----

A biografía da escritora Elena Quiroga entra no Álbum de Galicia

Elena Quiroga (Santander, 1921 – A Coruña, 1995) foi unha escritora independente e innovadora. Sobresaíu cunha extensa obra narrativa, coa que contribuíu ao auxe da novela española nos anos cincuenta e sesenta do século XX. Galardoada co Premio Nadal en 1950 pola súa novela Viento del Norte, foi designada académica numeraria da Real Academia Española “polo valor da súa obra literaria, pola súa orixinalidade e polo dominio da arte de novelar”. Así o explica Xosé Ramón Fandiño na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nada en Santander, Elena Quiroga viviu a súa infancia entre a capital cántabra e a parroquia galega de Viloira, no Barco de Valdeorras, de onde era orixinario o seu pai. Tras cursar os seus estudos entre Bilbao, Barcelona e Roma, regresou en 1938 ao Barco de Valdeorras e, catro anos despois, instalouse na Coruña, “cidade na que, con formación autodidacta, iniciou a súa carreira literaria”, tal e como explica Xosé Ramón Fandiño na súa biografía.

No ano 1949 publicou a súa primeira novela, La soledad sonora, á que seguiu Viento del Norte (1951), coa que acadou o Premio Nadal de 1950 e a que situou a autora “na primeira fila da narrativa do momento”, continúa Fandiño. “Considerada por moitos críticos como unha obra mestra”, a novela centrábase na disolución da baixa nobreza rural, un tema que continuou abordando en La sangre (1952).

Entre as décadas de 1950 e 1960, Elena Quiroga publicou o groso da súa produción literaria. Desta época, destacan obras como Trayecto uno (1953), La otra ciudad (1953), Algo pasa en la calle (1954) ou La enferma (1955), baseada na historia de Olegaria Dieste, quen, namorada de Castelao, sufriu problemas de saúde mental tras casar este con Virxinia Pereira. Ademais, cómpre mencionar as novelas La careta (1955), Plácida la joven (1956) ―sobre a que falou nunha entrevista para El Correo Gallego, que se inclúe entre os materiais da súa entrada no Álbum de Galicia― e La última corrida (1958).

Nos anos sesenta publicou Tristura (1960) e Escribo tu nombre (1965), dúas obras que “teñen moito de autobiográfico, pois contan a vida desde os 8 aos 16 anos da nena Tadea, posiblemente trasunto da autora”, explica Xosé Ramón Fandiño. Durante esta etapa, saíron tamén do prelo os poemarios Carta a Cadaqués (1961) e Envío al Faramello (1963), no que sobresaen as “reiteradas referencias a Galicia e a Santiago de Compostela”, subliña Fandiño. De feito, ademais de na súa obra poética, Galicia está presente na “acción de sete novelas de Elena Quiroga”, continúa Fandiño, quen recolle na súa biografía as palabras de Rafael Lapesa, afirma que “toda Galicia, de norte a sur e de leste a oeste, paisaxe, xentes, alma e vida, se condensa na obra de Elena Quiroga”.

En 1973 publicou Pasado profundo, a súa última novela, e once anos despois foi designada académica numeraria da Real Academia Española. Ingresou o 8 de abril de 1984 co discurso Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro e foi, tras Carmen Conde, a segunda muller en ocupar unha cadeira na institución.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Xoán González-Millán, Francisco María de la Iglesia, Salvador Golpe Varela e Afonso Eanes do Cotón.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.