Bioquímica e primeira muller en presidir unha Academia asociada ao Instituto de España
Primeiros anos
Era filla de Aurelio Miras Azor e de Esperanza Portugal Careaga. O seu pai era un mestre que foi destinado a Galicia en 1935 e que despois da Guerra Civil cursou a carreira de dereito, exercendo de avogado no Carballiño. Desde moi cedo inculc...
Bioquímica e primeira muller en presidir unha Academia asociada ao Instituto de España
Primeiros anos
Era filla de Aurelio Miras Azor e de Esperanza Portugal Careaga. O seu pai era un mestre que foi destinado a Galicia en 1935 e que despois da Guerra Civil cursou a carreira de dereito, exercendo de avogado no Carballiño. Desde moi cedo inculcáronlle á súa filla o valor do estudo e da cultura así como un interese especial pola natureza, afección que fomentaron agasallándoa con libros sobre esta materia. Realizou os seus primeiros estudos no Colexio da Divina Pastora das Madres Franciscanas da súa vila natal, trasladándose despois a Santiago de Compostela para cursar o bachalerato superior e o preuniversitario no Colexio da Compañía de María. Comezou os estudos da carreira de Farmacia na USC no curso 1966-67 rematándoos na de Madrid en 1969-70 con Premio Extraordinario Fin de Carreira, que así mesmo lle valeu para conseguir ao ano seguinte o Premio Nacional e o Victor de Plata e Lazo de Alfonso X el Sabio, concedido polo Ministerio de Educación en recoñecemento ao seu extraordinario expediente académico. Antes de licenciarse, casou co seu compañeiro de toda a vida, Fernando Varela García, xa daquela un recoñecido matemático, que despois foi catedrático de Xeometría e Topoloxía na Universidade Autónoma de Madrid.
Formación e catedrática de Bioquímica
En 1971, trasládase ao Centre de Neurochimie do CNRS, en Estrasburgo para realizar a súa tese de doutoramento baixo a dirección do profesor Paul Mandel, permanecendo alí catro anos con bolsas do Ministerio de Asuntos Exteriores francés, o Ministerio de Educación y Ciencia español e a Fundación Juan March. A súa estadía neste laboratorio foi fundamental na súa carreira investigadora, non só por coincidir coa fulgurante expansión da Neuroquímica no mundo, senón tamén polas posibilidades que tivo de coñecer a figuras senlleiras da bioquímica, algunhas delas premios nobel, como Julius Axelrod, Rita Levi-Motalcini, George Palade, Paul Greengard, Erwin Neher, etc. En maio de 1975, obtén o título de
Docteur Sciences
pola Universidade Louis Pasteur de Estrasburgo co traballo titulado
La dopamine-B-hydroxilase (EC 1.14.17.1) du serum humain, cualificado como
Très Honorable
con felicitacións do xurado. Nese mesmo ano, en decembro, obtén o título de doutora pola Universidade Complutense coa cualificación de
Sobresaliente cum laude
pola tese titulada
Estudio comparativo de la dopamina-B-hidroxilasa bovina y humana. Interés clínico del enzima humano, dirixida polos profesores Ángel Santos Ruiz e Paul Mandel.
De volta a España, comezou os seus traballos de investigación como investigadora contratada polo Instituto Alfonso X el Sabio do CSIC e o Departamento de Bioquímica da Facultade de Farmacia da Universidade Complutense (curso 1975-76), pasando a continuación a desempeñar o cargo de profesora axudante do mesmo departamento no curso 1976-78 e, posteriormente, o de profesora adxunta por oposición con encargo de agregadoría do Departamento de Bioquímica da Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid para os cursos 1978-81. En 1981, consegue a praza de Profesora Agregada numeraria do Departamento de Bioquímica da Facultade de Medicina da Universidade de Oviedo e ao ano seguinte, o de catedrática do Departamento de Bioquímica da Facultade de Ciencias de Murcia. Finalmente, no curso 1986-87 trasladouse mediante concurso ao Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, onde transcorreu o resto da súa vida académica, como catedrática desde 1986 ata o 2018 e profesora emérita, desde o 2018 ata o seu pasamento en 2021.
Labor investigador
Foi autora de 380 traballos de investigación, moitos deles publicados nas revistas máis prestixiosas, a nivel internacional, da súa especialidade, centrados fundamentalmente no estudo dos receptores de nucleótidos no Sistema Nervioso Central e nos procesos de supervivencia, diferenciación e dexeneración neuronal, todos eles cunha gran repercusión nas enfermidades neurovexetativas (enfermidades de Huntington e Alzheimer, así como na epilepsia). Algún destes achados, como a implicación dos receptores P2X7 na neuroinflamación e a morte celular, así como o papel neuroprotector doutros receptores, serviron como orientación na investigación de medicamentos neuroprotectores e neurorreparadores. Dirixiu 24 teses de doutoramento, ten 24 patentes e deixou na Facultade de Veterinaria de Madrid un equipo consolidado e de prestixio internacional.
Labor institucional e xestión científica
Pertenceu a numerosas sociedades científicas como a Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular, da que foi membro do seu comité directivo, da European Society of Neurochemistry, na que foi presidenta do consello científico e responsable de relacións internacionais e da International Society of Neurochemistry, membro da xunta electoral, á vez que fundadora do Purinergic Club e membro do seu Advisory Board. No labor editorial tamén foi unha figura moi salientable, destacando nos órganos de xestión e dirección do
Journal of Neurochemistry e do
Purinergic Signalling, pertencendo ao Comité de Publicacións da Federation of European Biochemical Societies. Porén, o seu labor máis recoñecido foi na organización de numerosos cursos, simposios e congresos, moitos deles de ámbito internacional, como o Simposio sobre Purinergic Neurotransmission (Houston, Texas, 1992), Adenosine Metabolism (Ferrara, Italia, 1998), Nucleotides as Neurotransmitters (San Petersburgo, 1998), Purinergic Neurotrnasmission (Berlín, 1999), Purinergic frontiers (Madrid, 2014) ou First European Purine Club Meeting (Santiago de Compostela, 2019).
Formou parte de múltiples comités científicos e de asesoramento, como os que desempeñou no Clube de Roma (2003) e na OTAN (2001-2004) e, sobre todo, pola súa repercusión estatal, como presidenta en 2012 do Comité de Expertos para la Reforma del Sistema Universitario Español (coñecida como
Comisión Wert, en referencia ao ministro de Educación, Cultura e Deportes, que a promoveu). Foi tamén membro do xurado, en diversos anos, dos premios Príncipe de Asturias e Jaume I.
Vida académica e distincións
Foi membro de numerosas academias, comezando pola Real Academia Nacional de Farmacia, da que foi presidenta desde 2007 a 2012, sendo nomeada despois Presidenta de Honra. Foi a primeira muller presidenta dunha Real Academia do Instituto de España desde a súa creación no século XVIII. Tamén era numeraria da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (2012) e da Real Academia de Doutores (2019). Ademais, no estranxeiro foi acollida en moitas academias como: a Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina (2011), da que era Membro de Honra, da Academia Europea de Artes, Ciencias e Humanidades (2011), da Academia Nacional de Farmacia de Francia (2012), da Academia Europea de Ciencias (2011) e da Academia de Ciencias da URSS (sección Armenia, 2008). Foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade Rei Juan Carlos de Madrid e a Universidade Católica de Murcia.
Recibiu tamén numeroso premios e distincións como o Miguel Catalán da Comunidade de Madrid e os María Wonerburguer e Castelao da Xunta de Galicia.
Nai de dous fillos, Fernando e Alberto, que concibiu de moi nova, mesmo antes de rematar o seu doutoramento, o que a obrigou a facer fronte a moitas dificultades para poder compaxinar a súa crianza e educación co traballo experimental no laboratorio. A todo iso contribuíu a súa afouteza, unha rexa vontade, poderosa intelixencia e un fino sentido do humor. Estivo comprometida de por vida coa ciencia e o progreso, coa universidade e co papel que as mulleres deberían desempeñar na sociedade. Amaba a natureza e nunca esqueceu a súa terra á que retornaba cando o seu apertado tempo, o permitía. De feito, cumprindo a súa vontade, foi soterrada no Carballiño aos poucos días do seu pasamento.
Bibliografía
González, M.P.; Pascual-Leone, A.M.; López, B.; Ribas, J.M.; Culebras, M.T. ; Miras-Portugal, M.T. (ed.) (1985). Neuroquímica. Madrid: Universidad Complutense.
Martín Municio, A.; Miras-Portugal, M.T. (ed.) (1994): Cell signal transduction, second messengers and protein phophorylation in health and diseases. Madrid: Plenum Press.
Pablo Dávila, F. de; Miras-Portugal, M.T. (ed.) (2004): «Mujeres científicas de la SEB/SEBBM». En Santesmases, M.J.; Romero, A e Ávila, J. (eds.): Cuarenta años de la Sociedad Española de Bioquímica y Biología molecular. Madrid: Sociedad Estatal de Conmemoraciones.
Miras-Portugal, M.T. (ed.) (2004): Enfermedades neurales y neurodegenerativas: Nuevos avances moleculares y farmacológicos. Madrid: Instituto de España.
Miras-Portugal, M.T. (2015): «La universidad española frente a su propio desafío». En Prieto, T, Nombela, C e Moya-Angeler, J. (ed.): La reforma de la Universidad Española. Navarra: Thomson Reuters Aranzadi; 75-84.