante unha uniformidade globalizadora”, explican Vilavedra e Alonso Nogueira.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Francisco María de la Iglesia, Salvador Golpe Varela, Afonso Eanes do Cotón e Eduardo Rodríguez-Losada.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.