O matemático de BermésNacido no seo dunha familia labrega do Deza, José Rodríguez mostrou desde moi cedo boa disposición para os estudos. En 1780 trasladouse ao Colexio de Humanidades de Monforte de Lemos, lugar onde contaba co apoio dun tío que pertencía á comunidade relixiosa que dirixía o Colexio do Cardeal, a Congregación dos Mercedar...
O matemático de BermésNacido no seo dunha familia labrega do Deza, José Rodríguez mostrou desde moi cedo boa disposición para os estudos. En 1780 trasladouse ao Colexio de Humanidades de Monforte de Lemos, lugar onde contaba co apoio dun tío que pertencía á comunidade relixiosa que dirixía o Colexio do Cardeal, a Congregación dos Mercedarios. Aquí completou a formación inicial con estudos de Gramática, Aritmética e Latín. En 1786, cando contaba con dezaseis anos de idade, perdeu a protección familiar polo falecemento do seu tío e trasladouse a Santiago de Compostela para continuar os estudos eclesiásticos, unha formación que lle viña máis por imposición da familia que por vocación. A precariedade económica na que se desenvolvía desde o pasamento do tío frade, que lle facía moi difícil continuar coa súa formación, resolveuse en 1787, cando gañou unha bolsa do Colexio Menor de San Xerome que lle deu a posibilidade de continuar cos estudos.
En 1790 acadou o grao de Bacharel en Filosofía e cinco anos despois, en 1795, o de Teoloxía, aínda que renunciou aos votos sacerdotais porque decidiu dedicarse ao mundo das ciencias naturais e exactas, o que sempre lle interesara. De xeito constante e moitas das veces autodidacta e a través das lecturas de científicos recoñecidos, como o inglés Isaac Newton (1643-1727), o suízo Leonard Euler (1707-1783) e o francés Jean D’Alembert (1717-1783), formouse no coñecemento da matemática e da física. Tamén recibiu leccións do catedrático da Universidade compostelá Luis Marcelino Pereira. Pouco a pouco foi gañando o respecto do claustro e das aulas en Fonseca.
Cando en 1798 o titular da cátedra de Matemática, Pereira, aceptou un ascenso, a súa vacante foi ocupada como substituto por Cristóbal Pecul, quen tivo moito interese en que esta lle fose concedida directamente e, para tal fin, gañou a amizade de influentes claustrais. Outro aspirante ao posto foi José Lucas Labrada (1762-1842), o autor da
Descripción económica del Reino de Galicia (Ferrol, 1804). Pero Xosé Rodríguez solicitou a oposición da vacante no preparatorio da Facultade de Medicina. Anunciada en 1800, Rodríguez foi o gañador da mesma en 1802, cun éxito incuestionable, que mesmo levou a que se sorprendesen os membros do tribunal (Francisco Roldán, enxeñeiro hidráulico; Francisco de Zebra, profesor de Matemáticas do Real Consulado da Coruña; José Alonso López y Nobal, profesor de Matemáticas na Academia de Guardias Marinas de Ferrol), que o xulgaron polo seu elevado nivel en Aritmética, Álxebra, Trigonometría, Cálculo, principios de Mecánica hidrostática e Astronomía. Esta situación propiciou a remisión dun informe ao Rei onde cualificaban a Rodríguez de
xenio
. José Rodríguez González tomou posesión da cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela o 11 de abril de 1801, e fíxose cargo dela ata 1803.
Desde este momento, o chamado "matemático do Bermés” fomentou o estudo das ciencias exactas na Universidade compostelá e comezou a interesarse pola Botánica. Tamén iniciou relacións sociais e de amizade con representantes do liberalismo progresista do momento e que, por idade, xa dispoñían de recoñecemento académico ademais de político: o catedrático do Colexio de Farmacia Julián Suárez Freire, co que mantivo unha estreita amizade ao longo da súa vida; o cóengo Pedro Antonio Sánchez e o impresor Manuel Antonio Rey (“Rey Chiquito”). Este ambiente permitiulle, en parte, poder ter acceso a outras universidades e entidades de investigación europeas ás que se desprazou entre 1803 e 1820.
A formación e a actividade no estranxeiro
A súa primeira saída ao estranxeiro, entre 1803 e 1806, tivo como destino París, a onde se foi como docente de Astronomía. Para que puidese ampliar a súa formación, a Universidade de Santiago concedeulle a excedencia da cátedra co pagamento da metade do soldo; o outro 50% que restaba do mesmo foi sufragado polo goberno de Carlos IV.
En 1806 foi nomeado polo goberno de España Comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Basilea, un proxecto que formaba parte dunha iniciativa internacional dirixida por dous científicos franceses, o xeógrafo e astrónomo Pierre Françoise André Mechain (1744-1804) e o matemático e tamén astrónomo Jean-Baptiste-Joseph Delambre (1749-1822). En 1808 continuou a formar parte da Comisión para o tramo español da prolongación do Meridiano de Barcelona ás Illas Baleares. Os científicos franceses membros da comisión, cos que estableceu amizade, foron o astrónomo e físico Domenique-François-Jean Arago (1786-1853) e o xeodesta e tamén astrónomo Jean-Baptiste Biot (1774-1862). O primeiro deles solicitou ser apresado nas Illas Baleares polas tropas españolas tras a proclamación de Guerra de Independencia fronte á invasión francesa, ante o temor de perder a súa vida na contenda. Trasladárase ao arquipélago xunto con Rodríguez desde o litoral levantino para continuar coa triangulación da costa nas illas. Pero, por algunha razón, o investigador galo rematou nunha fortaleza en Mallorca, condenado á pena capital. Cando Rodríguez coñeceu a nova ideou un plan para salvar o seu compañeiro. Entrevistouse co capitán xeneral das Illas Baleares para que dese a orde de poñer en liberdade ao prisioneiro. Dos preparativos para abandonar a Illa encargouse o mesmo Rodríguez, sendo este un episodio moi descoñecido. Arago e os seus compañeiros franceses presos con el emprenderon a fuxida o 28 de xullo. Con data de 3 de agosto o científico galo xa se atopaba en Arxel.
A actividade política
A vinculación de Rodríguez coa política sempre foi activa, sumándose aos liberais máis progresistas do momento. O racionalismo científico que o caracterizou fixo que aceptase o liberalismo como a fórmula política máis axeitada para avanzar cara á modernización da sociedade, aínda que recoñecía, igual que a maioría dos científicos da época, a existencia dunha forza contraria, a Igrexa. Consideraba que o clero en xeral e os bispos en particular eran
infames españoles y malísimos ministros del Señor
, segundo lle escribe a Suárez Freire en carta datada o 11 de abril de 1821. Baixo esta condición ideolóxica liberal foi elixido deputado por Galicia nas primeiras eleccións acontecidas no período constitucional do reinado de Fernando VII, o Trienio liberal (1820-1823). Estas foran convocadas o día 22 de marzo de 1820 e tiveron lugar o 21 de maio dese mesmo ano. Durante as lexislaturas de 1820, 1821 e a extraordinaria de 1821-1822 foi membro das comisións de Mariña, de Pesos e Medias, para o fomento da Minería de Nueva-España e de Etiqueta. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela -tal como escribe nunha carta datada o 14 de abril de 1821- e mostrou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria, á imaxe do que estaba a acontecer noutros estados europeos. Isto levouno a defender a creación dunha Universidade Central, en Madrid, coa pretensión de reunir
una gran masa de luces para que pueda difundirse después por las provincias [...] En ella se reuní(irían) no sólo los sabios de la Nación sino también los de las naciones extranjeras
, segundo se recolle no
Diario de las Sesiones de Cortes do 9 de xuño de 1821.
Pero a situación de crise política e a quebra de Facenda imposibilitaron a efectiva realización dunha revolución liberal profunda en España por este tempo. Esta situación levou a Rodríguez a ficar moi decepcionado, tanto pola incapacidade dos políticos e do goberno como pola restauración absolutista de Fernando VII tras a fin do Trienio liberal o 29 de setembro de 1823, o que supuxo a liquidación do réxime liberal que miraba ás Cortes de Cádiz e á Constitución de 1812, que el admiraba e defendía.
Reinstaurado o absolutismo, Rodríguez foi afastado da cátedra de Astronomía da Universidade Central e fuxiu a Portugal. De novo aproveitou a súa estancia fóra para completar o seu coñecemento nas Universidades de Coímbra e Lisboa, aínda que por motivos de saúde tivo que regresar a Galicia pouco despois, entre agosto e setembro de 1824. De volta en Compostela foi acollido na casa do seu amigo Suárez Freire, o seu herdeiro universal, deixándolle a lexítima dos pais aos dous irmáns. Finou o 30 de setembro de 1824, o mesmo día que testou, na parroquia de San Frutuoso. Foi soterrado no igrexa compostelá de Santo Agostiño, tal e como deixara escrito no testamento; porén, no templo non se atopa ningunha inscrición que nos confirme este dato.
Contribución científica: a medición do meridiano, a Xeoloxía e a Astronomía
A Junta Central Suprema encargoulle a Rodríguez, en 1808, que desde Cádiz fixese as medicións e os cálculos precisos para elaborar un mapa exacto de España. Entre 1809 e 1811 o matemático galego trasladouse a Londres por orde da mesma Junta Central para continuar coas súas investigacións científicas noutros centros preeminentes, o que o levou a establecer contacto co capitán da Armada José Mendoza Ríos (1763-1816), un dos astrónomos españois máis destacados do século XVIII. Nestes anos é cando escribe para a Royal Society de Londres a memoria «Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge». O texto foi posteriormente publicado nas
Philosophical Transactions (1812) e traducido ao francés por Delambre para
Connaissance des Temps, e ao castelán polo astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) para o Seminario de Estudos Galegos.
Neste texto nárrase a historia das expedicións para confirmar as previsións teóricas de Christiaan Huygens (1629-1695) e Isaac Newton (1643-1727), segundo as cales o movemento de rotación ocasionaría diferenzas na forza da gravidade e polo mesmo a forma da Terra non sería unha esfera perfecta senón que estaría lixeiramente afundida nos polos. Case todas as medicións coincidían, con pequenas variacións, cos seus resultados e no valor da excentricidade, todas excepto unha: aquela feita polo físico británico John Mudge (1721-1793), desenvolvida tamén con moita precisión pero que chegaba a unha conclusión totalmente oposta á de Rodríguez, xa que segundo esta teoría a terra estaría achatada polo ecuador. O matemático de Bermés amosou que existía un erro nos cálculos de Mudge, en concreto na determinación da latitude da estación de Arbury Hill. Refixo todas as operacións para que os resultados cadrasen cos das outras medicións e acadou como valor da excentricidade 1/320, moito máis preciso que o de 1/206 que dera Delambre, de quen ademais Rodríguez adoptara o interese pola Lonxiometría que posteriormente o levaría a colaborar nas bases unificadoras das pesas e das medidas en España e Alemaña. Os Colleges, a Royal Society, institución coa que o profesor Rodríguez colaboraba desde 1797, e outros centros de investigación recoñeceron de seguido o valor da contribución de José Rodríguez. Mesmo o profesor de matemáticas da Universidade de Edimburgo, John Leslie (1766-1832), deixou constancia do avance debido á precisión de cálculo de Rodríguez no tomo I da
Enciclopaedia Britannia (1768-1781). Pero como sería sinxelo supoñer, tamén houbo quen considerou que as pescudas de Rodríguez viñan ser un ataque aos científicos ingleses, como foi o caso de Olinthus Gregory, quen no volume XXXIV da revista
A Journal of Natural Philisophy, Chemistry anda the Arts publica o artigo
A reply to Don Joseph Rodriguez’s Animadversions on part of trigonometrical survey of England.
Entre 1812 e 1814 Rodríguez volveu a facerse cargo da cátedra de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago e manifestouse como grande impulsor da ciencia e da difusión da mesma a través da defensa dos Colexios prácticos, aqueles que recollían o interese ilustrado polas ciencias
útiles
, aínda que tiveran unha constitución tardía en Galicia con respecto a outros puntos do Estado: o Colexio práctico de Cirurxía aparecera en 1799 e o de Farmacia en 1815. Xosé Rodríguez declárase a favor deste ensino moderno e coméntalle a Suárez Feire sobre o Colexio de Farmacia nunha carta sen datar:
que los discípulos de estos colegios deberán aventajarse y sobresalir, más que los estudiantes de pío pío de nuestras mezquinas Universidades. Aquellos esparcirán insensiblemente en la Nación, una masa de luces y conocimiento sobre las ciencias naturales y sus utilísimas aplicaciones, de que no son capaces estos últimos
. Pero fronte ás previsións de resistencia tamén recomendaba que:
estos sermones deben hacerse con precaución [...] hablando y ponderando solamente las ventajas inmediatas de estos colegios [...] que los profesores no se permitan la menor expresión que pueda ofender las ideas religiosas y políticas
.
O feito de acadar outra axuda económica para unha estancia científica no estranxeiro determinou que viaxase de novo a Francia e tamén a Alemaña, entre 1814 e 1817. O seu substituto na cátedra de matemáticas foi un discípulo seu, o xeógrafo Domingo Fontán, que ocupou a interinidade ata 1818, momento no que se converteu en titular da mesma. Esta nova viaxe fíxoa por encarga do goberno e para ampliar estudos en Ciencias naturais na Escola de Minas de Freiberg e na Universidade de Gotinga, centro mundial do coñecemento xeolóxico. Alí sorprendeuno a biblioteca de 300 000 volumes e os laboratorios científicos, o xardín botánico, o observatorio astronómico, etc.
Durante esta segunda estadía por Europa, Rodríguez completou os seus coñecementos en Mineraloxía e coñeceu ao abade René J. Haüy (1743-1822), o pai da Cristalografía moderna. A este científico uniuno unha forte amizade persoal e mostra disto é a colección de 1024 modelos cristalográficos catalogados e ordenados coa que o científico francés agasallou ao matemático galego. Esta colección, da que só existen dúas coma ela no mundo, pasou logo da morte de José Rodríguez, a Suárez Freire, que a deixou en legado a Pedro Romero e, posteriormente, en 1846, chegou a mans dun sobriño de Freire, Luis Suárez, quen lla vendeu en 1847, por 4000 reais, á Universidade compostelá -alí se atopa hoxe-, algo que foi moi positivo para os inicios dos estudos da cristalografía en España, anteriores aos de Inglaterra ou Francia. Nesta segunda viaxe tamén coñeceu a Delambre e ao científico alemán Abraham Gottlob Werner (1749/50-1817), o fundador da Xeognosia.
José Rodríguez publicou dous artigos máis. Un referido a temas de xeodesia, «Veber die Größenverhältnisse des Erd-Sphäroids (Sobre as proporcións do esferoide terrestre)», publicado en 1817 na revista
Zeitschrift für Astronomie und verwandte Wissenschadften e cando xa o matemático galego regresara a España da súa estancia en Alemaña. O outro está referido ao tema xeolóxico e foi publicado no volume XX da revista
Annales de Chimie et de Physique (París, 1822), baixo o título «Notice géognostique sur la Sierra Nevada».
En 1817, logo de rexeitar a oferta dun comisario arxentino que viaxara a París en busca de científicos, Rodríguez regresou a España. Ao ano seguinte, o emperador ruso Alexandre II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo. Rodríguez decidiu consultalo co goberno de España que, ante a posibilidade de perder a capacidade científica do galego, ofreceulle exercer o mesmo posto en Madrid desde 1819. O matemático aceptou a encomenda unha vez que renunciou á titularidade da cátedra na Universidade de Santiago. Foi nomeado director do Observatorio Astronómico e profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales. En 1821 accedeu á cátedra de Astronomía da Universidade Central.
Por este tempo tamén aceptou o encargo de dirixir os
Calendarios Agrícolas para Galicia e Asturias, un episodio complexo na carreira académica e científica de Rodríguez porque lle supuxo duras críticas dos grupos máis confesionais, que non aceptaban as súas referencias políticas, sempre por riba das relixiosas. Ademais, o matemático galego non tivo éxito nesta empresa porque para abaratar custos decidiu facelo en Galicia, no obradoiro do seu amigo Manuel Antonio Rey, dono da imprenta sita no Preguntoiro (Santiago de Compostela). O proxecto non rematou ben e Rodríguez tivo que poñer cartos do seu peto para poder entregarlle o traballo ao monarca. A venda dos calendarios tamén foi escasa, ao contar co agravante de que os curas fomentaban entre a poboación campesiña, á que ía destinada a obra, a crenza de que foran feitos por un republicano, coa pretensión de difamalo entre os sectores máis inmobilistas da sociedade.
Ademais do legado cristalográfico de Rodríguez á Universidade de Santiago, o “matemático de Bermés” sempre enviou libros e material de laboratorio e científico para a Academia galega, mesmo produtos químicos para Farmacia e Medicina. De feito, algún do rudimentario instrumental empregado polo xeógrafo Domingo Fontán na elaboración da
Carta Geométrica de Galicia acadouno Rodríguez nas súas comisións científicas e de estudos por Europa. Este instrumental atópase hoxe entre os fondos do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.
No ano 2024 A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiuno
Científico Galego do Ano
.
Bibliografía
Fontes manuscritas
Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS): Expediente persoal. Cartafol 1.239 (2).
Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS): Manuscritos (93 documentos: cartas e varios). Serie Histórica. Expediente persoal. Cartafol 22 (documentación microfilmada)
Arquivo do Museo Nacional de Ciencias Naturais. CSIC: Rolo 83, Referencia: 507 (antiga Caixa 1, Carpeta 16).
Fontes impresas
Biot, J.B. (1810): Notice sur les Operations d’Espagne et de France, lido en sesión pública o 2 de xaneiro de 1810 no Instituto de Francia, Academia de Ciencias; 30 p.
España. Cortes: Diario de las Sesiones de Cortes. Senado. 1820, 1821, 1822. 6 (10 de xullo de 1820), 20; 15 (19 de xullo de 1920), 198; 73 (9 de maio de 1821), 1515; 102 (9 de xuño de 1821), 2150; 137 (9 de febreiro de 1822), 2215.
Rodríguez González, J. (1812): «Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudg», Philosophical Transactions of The Royal Society of London, 102: 321-351.
Rodríguez González, J. (1817): «Ueber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids (Sobre as proporcións do esferoide terrestre)», Zeitschrift für Astronomie und werwandte Wissenschaften, Tübingen; III: 71-81.
Rodríguez González, J. (1822): «Notice géognostique sur la Sierra Nevada», Annales de chimie et d physique, XX, París, XX.
Bibliografía secundaria
Aller Ulloa, R. (1929): «Don José Rodríguez González, o Matemático do Bermés», Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, III: 27-95.
Arago, F. (1854): Histoire de ma jeunesse. Paris: Gide et Baudry.
Barral Martínez, M. (2005): «Rodríguez González, Xosé, Fraga Vázquez, X.A. e Sisto Edreira, R.». En Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores II (anteriores a 1868). Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Barreiro Fernández, X.R. (2012): «Rodríguez González, José». En Diccionario Biográfico de Parlamentarios Españoles. II: 1820-1854. Madrid: Edición de las Cortes Generales, DL 2013.
Barreiro Fernández, X.R. (coord.) (2001): Parlamentarios de Galicia. Biografías de deputados e senadores (1810-2001). Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, Real Academia Galega; I: 596-597.
Brandido Gutiérrez, C. (1994): «Contribución dun sabio galego á determinación da forma e dimenasións da terra», Lvcensia: miscelánea de cultura e investigación, 9: 9-30.
Bugallo Rodríguez, Ánxela (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia: Universidade de Santiago de Compostela.
Cid, R. (1985): Curso de Geodesia, Zaragoza. Zaragoza: Cátedra de Astronomia y Geodesia de la Universidad de Zaragoza.
Fernández Pérez, I. (2011): «Dúas obras inéditas de José Rodríguez González», Anuario Descubrindo, 11: 379-384.
Fernández Pérez, I. (2011): «A estadía de José Rodríguez González en Alemaña (1815-1817). Tradución dunha publicación súa», Revista Real Academia Galega de Ciencias, XXX: 113-126.
Fraga Vázquez, X.A. (1995): «A incorporación da ciencia experimental na Universidade de Santiago a principios do séclo XX e os Colexios prácticos». En Gallaecia Fulget (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria. Santiago de Compostela: Universidade; 300-304.
Fraga Vázquez, X.A. (1997): «Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos». En O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela; II: 405-425.
Filgueira Valverde, X. (1988): El Dr. José Rodríguez González. O Matemático do Bermés. Pontevedra: Deputación. Méndez Martínez, G. (1990): «Domingo Fontán (1788-1899) e a Cartografia galega do século XIX», Ingenium, 2: 9-21.
Moreno Castillo, R. (2004): «Xosé Rodríguez González», En 13 Matemáticos galegos. Madrid: Agapena-Anaya; 11-16.
Moreno Castillo, R. (1992): Pensamento matemático en Galicia. Sada (A Coruña): Edicións do Castro.
Paz Andrade, (1985): O Home dentro do Sávio: Pedro Joseph de Bermés (1770-182), Discurso lido no acto da presentación do autor na Academia Galega das Ciencias, Santiago: Academia Galega das Ciencias.
Rodríguez Mourelo, José (1886): Clemente (D. Simón Rojas): historia, progresos y estado actual de las ciencias naturales en España, Rodríguez González... Madrid: Ateneo Científico, Literario y Artístico.
Sampayo Yáñez, M. (2007): «Legado científico do matemático galego José Rodríguez González», Lvcensia: miscelánea de cultura e investigación, 35: 347-360.
Sampayo Yáñez, M. (2007): «José Rodríguez González: un erasmus galego nos albores do século do progreso», Gamma, 7: 83-88.
Sampayo Yáñez, M. (2006): «A familia política de José Rodríguez González». En III Congreso da Asociación galega de Profesores de Educación matemática, Lugo: AGAPENA; 137-142.
Sisto Edreira, R. e Fraga Vázquez, X.A. (1996): «A recepción da Ciencia moderna na Universidade de Santiago, 1772-1845. A incorporación da Física e da Química e o labor dos Colexios prácticos», Ingenium, 5: 23-59.
Varela, R.; López Sánchez, J.F.; López Fernández, C. (1998): «Científicos Españoles en el Reino Unido (1750-1830)», Asclepio, 50, 1: 49-68.
Varela Tobío, C. (2005): «Rúa Matemático Rodríguez», A Trabe de Ouro, 62: 131-135.
Vázquez Crespo, A. (1999): «O matemático de Bermés: memoria apasionada de un hombre sábio», Descubrindo, Lalín, 1: 265-284.