Primeira catedrática de Ciencias da Escola Normal de Mestras en Lugo. Con antecedentes familiares guipuscoanos e alaveses, Ana María Múgica Martínez foi filla do empregado donostiarra Luis Múgica Galazdi e mais de Juana Martínez Bolinaga, orixinaria de Balmaseda -Biscaia- e dedicada ao coidado do doméstico, do home e das crianzas.
Nacida en...
Primeira catedrática de Ciencias da Escola Normal de Mestras en Lugo. Con antecedentes familiares guipuscoanos e alaveses, Ana María Múgica Martínez foi filla do empregado donostiarra Luis Múgica Galazdi e mais de Juana Martínez Bolinaga, orixinaria de Balmaseda -Biscaia- e dedicada ao coidado do doméstico, do home e das crianzas.
Nacida en Donostia o 8 de decembro de 1898, puxéronlle de nome Ana María de la Concepción Florencia. Na súa familia preocupáronse pola formación tanto das mulleres coma dos homes, razón pola que ela e mais as súas irmás Soledad -que foi profesora de francés na Escuela Normal de Maestras de Guipúscoa- e Carmen -que profesou como relixiosa na Compañía de María- se puideron dedicar ao ensino. Tivo, ademais, tres irmáns: Javier, Tomás e Luis.
Ana María Múgica Martínez estudou primaria en Donostia. Os estudos de Maxisterio comezounos en 1915 en Madrid na Escuela de Estudios Superiores de Magisterio, un prestixioso centro de formación dos mestres e das mestras que exercerían nas Escolas Normais da época. Coñecida como de
Normalistas
, a escola estivo aberta desde 1909 a 1932, no número 12 da rúa de Montalbán, en Madrid, no antigo palacio de verán da duquesa de Santoña, ocupado no inicio do século XXI polo Museo de Artes Decorativas. Ademais da súa formación como ensinante, graduouse en alemán pola Honere Madchenschule Pasing de Múnic, segundo consta no seu expediente conservado no Arquivo Histórico Universitario da USC (AHUS).
Obtivo o segundo posto na lista de prelación da Sección de Ciencias da Escuela de Estudios Superiores del Magisterio ao terminar o curso 1922-1923. En 1928 foi nomeada Profesora numeraria de Física, Química e Historia Natural de la Escuela Normal de Maestras con destino en Lugo, obtendo posteriormente a cátedra. O seu nomeamento foi publicado na
Gaceta de Madrid, o 30 de marzo de 1928, e recollido posteriormente no xornal coruñés
El Orzán o 14 de abril do mesmo ano.
Ana María casou o 5 de decembro de 1932 en Donostia co enxeñeiro militar José Benito Pardo y Pardo, natural de Lugo. O matrimonio tivo un fillo e dúas fillas: José Benito, enxeñeiro industrial; Ana María, licenciada en Psicoloxía e profesora no colexio Fingoi de Lugo; e Carmen, licenciada en Economía. A boa relación que mantiña coas alumnas levouna a convidar ás súas representantes á despedida de solteira que organizou no hotel Méndez Núñez.
Como catedrática da Escola Normal de Mestras de Lugo, impartido as materias citadas, foi unha ensinante moi activa e namorada da súa profesión, que exerceu ata cumprir os 70 anos, idade á que se xubilou en decembro de 1968.
Durante a súa carreira ocupou cargos académicos importantes: foi directora da Escola Normal de Mestras de Lugo, a proposta do claustro do profesorado celebrado o 8 de maio de 1931, ata decembro de 1933. Na información publicada pola revista
El Magisterio Español o 5 de xaneiro de 1932, cos nomeamentos de directores para varias Escolas Normais de toda España, Ana María Múgica é a única muller. Despois, desde 1957 ata 1960, foi directora da Escola de Maxisterio Masculina Obispo Basulto de Lugo. Entre 1960 e 1964, dirixiu a a Escola de Maxisterio Feminina Santa María e, finalmente, foi directora da Escola de Maxisterio de Lugo desde 1964 ata o 5 de decembro de 1967, un ano antes da súa xubilación. Viviu o traslado do centro desde as dependencias do Pazo da Deputación ao novo edificio destinado a Escola de Maxisterio no ano 1954. Este edificio contaba con dúas alas diferentes: unha para a Escola Feminina e a outra para a Masculina.
Foi moi activa durante a súa vida profesional: impartiu unha conferencia na clausura do
Congreso de Estudios Vascos
, o 31 de xullo de 1926; tamén deu charlas diversas en Lugo, como a dos cursos de selección para ensinantes onde falou sobre «El estado gaseoso del agua», segundo información publicada por
El Progreso o 28 de xaneiro de 1932. Entre as noticias de prensa sobre a organización destes cursos de selección, destaca unha nota, asinada por ela con data de 21 de outubro de 1931 e publicada tamén por
El Progreso ao día seguinte, onde comunica que está aberta a matrícula para os cursos de 2º, 3º e 4º, que comezarían o 1 de novembro. Participou en actividades relacionadas coa Junta Provincial de Protección de Menores formando parte da sección encargada de elaborar as medidas para evitar a mendicidade infantil nas rúas. Colaborou no Patronato de Protección Escolar Lucense, nas Cantinas escolares, recadando fondos para conseguir comida co fin de manter a cincuenta nenos e nenas. Propuxo, entre outros medios, conseguir recursos económicos solicitando a entrega do 5% da recadacion das entradas de teatro. Participa, ademais, na Subscrición nacional para obreiros sen traballo e, ademais, participa na vida cultural de Lugo como representante da Escola de Maxisterio, tal e como fixo no festival conmemorativo do Tricentenario de Lope de Vega.
Moi aprezada polo seu alumnado, Ana María Múgica participou nas viaxes de estudos, como a feita a Ferrol para ver a botadura do barco Baleares, e encargábase de recibir as excursións. Tamén se interesaba pola saúde das estudantes, chegando a visitalas cando estaban enfermas ou axudándoas cando tiñan problemas económicos.
Polos seus coñecementos de alemán, colaborou na tradución dos seis volumes da
La Historia del Arte en todos los tiempos y pueblos, de Karl Woermann, editada por Saturnino Calleja en 1930.
Ana María Múgica Martínez faleceu na cidade de Lugo o 19 de decembro de 1981.
Fontes
Expediente de Ana María Múgica Martínez. Arquivo Histórico da USC (AHUS): Fondo Universitario, Escola de Maxisterio de Lugo, F.U. 4351, Exp. 26.
Bibliografía
Rodríguez Lestegás, Francisco (2004): «La Formación del Magisterio Lucense durante el Franquismo: Contexto Institucional y Transmisión Ideológica a través de la Enseñanza de la Geografia de España: (1950-1967)», Innovación Educativa, 14: pp. 279-298.
Fernández García, María Isabel (2016): «Cientifícas lucenses do século XIX e comezo do XX. As primeiras universitarias de Ciencias en Lugo», Lvcensia, 53: 31-64.
Fernández García, María Isabel (2020): Abriendo caminos. Las primeras universitarias de Ciencias de Lugo. Editorial Académica Española(EAC), [Imprime Schaltungsdienst Lange O.H.G. Berlín]
Fernández García, María Isabel (2021): Pioneiras de Ciencias de Lugo. Lugo: Colectivo Egeria.
Prensa
«El congreso de estudios vascos», El telegrama del Rif, Vitoria-Gasteiz, (31 de xullo de 1926)
«Profesora numeraria de Física, Química e Historia Natura de Lugo», Gaceta de Madrid, 90 ( 30 de marzo de 1928)
[«Festa de despedida de solteira»], El Progreso, Lugo, (12 de novembro de 1932).
«Junta Provincial de Protección del menor», El Progreso, Lugo, (11 de marzo de 1933).
«Festival del Tricentenario de Lope de Vega», El Progreso, Lugo, (25 de outubro de 1935).