O primeiro e máis importante centro galego en Xenebra As asociacións galegas en Xenebra destacan sobre as do resto de Suíza porque a cidade acollía un gran número de emigrantes galegos e porque os centros contaban, entre outras cousas, co apoio de intelectuais emigrados que posuían unha maior conciencia política que a maioría dos traballado...
O primeiro e máis importante centro galego en Xenebra As asociacións galegas en Xenebra destacan sobre as do resto de Suíza porque a cidade acollía un gran número de emigrantes galegos e porque os centros contaban, entre outras cousas, co apoio de intelectuais emigrados que posuían unha maior conciencia política que a maioría dos traballadores e que se esforzaban por dinamizar a vida cultural da colonia galega desde 1967. As asociacións deben ser consideradas lugares da memoria da emigración galega porque representan espazos físicos que, por desexo dos migrantes como comunidade, se converten co paso do tempo nun elemento simbólico para ese colectivo. A diferenza doutros lugares da memoria, que poden ser tamén intanxibles, os centros galegos achegan unha materialidade ao vencello emocional que relaciona os emigrantes co seu país de orixe. Este vencello posúe unha historia cambiante, como a dos lugares da memoria, e o seu estudo debe prestar atención tanto ás variacións da súa significación como ás da súa función para a memoria colectiva.
O primeiro e máis importante centro galego en Xenebra foi A Nosa Galiza, cuxa publicación periódica levaba o mesmo nome. Nun número desta publicado no ano 1979 aparece un artigo asinado por Manuel Cruz, quen di ser «un galego de vacacións», e nel o autor trata precisamente a evolución desta sociedade galega. Interésanos lelo con atención non só porque describe dun xeito resumido as etapas polas que pasara a sociedade ata entón, senón porque mostra que os centros galegos eran ámbitos de acción sociocultural que nalgúns casos pretendían crear coas súas actividades un espazo público de opinión e de debate político, pero que normalmente trataban máis ben de ampliar a esfera da privacidade con actividades de tempo libre:
[A asociación] pasou a primeira fase, que chamaríamos de «sentimentalismo», en que o fin inmediato era o de establecer unha vía de relacións entre os galegos espallados polo cantón xenebrino e xuntalos a todos nunha sala que fose deles, onde puidesen parolar, cantar e aturuxar no idioma natal. Cumprida esta primeira necesidade, fóronse sentindo outros desexos, e xurdiu a segunda etapa, a creación dun equipo de fútbol, dun cadro artístico que representase algunhas obriñas do repertorio galego, logrando un estimulante éxito. A intervención de poetas e escritores traídos da terra para dar conferencias sobre asuntos da actualidade, así como a publicación periódica dun boletín editado polos mesmos socios co nome de A Nosa Galiza enaltece a sociedade dada a súa notable perfección. [Hai que engadir] a iniciación dunha pequena biblioteca circulante entre os membros e a galantería da doazón [do local] que se fai cada venres á noite para que tamén os sudamericanos se sintan un pouco na súa casa e calmen as súas nostalxias, e ao mesmo tempo nos mostren a orixinalidade do seu rico folclore. […]
Pensamos que falta unha terceira etapa, unha nova fase máis práctica que trate de atender e de coidar as necesidades máis urxentes e importantes que poidan presentárselle a todo emigrante. Como? Hai tres campos que pensamos son da maior importancia e fundamentais se queremos axudar a mitigar a vida dura na emigración. Primeiro que o emigrante teña traballo, polo tanto urxe colaborar con el para [lle] axudar a buscalo; segundo problema: cando se decide a traer a familia, débeselle prestar a mesma axuda para encontrar vivenda; e terceiro: a escola para os fillos que penso non será difícil solucionar coa colaboración do Consulado, e por parte de todos os socios [co]a máxima vontade e interese.
Ao falar da terceira etapa, o autor fai referencia ao que el cre que deberían ser os obxectivos da sociedade no futuro. Non se decata de que a maior parte desas funcións eran cumpridas xa na asociación ou fóra dela sen necesidade de institucionalizalas e darlles con iso un carácter extremadamente formal. As relacións interpersoais entre os emigrantes emparentados ou procedentes das mesmas localidades adquiriran unha dinámica tal que cumprían as funcións que Manuel Cruz reclamaba para a sociedade.
Pódese soster a tese de que estas redes sociais actuaban nalgúns casos en competencia cos centros e que noutros casos se complementaban con eles. Depende, entre outras cousas, do tamaño da localidade en que os emigrantes se atopaban e das características da emigración de cada lugar: as localidades pequenas con poucos emigrantes non favorecían a aparición dos centros ou sociedades, pero si as grandes urbes. Así, no caso dunha cidade como Xenebra, que chegou a contar con gran cantidade de emigrantes galegos nos anos setenta (uns oito mil só na cidade), as posibilidades de diversificación dos lugares de encontro eran e son moito maiores que en lugares máis pequenos. É de supoñer que nas localidades pequenas as visitas de fin de semana ou as comidas coa familia ocupaban a maior parte do tempo libre en común, sen deixar moito espazo para acudir a centros e sociedades, situados normalmente en núcleos urbanos relativamente afastados.
Nas publicacións das sociedades atopamos un tópico moi repetido: a falla de participación, sobre todo activa, dos membros da colonia galega en Suíza. Son queixas que cómpre ver no contexto desa competencia entre os centros como núcleo da sociabilidade e as redes sociais informais das familias e as amizades. Esta competencia dáse sobre todo alí onde as dúas maneiras de relacionarse son posibles; ou sexa, nas cidades. No mesmo texto de Manuel Cruz faise referencia a estas teimas dos membros das asociacións, pero véndoo, cun tráxico pesimismo, como unha característica propia do que el considera a forma de ser dos galegos:
Cando se fala da marcha da Sociedade, que nós vemos cheos de entusiasmo e optimismo, quéixanse os membros da directiva do excesivo traballo que pesa sobre eles, da falta de colaboración que atopan nos membros. Eu, de verdade, non coñezo este problema, pero témolo aló na terra noutras sociedades. É un pouco xeral que o galego se comporte así; falla de entusiasmo nas cuestións estas. […] Nós, os galegos, basculamos para a disgregación, para a separación, illámonos nos consabidos roeiriños do ghetto, como lle chaman os americanos. Nós, sabedores da nosa condición, temos que loitar contra ela procurando a xuntanza e a unión, porque é aí onde está a nosa forza.
Aínda que a queixa pola pouca participación se repite a miúdo nestas publicacións, non falta nelas tampouco o lamento pola desunión dos emigrantes mesmo cando viven na mesma cidade. A principios dos anos setenta empezan a se sentir as diverxencias entre os partidos de esquerdas de ámbito español e aqueles que se definen como nacionalistas galegos. Esta tensión reflíctese no movemento asociativo dos emigrantes galegos en Suíza. En 1973 créase a Irmandade Galega na Suíza (IGS) na mesma cidade de Xenebra. A partir de mediados dos setenta podemos seguir polas publicacións da nova e da antiga sociedade como desenvolven as súas actividades: ás veces de xeito paralelo, nalgunhas ocasións con enfrontamentos un tanto simbólicos (por exemplo, en partidos de fútbol), e sempre co fondo da oposición ideolóxica entre ambas as dúas, aínda que sen se aludir directamente.
A publicación da IGS leva o nome de Irmandade e publica artigos sobre política, fútbol (en especial sobre o club da asociación), problemas laborais e psicolóxicos ou mesmo bioloxía e historia. En xeral, non difire moito da publicación A Nosa Galiza; porén, a liña política da IGS estaba directamente ligada ao que daquela era o BNPG, unha fronte formada por partidos que no ano 1977 aínda eran ilegais, feito polo cal a asociación mandou, por exemplo, naquel ano unha nota de protesta a varios xornais galegos.
A década de 1970 foi unha época de grande actividade asociativa entre os emigrantes galegos en Suíza. A creación de centros e sociedades sempre é propia dos momentos de fortes cambios sociais e políticos. Os centros favorecen neses momentos a posibilidade de minorar a inseguridade nos modos de comportamento que xorden como consecuencia dos problemas de adaptación a unha nova situación ou a unha sociedade diferente. A conxuntura política española anunciaba, ademais, o comezo da transición á democracia, con moitas inquedanzas e incertezas sobre o futuro político. Os centros galegos, como o resto das asociacións de emigrantes, apoiaban ou ampliaban unha estrutura social da emigración que en moitos casos resultaba insuficiente.
Nos anos oitenta, concretamente en 1985, xurdiu a emisión de radio Galiza sempre nunha das radios locais e asociativas de Xenebra. Feita por un grupo de xente próxima ao Bloque Nacionalista Galego e á Irmandade Galega en Suíza —entre os que se atopaba o sociólogo e editor Carlos Díaz Martínez—, chegou a emitirse mesmo durante toda a década dos noventa unha vez á semana e constitúe, xa que logo, unha fonte fundamental para coñecer a evolución das actividades da colonia galega en Xenebra. O programa formaba parte do espazo público de debate da comunidade galega emigrante e cumpría un papel importante na súa cohesión. A forma de produción da emisión e de organización dos que a facían posible estaba caracterizada polo traballo de voluntariado e non profesional. A súa relación coas asociacións galegas convertía o programa nunha canle para as novas do mundo asociativo.
Ver biografía completa