----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ana María Múgica Martínez

Ana María Múgica Martínez (Donostia, Guipúscoa, 1898 – Lugo, 1981) dedicouse profesionalmente á ensinanza, un ámbito en que destacou por converterse na primeira catedrática de Ciencias da Escuela Normal de Maestras de Lugo. “Foi unha ensinante moi activa e namorada da súa profesión”, destaca María Isabel Fernández García. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nada en Donostia, a familia de Ana María Múgica Martínez sempre se preocupou pola formación dos seus fillos e fillas, motivo polo cal ela se puido dedicar profesionalmente ao ensino. Tras cursar a educación primaria en Donostia, trasladouse a Madrid en 1915 para estudar Maxisterio na Escuela de Estudios Superiores de Magisterio, “un prestixioso centro de formación dos mestres e das mestras que exercerían nas Escolas Normais da época”, sinala María Isabel Fernández na entrada que asina no Álbum de Galicia. Xunto coa súa formación como ensinante, tamén se graduou en alemán pola Höheren Mädchenschulen Pasings de Múnic.

No curso 1922-1923 obtivo o segundo posto na lista de prelación da Sección de Ciencias da Escuela de Estudios Superiores del Magisterio. Cinco anos máis tarde foi nomeada profesora numeraria de Física, Química e Historia Natural da Escuela Normal de Maestras con destino en Lugo, onde posteriormente obtivo a cátedra e onde permaneceu ata a data da súa xubilación. Ademais, ocupou o cargo de directora do centro entre 1931 e 1933. “Na información publicada pola revista El Magisterio Español o 5 de xaneiro de 1932, nos nomeamentos de directores para varias Escolas Normais de toda España, Ana María Múgica é a única muller”, apunta María Isabel Fernández na súa entrada, na que se inclúe a ligazón á citada publicación. Nos seguintes anos, foi directora da Escola de Maxisterio Masculina Obispo Basulto (1957–1960), da Escola de Maxisterio Feminina Santa María (1960–1964) e da Escola de Maxisterio de Lugo (1964–1967).

Ao longo da súa traxectoria impartiu varias charlas e conferencias, entre as que destaca a que pronunciou en 1926 na clausura do Congreso de Estudios Vascos, así como o relatorio “El estado gaseoso del agua”, que deu en Lugo no marco dos cursos de selección para ensinantes do ano 1932. Tamén colaborou na tradución dos seis volumes da obra alemá Historia del Arte en todos los tiempos y pueblos, de Karl Woermann, editada en 1930 por Saturnino Calleja.
Ana María Múgica cooperou nas actividades organizadas pola Junta Provincial de Protección de Menores, institución en que formou parte da “sección encargada de elaborar as medidas para evitar a mendicidade infantil nas rúas”, segundo explica María Isabel Fernández. Así mesmo, participou na subscrición nacional para obreiros sen traballo, no Patronato de Protección Escolar Lucense e nas cantinas escolares, onde recadou fondos co fin de conseguir comida para a manutención de cincuenta nenos e nenas. En calidade de representante da Escola de Maxisterio, participou en diferentes actos culturais da cidade de Lugo.

Múgica “foi unha ensinante moi activa” e “moi querida polo seu alumnado”, afirma María Isabel Fernández na súa entrada. Desenvolveu a súa profesión como docente ata o ano 1968, cando se xubilou á idade de 70 anos. Trece anos despois, o 19 de decembro de 1981, faleceu na cidade de Lugo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Alejandro Viana Esperón, Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia e Inocencio Schmidt de las Heras.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.