----

O Álbum de Galicia suma as entradas de catro membros do Seminario de Estudos Galegos

No ano en que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) conmemora o centenario da súa creación, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) está a incorporar as entradas de diferentes membros vinculados coa institución. No día de hoxe súmanse á colección as biografías de Luciano Fariña Couto (1916-2011), Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), Manuel Lago González (1865-1925) e Sebastián González García-Paz (1908-1967). Asínanas, respectivamente, Francisco Fariña, José Antonio Cantal, Xosé Ramón Fandiño e Adrián Estévez.

Luciano Fariña Couto (Cambados, 1916 - Pontevedra, 2011) licenciouse en Filosofía e Letras en 1940. Anos despois completou os estudos de Graduado Social (1951), Dereito (1955) e Perito Mercantil (1956). A súa traxectoria profesional estivo ligada á Administración do Estado, da que foi funcionario na Vicesecretaría Provincial de Educación y Cultura Popular, no Instituto Nacional de Previsión e no Goberno Civil de Pontevedra. Paralelamente, estivo vencellado ao ensino como docente en diferentes escolas e institutos, así como na Universidade de Santiago de Compostela.

No Seminario de Estudos Galegos entrou como membro activo en 1933. O seu traballo de ingreso, publicado en Nós co título “Tres estacións de arte rupestre da serra do Leboreiro” e asinado en coautoría con Xurxo Lorenzo, inclúese como material complementario da súa entrada no Álbum de Galicia. Nela destácase tamén a participación de Luciano Fariña nun estudo sobre a Limia xunto con algúns compañeiros do SEG e outros colaboradores, como M. Rubén García Álvarez, Carlos Vázquez ou Perille. Ademais, desenvolveu un estudo histórico-artístico sobre o mosteiro de Montederramo e outro arredor da historia de Galicia, así como traballos sobre heráldica e xenealoxía.

En 1979 foi convidado por Ramón Martínez López “para incorporarse ao proxecto que, a iniciativa do Laboratorio de Formas de Sargadelos (segundo idea de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane), promove a recuperación do Seminario de Estudos Galegos”, subliña Francisco Fariña Busto na súa entrada. Tras aceptar a proposta, incorporouse á Sección de Arte e Comunicación, na que participou de xeito activo ata o ano 1989.

Antonio Iglesias Vilarelle (Santiago, 1891 - Pontevedra, 1971)
Nado en Santiago de Compostela, Antonio Iglesias foi oficial de primeira clase na Tesourería de Facenda en Madrid, profesión que compaxinou cos estudos de Dereito (1913-1916) e coas ensinanzas musicais. En 1920 trasladouse a Pontevedra, onde colaborou na posta en marcha de diferentes proxectos culturais xestados no seo do club Karepas. Así, foi membro da comisión organizadora da Sociedade Filharmónica e o seu secretario entre 1923 e 1925. Tamén formou parte da Sociedade Coral Polifónica como cantor e, a partir de 1940, como director. Ademais, “desde 1922, participou na casa de Losada na Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, considerada a precursora do Seminario de Estudos Galegos”, explica José Antonio Cantal na súa entrada. No SEG ingresou como socio en 1931 e, en 1934, tomou o liderado do laboratorio de psicotecnia da Sección de Pedagoxía.

Iglesias Vilarelle participou dos movementos galeguistas que emerxeron a comezos da década de 1920. De feito, foi un dos asinantes do manifesto “Un ruego a todos los buenos conterráneos”, xurdido para “homenaxear a lingua galega como medio de afirmación da esencia do ser de Galicia”, tal e como subliña José Antonio Cantal. Ademais, interveu a favor dun réxime de gobernación autónoma e foi vicepresidente do Grupo Nacionalista Galego de Pontevedra. Posteriormente, “converteuse en piar do movemento Deus Fratesque Gallaeciae, interveu na redacción dos seus estatutos e traballou pola galeguización da Igrexa en Galicia”, continúa Cantal.

Así mesmo, foi director do boletín Logos (1931-1936), apoiou economicamente a publicación do álbum Nós de Castelao (1931) e difundiu os seus propios textos en revistas como Galicia, Lar ou Sonata Gallega. Iglesias Vilarelle “posuía un fondo perfil pedagóxico e sementou o seu saber a través da palabra e da escrita”, conclúe José Antonio Cantal.

Manuel Lago González (Randufe, Tui, 1865 - Santiago, 1925)
Nado en Tui, Manuel Lago cursou Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico no seminario conciliar da súa vila natal. En 1886 trasladouse a Santiago para mellorar a súa formación en hebreo e grego e, ao ano seguinte, regresou a Tui, onde foi catedrático destas materias e mais da de Matemáticas. En 1888 ordenouse presbítero e en 1896 ocupou o posto de cóengo da catedral de Lugo. Posteriormente, foi nomeado bispo nas sés de Burgo de Osma (1909) e Tui (1917), antes de ser preconizado arcebispo de Santiago de Compostela (1923). Entrou na catedral en 1924 como sucesor do cardeal Martín de Herrera, e ese mesmo ano o Seminario de Estudos Galegos nomeouno presidente de honra da institución.

Ademais da súa carreira eclesiástica, Lago González colaborou en diferentes cabeceiras locais e rexionais e escribiu no xornal católico de orientación integrista La Integridad. “Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario integrista”, subliña Xosé Ramón Fandiño na súa entrada do Álbum de Galicia. Lago González destacou tamén na súa faceta de autor dunha ampla obra poética, así como de numerosos libros de temática relixiosa, filolóxica e arqueolóxica.

Sebastián González García-Paz (Pontevedra, 1908-1967)
Nado en Pontevedra, Sebastián González García-Paz cursou os estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Desde a súa chegada á cidade, participou nas actividades organizadas polo Seminario de Estudos Galegos, institución da que, posteriormente, foi nomeado secretario xeral.

No ámbito profesional, destacou polo seu labor arqueolóxico. Catalogou numerosos castros e interveu no estudo doutros, como os da Terra de Melide. Ademais, conduciu varias investigacións documentais para o SEG. Tras conseguir unha praza como profesor de Arqueoloxía e Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, continuou catalogando poboados castrexos e dirixindo escavacións, como as dos castros de Borneiro e Baroña, sobre as que escribiu no boletín da universidade compostelá (1934).

En 1936 exiliouse a Porto Rico. Alí traballou como profes0r universitario e foi o primeiro decano da facultade de Humanidades da Universidad de Puerto Rico, da que posteriormente foi reitor. “Tivo unha fonda relación coa illa e interesouse moito pola súa historia”, afirma Adrián Estévez na súa biografía, na que destaca tamén o papel de Sebastián González como impulsor do Seminario de Historia de Puerto Rico.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que sobresaíron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Ana María Múgica Martínez, Alejandro Viana Esperón, Gustavo Pernas Cora e Hijas de Galicia.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.