Do menosprezo alleo ao orgullo propioAlá onde as augas do río Verdugo se converten en ría érguese a ponte de Sampaio. Foi sempre un enclave estratéxico e, como tal, mudo testemuño de feitos de armas. Fortificada en 1477 polo arcebispo Alonso de Fonseca nos días das guerras isabelinas, a súa gloria está asociada á batalla librada alí, o 7...
Do menosprezo alleo ao orgullo propioAlá onde as augas do río Verdugo se converten en ría érguese a ponte de Sampaio. Foi sempre un enclave estratéxico e, como tal, mudo testemuño de feitos de armas. Fortificada en 1477 polo arcebispo Alonso de Fonseca nos días das guerras isabelinas, a súa gloria está asociada á batalla librada alí, o 7 e o 8 de xuño de 1809, entre as forzas comandadas polo segundo capitán xeneral de Galicia, o conde de Noroña, e as do mariscal francés Ney. Os catorce mil galegos —a maior parte labregos sen formación militar, mais tamén soldados da recentemente creada División do Miño e estudantes do Batallón Literario— foron quen de parar o avance dos dez mil franceses que pretendían unir as súas forzas ás do mariscal Soult na procura das do marqués de La Romana. Entre a oficialidade española salientaban o coronel Morillo, brillante promotor da derruba de tres arcadas da ponte para impedir o paso francés, e mais o comandante Roselló. O 24 de xullo de 1823, o capitán xeneral Morillo e o xeneral Roselló volverán combater na ponte: desta vez Morillo logrará cruzala aliado cos Cen Mil Fillos de San Luís franceses, polo que Roselló, cos liberais vigueses, terá que saír de Galicia. Pero esa acción non permaneceu na memoria.
A fortuna da ponte de Sampaio vai unida á francesada. Despois de séculos de aldraxe e menosprezo da condición galega, a guerra contra Napoleón —o coloso do século— supuxo unha forte dose de orgullo e autoestima. Galicia pasou de ser a filla desnaturalizada da nación que se entregara sen honra ao inimigo (como dicía a proclama da Xunta Central de Sevilla do 18 de febreiro de 1809) a ser modelo para as demais provincias (como afirmaba a mesma Xunta o 11 de agosto daquel ano). Sobre todo, Galicia viuse enxalzada nada máis e nada menos que polo duque de Wellington na súa proclama de Lesaka, o 4 de setembro de 1813, cando chamaba os españois a imitar os inimitables galegos. Ponte Sampaio pasou a ser o símbolo desa espectacular transformación no imaxinario popular.
Manuel Comellas dirá en 1889:
Perguntoume un extranxeiro
com’è o gallego loitando,
y·atopóuse c’a resposta
alá n-a Ponte Sampayo.
Igualmente, Arturo Vázquez Núñez gañará un accésit nos xogos florais pontevedreses de 1880 cun poema á ponte de Sampaio no que advirte:
Y mientras Galicia exista
habrán de alzar los gallegos
para adorar a sus héroes
un altar en cada pecho.
Pola súa banda, Ernesto Padín, co gallo do primeiro centenario, afirmaba a xeito de resumo:
Alí mismo n’a ponte
gloriosa de San Payo,
que de cote por todos,
venerada será,
xuntandos’uns gallegos,
contra dez mil franceses,
batironse ó grito
de patria e libertá.
Exército e paisanos,
con fouces e trabucos,
e con valor e raiba
que nadia superou,
mataron cen gabachos,
feriron mil douscentos
y’a nosa independencia,
firmad’alí quedóu.
Os heroes eran a encarnación e quintaesencia do valor ás portas da perda de Cuba, cando voces alleas asociaban as xentes galegas coa covardía, mentres que Brañas argumentaba que iso era imposible, ao vir da raza de celtas e galos e derrotar no pasado mouriscos e franceses, godos e romanos. Consumado o desastre, seguían sendo un ideal que recuperar, como escribía Tettamancy por volta de 1902:
E na Ponte Sampayo
loitando con carraxe,
ao francés denodado
soballaron. Os homes
d’ese tempre, de cívicas virtudes,
non se hachan hoxe xa, caro padriño:
dexeneróou a raza
ben doorosamente.
O significado da batalla ofrece narrativas diversas, acomodadas aos intereses de quen as formule. Para os rexionalistas primeiro e para os nacionalistas galegos despois, a batalla era a encarnación das bondades do federalismo fronte ao nefando centralismo. A vitoria era produto do labor da Xunta Suprema do Reino de Galicia e das alarmas que inzaran o país de xeito autónomo.
Para os agrarios da Fonsagrada (O Tío Pepe) eran un exemplo que imitar. Se os labregos daquela liberaran a terra do francés, agora cumpría liberala dos caciques. Claro que, na liña de Tettamancy, un anónimo cantar rezaba en 1927:
Os labregos qu’hai agora
parlan mais qu’o papagayo,
labregos eran aqueles
que había en Ponte Sampayo.
Para os emigrados nas Américas, a lembranza do singular combate era un berro do pobo galego en demanda da enerxía dos devanceiros para loitar contra os seus inimigos máis crueis, a opresión e a inxustiza, que obrigaban a emigrar na procura da liberdade e do sustento que Galicia lles negaba polo abandono en que a tiña o Goberno central.
Para os defensores das esencias da patria española, Ponte Sampaio era a contribución galega á independencia, como antes o fora a defensa da Coruña ou do monte Medulio. Durante a ditadura de Primo de Rivera, o Somatén foi considerado irmán das alarmas que gañaron aquela batalla, comungando no devezo de ver o rexurdimento de España. Mesmo o franquismo levará Ponte Sampaio aos seus círculos de cadetes, arqueiros e frechas o primeiro de maio de 1970, na Marcha Pablo Morillo, para homenaxear os heroes da guerra de Independencia e os caídos por unha España mellor. Non en balde, a guerra de 1936 era para eles a segunda independencia e os militares, os salvadores da patria eterna.
Todas esas narrativas fan que Ponte Sampaio se converta na icona canónica da súa provincia entre os «lugares evocadores de las glorias y tradiciones de nuestro país» que a Xunta de Goberno da Real Academia Galega escolle cando, no verán de 1929, o Centro Galego de Bos Aires quere colocar sobre terra galega a primeira pedra do mausoleo que vai erguer no Cemiterio do Oeste. Os vinte quilos, remitidos en caixiñas lacradas e seladas con acta notarial, pertencían a terra da beira esquerda da ponte, onde estiveran os defensores para deter o ataque francés. Da Coruña, os lugares escollidos foron a horta pequena de Rosalía e o cemiterio de Adina, en Padrón; de Lugo, terra da muralla; de Ourense, chan do mosteiro de Celanova e da casa natal de Curros. Na primavera de 1931, o vicepresidente da Casa de Galicia en Nova York percorre, da man de Manuel Lugrís Freire e de Antón Villar Ponte, Galicia na procura de terra coa que alicerzar o panteón que acababan de construír e remata levando consigo catro fardelos cunha soa variante: no canto de Celanova, agora escóllese a fonte das Burgas.
O primeiro monumento que se alzou para conmemorar a batalla foi a propia ponte, ao restaurar, en 1818, as súas arcadas demolidas. No medio do viaduto, enriba das varandas, colocáronse dúas pilastras cunhas lápidas que proclamaban en latín, entre outras cousas (agradezo a tradución a Francisco Ledo Lemos):
Á insigne vitoria
que alcanzou a impávida man dos galegos
no ano 1809 contra as entolecidas falanxes do tirano.
Galicia, fidelísima, inexpugnable,
nobre, redimida pola vitoria,
cargada de sanguento botín,
consagra este monumento de gloria perenne,
cos seus propios recursos.
Esta reconstrución da ponte foi tamén unha das últimas grandes obras públicas promovidas polas institucións do antigo Reino de Galicia, que esmorecía. A medida que a circulación motorizada se foi estendendo e a ponte foi quedando pequena, houbo diversos proxectos para ensanchala que, afortunadamente, non callaron.
No marco das celebracións que proliferaron polas cidades e vilas españolas para conmemorar o primeiro centenario da guerra de Independencia, o ancián alcalde de Ponte Sampaio Santiago Barros conformou unha xunta para organizar o evento no seu concello de pouco máis de mil veciños. A Revista de Municipios, publicación quincenal aparecida en Madrid o 15 de abril de 1908, fíxose eco de maneira eloxiosa desa iniciativa, o que levou o edil a pedirlle axuda para obter recursos. No mes de outubro a revista instou a colonia galega madrileña, os emigrados americanos e os altos poderes do Estado a reparar as vellas lápidas da ponte e levantar alí un monumento. O Centro Galego de Madrid, presidido polo deputado por Pontevedra Eduardo Vincenti, acolleu a encarga e propuxo colocar unha lápida na ponte e mais alzar o monumento na cidade do Lérez. Dese xeito, afirmaban, honraríanse o lugar da batalla e tamén os combatentes labregos dos diferentes concellos pontevedreses coa escultura da capital. De nada serviron as protestas públicas da xunta que presidía Santiago Barros, apoiadas por xornais como La Concordia de Vigo ou La Integridad de Tui, que consideraban o feito como unha cacicada. Como diría o Diario de Pontevedra, os monumentos non estaban para que uns centos de veciños dunha modesta aldea pasasen a vida a fitalos, senón para que miles de visitantes observasen neles as virtudes cívicas e patrióticas dos devanceiros da cidade correspondente.
Vincenti encargoulle a obra ao presidente da Sección de Escultura do Círculo de Belas Artes, Julio González Pola, o mesmo a quen Vigo encargará o monumento da súa Reconquista. O conxunto debía representar o esforzo colectivo a través das figuras dun estudante, un labrego, un soldado e un oficial. Debería conter a lenda «A los héroes gallegos de 1809» e unha divisa: «Libertad». Ía costar cen mil pesetas, e abriuse unha subscrición popular, á que o neto de Morillo, o terceiro conde de Cartaxena, contribuíu con cinco mil pesetas.
En febreiro de 1909 o Concello de Pontevedra, por pedimento do Centro Galego de Madrid, asume a iniciativa como propia e forma unha comisión presidida polo gobernador civil. En maio faise oficial a medalla conmemorativa, unha das pouco máis dunha ducia aprobadas en toda España, que pendura dunha tea coa bandeira de Galicia, toda unha novidade nun trofeo oficial.
Igualmente, en xuño do mesmo ano o Concello de Ponte Sampaio celebrou un funeral e logo os veciños acudiron á ponte para escoitar un orador sagrado de Poio. A lápida do Centro Galego de Madrid está, finalmente, no adro parroquial.
Dous anos despois, grazas ás xenerosas subvencións gobernamentais —porque a subscrición popular apenas superou as vinte e dúas mil pesetas—, inaugurouse na alameda pontevedresa o monumento. Arrinca dun dos piares e da arcada derrubada da ponte, sobre a que se insire un grupo escultórico de bronce co labrego, o estudante, o soldado, a bandeira e Morillo presidindo o conxunto. Na base, unha nai labrega chama ao combate mentres sostén o escudo de Galicia. Nos lados están os escudos das catro provincias. O lema final di «A los héroes de Puente Sampayo acaudillados por Morillo» e a divisa, «Independencia».
O domingo 27 de agosto de 1911, Montero Ríos, presidente do Senado, descubriu a escultura en nome do Goberno. As nenas e os nenos das escolas foron na cabeza da procesión cívica e cantaron un himno composto para a ocasión. Os soldados desfilaron e seis bandas, entre elas a do Porto, amenizaron os actos.
O mesmo día e á mesma hora, as forzas vivas de Vigo, coas bandeiras de España, Galicia e Vigo, engalanaron con flores os peitorís da ponte de Sampaio e depositaron unha gran coroa con follas de carballo e loureiro. Interviñeron varios oradores que prometeron levantar unha estatua, entre eles Manuel Gómez Román, quen tamén reclamou a autonomía para Galicia. Chegouse a pór unha primeira pedra o ano seguinte. Fora un agosto quente no que o gobernador civil prohibira unha exhibición aérea en Vigo porque antes debía facerse en Pontevedra. A corporación olívica dimitira en pleno e nomeárase unha Xunta de Defensa que pediu a cabeza do gobernador.
Pasados os fastos, haberá que agardar a 1959, no 150.º aniversario, para que a Deputación Provincial e o Consejo Provincial del Movimiento decidan dedicar o Día da Provincia a honrar a batalla, cunha concentración de todos os alcaldes na capital e unha visita a Ponte Sampaio. En 1984, polo 175.º aniversario, o Concello pontevedrés, popular, colocou unha lápida na súa entrada da ponte, en castelán, mentres que o Concello de Soutomaior, galeguista, puxo outra na súa, en galego.
No bicentenario a iniciativa das conmemoracións recae, de novo, na sociedade civil, aínda que sen o marcado perfil político do primeiro. A protagonista será agora a Asociación Provincial Héroes de la Guerra de la Independencia 1809, fundada en 2006 como sección da Asociación Napoleónica Española, liderada por persoeiros do liberal-conservadorismo pontevedrés. A gran novidade, acorde coa época, foi a promoción de recreacións teatrais de acontecementos históricos en Barro, Vilagarcía, Ponte Bora e Ponte Caldelas, así como, sobre todo, a gran recreación da batalla en Ponte Sampaio o sábado 6 de xuño de 2009, rematada cos himnos de España e Francia. Seguiuse a recrear ata 2015.
Non é posible pechar esta análise sen facer referencia a dous fenómenos mesturados entre a historia, a lenda e o mito. O primeiro ten que ver coa presenza do canón (ou canóns) de pau co que os veciños de Cotobade forneceron a artillaría durante a batalla. Feito de tronco furado e reforzado con abrazadeiras de ferro, parece que podía efectuar ata unha ducia de disparos. É unha mostra do enxeño paisano. O segundo é a muiñeira de Ponte Sampaio, supostamente interpretada por gaiteiros durante a batalla e recuperada por Milladoiro no seu terceiro álbum, de 1982.
Bibliografía
BRAÑAS, Alfredo (1897): La voz de la sangre y la voz de la patria. Drama de actualidad en un acto y dos cuadros en verso, Madrid, R. Velasco.
COMELLAS, Manuel (1899): «Doce cantares gallegos», El Correo Gallego, 21 de febreiro, 1.
DEMANGE, Christian (2007): «La construcción nacional vista desde las conmemoraciones del primer centenario de la Guerra de la Independencia», en Pierre Géal / Richard Hocquellet / Stéphane Michonneau / Marie Salgues (coords.), Sombras de mayo. Mitos y memorias de la Guerra de la Independencia en España (1808-1908), Madrid, Casa de Velázquez, 111-134.
FERNÁNDEZ Y NEIRA, José (1893 [1810]): Proezas de Galicia explicadas bajo la conversación rústica de los dos compadres Chinto y Mingote, A Coruña, Andrés Martínez.
GONZÁLEZ ZÚÑIGA, Claudio (1846): Historia de Pontevedra, Pontevedra, Viuda de Pintos.
LOSSADA Y CANTERAC, José (1909): La batalla del Puente de San Payo. Segovia, Antonio San Martín.
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé M. / Alfonso IGLESIAS AMORÍN (2009): «La memoria de la Guerra de la Independencia en Galicia», en Juan Francisco Fuentes (ed.), Ciudades en Guerra, 1808-1814. Vigo en la Guerra de la Independencia, Madrid, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 323-338.
OSUNA REY, Juan Manuel (2006): Los franceses en Galicia. Historia militar de la Guerra de Independencia en Galicia (1809), A Coruña, Fundación Barrié.
PADÍN Y LORENZO, Ernesto (1909): «Puente-Sampayo», Aires da Miña Terra, 6 de xuño, 2.
PORTELA PAZOS, Salustiano (1913): O cañón de Pau, Santiago de Compostela, Tipografía de El Eco de Santiago.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1929): «Tierra gallega para un panteón gallego en Buenos Aires», Boletín de la Real Academia Gallega, 216, 273-278.
TETTAMANCY, Francisco (1902): «¡Anémicos!», en Enredadas: poesías, A Coruña, Librería Rexional de Euxenio Carré.
VALLEJO POUSADA, Rafael / Luis DOMÍNGUEZ CASTRO (2009): «La Reconquista de Vigo y la Batalla de Ponte Sampaio», en Juan Francisco Fuentes (ed.), Ciudades en Guerra, 1808-1814. Vigo en la Guerra de la Independencia, Madrid, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 231-248.
VÁZQUEZ NÚÑEZ, Arturo (1880): «Puente-Sampayo (7-8 de junio de 1809)», El Domingo, 6 de decembro, 13-15.
VV. AA. (1927): «Más cantares gallegos (III)», El Compostelano, 5 de novembro, 4.
Ver biografía completa