Curta vida e longa memoriaO Seminario de Estudos Galegos (SEG) tivo unha vida curta. Fundado en outubro de 1923, pode considerarse que deixou de estar activo desde xullo de 1936, aínda que o proceso de incautación do seu patrimonio material pola Universidade de Santiago e a posterior creación dunha institución que o substituíse non se concreto...
Curta vida e longa memoriaO Seminario de Estudos Galegos (SEG) tivo unha vida curta. Fundado en outubro de 1923, pode considerarse que deixou de estar activo desde xullo de 1936, aínda que o proceso de incautación do seu patrimonio material pola Universidade de Santiago e a posterior creación dunha institución que o substituíse non se concretou ata 1944. Este abrupto final deu lugar a unha longa memoria do SEG, que converteu o seu nome e a súa existencia nunha das moitas «utopías galegas». Aquela curta experiencia deixou, non obstante, un enorme legado intelectual e unha permanente lembranza, nomeadamente entre os exiliados e as colectividades da emigración en América, ata que nos tempos democráticos foi recuperado polo grupo Sargadelos como homenaxe e recoñecemento do que fora a institución en que participaran, alén dos que ficaron na Terra, moitos exiliados e algúns inmolados durante a Guerra Civil.
O feito de que, con pouco máis de doce anos de existencia plena, acadase tan singular importancia débese a que a fundación do SEG representou unha ruptura xeracional e intelectual coas prácticas intelectuais do seu tempo, e a que tivo un trazo ben diferente no campo institucional ao se converter nun centro de «alta cultura» —como diría Antón Villar Ponte en 1935— segundo o modelo que estaba a florecer daquela en Europa. Así e todo, e dada a súa curta vida, o SEG pode considerarse un proxecto truncado en agraz, cando estaba a se consolidar como unha institución de referencia en Galicia, en canto modelo distinto —aínda que non contrario— do que representaban daquela as universidades e as academias.
O modelo educativo de seminario, que se estendeu das ciencias da natureza ás sociais e humanas, era unha forma de superar a educación memorística a través do debate en pequenos grupos, dirixidos por un mestre, no que a relación directa entre eles era esencial. Era o modo de substituír as antigas sociedades de savants e dos eruditos locais e, ao tempo, de fomentar unha alternativa ás universidades e, nomeadamente, ás academias. O nome adoptado en Compostela —o de «seminar» ao modo alemán— marcaba un obxectivo ben claro: era preciso facer algo novo fronte ao que había no panorama cultural e educativo galego.
De todas as institucións culturais que daquela existían en Galicia (Academia Galega, Sociedad Económica, Comisións de Monumentos…), foi sen dúbida a universidade a que máis directamente influíu no nacemento e na traxectoria do SEG. Nas dependencias da Minerva compostelá desenvolveuse a súa vida interna e algúns catedráticos universitarios foron os seus presidentes. Como diría o profesor Salvador Cabeza de León —o que máis tempo presidiu o SEG—, a relación coa universidade era estreita, pero nunca de dependencia, porque ademais o propósito central dos fundadores do SEG era diferente do modelo universitario. Dito en expresión de Filgueira Valverde, aspiraban a «saber Galicia», isto é, coñecer, investigar e planear un futuro que na universidade non era posible. Algo semellante diría o musicólogo Bal y Gay —xa exiliado en México— ao sinalar que os «seminaristas» do SEG crían «que era a nosotros los jóvenes a los que correspondía resolver los problemas de nuestra tierra». A aparición do SEG forma parte, pois, da ansia de modernidade científica tan común na España do primeiro terzo do século XX.
Dado que non era unha academia nin un centro de educación superior, o SEG adoptou o modelo de traballo de carácter «institucionista» ao modo da ILE, que consistía en efectuar «trabajos en seminario» e organizar «excursiones o exploraciones» fóra das paredes académicas. Para o caso do SEG, este modelo concretouse na realización de xeiras de traballo sobre distintas bisbarras de Galicia (Melide, Deza, Fisterra…) e na incesante difusión dos seus resultados. O mapa das xeiras ficou inacabado, pero o substancial dos seus obxectivos era claro: entender ou «saber» Galicia a partir do estudo colectivo de diferentes Terras. As xeiras eran a expresión galega das «misións» científicas de saída ao campo e da práctica do excursionismo tan común na Europa desde finais do século XIX. Os traballos realizados naquelas xeiras foron publicados na revista Arquivos do SEG, pero tamén noutras publicacións como Nós ou A Nosa Terra. O predominio de membros moi mozos non impediu a presenza de investigadores xa consolidados nas diferentes seccións en que estaba organizado o SEG. Esa convivencia foi a chave de bóveda da actividade da institución, de modo que as seccións —e non cátedras universitarias— e as xeiras de traballo deixaron unha fonda pegada na memoria dos «seminaristas» pero tamén na percepción que a cultura galega formou da propia institución.
Os campos de investigación e de publicación dos membros do SEG definen a orientación que tivo a institución: hexemonía dos saberes humanísticos, pero cunha notable presenza da área de ciencias, grazas ao traballo de Luis Iglesias, Isidro Parga Pondal e Ramón Aller Ulloa. Pódese medir este nesgo a través dos artigos publicados e mesmo dos discursos de ingreso no Seminario. Da revista Arquivos, que era a plataforma impulsada de modo preferente polos dirixentes do SEG, hai uns setenta artigos publicados nos seis números imprentados. No seu conxunto, tres áreas salientan sobre o resto: Historia, Ciencias e Prehistoria/Etnografía, que xuntan máis do oitenta por cento do total. Alén de artigos, os traballos do SEG deron lugar a libros como Vila de Calvos de Randín (1930), Terra de Melide (1933) ou Parroquia de Velle (1936), así como á tradución do Codex Calixtinus —impreso en 1944— ou á edición do Corpus Petrogliphorum Gallaeciae, ao coidado de Ramón Sobrino.
A proxección exterior e a divulgación en Galicia dos resultados da investigación foron dous desafíos permanentes para o SEG. As relacións cos seus análogos de fóra de Galicia foron establecidas coa Institución Libre de Enseñanza e o Institut d´Estudis Catalans, pero tamén con institucións portuguesas, francesas, irlandesas e alemás. Alén de viaxes de estudo, casos de Bouza Brey ou Castelao na Bretaña, de Parga Pondal en Suíza, Lois Tobío en Alemaña ou López-Cuevillas en Portugal, foi moi intenso o intercambio de publicacións, que chegaron a ducias de bibliotecas estranxeiras. Seguindo as pautas xa marcadas polos «mestres» da xeración Nós, os membros do SEG tamén seguiron a máxima de «andar por fóra» por países que tiñan unha longa relación cultural con Galicia, desde Portugal a Bretaña ou Irlanda.
A extensión cultural do SEG foi realizada a través do Instituto de Estudios Regionales, que promoveu un Curso de Extensión Escolar ou curso de verán, desenvolvido en Pontevedra (1935), coa asistencia de máis de cen persoas (mestres e inspectores de ensino primario, estudantes universitarios e de bacharelato) para instruílos nos saberes básicos da cultura galega. Pero o proxecto máis ambicioso foi o de preparar unha colección de manuais que tiña como obxectivo publicar once «fascículos» de cen páxinas, dirixidos por Filgueira e Sánchez Cantón, encomendados a membros das seccións do SEG e orientados «cara o ensiño elemental e a divulgación da nosa cencia». Destes manuais ou «guieiros» chegaron a redactarse algúns, como a Historia de Galicia por Vicente Risco, que sería a base do manual publicado por Galaxia en 1952. Pero onde tería clara continuidade este proxecto foi en editoras porteñas (Galicia ou Citania), dirixidas por Luís Seoane, e en Galicia na colección Obradoiro, editada por Bibliófilos Gallegos, con Sánchez Cantón e Filgueira de coordinadores.
A conversión do SEG nun verdadeiro lugar de memoria foi realizada nunha dupla dirección. No interior, de forma silandeira ou resistente, mesmo levando a cabo un proxecto alternativo como a magna Historia de Galiza, encomendada persoalmente por Castelao a Otero Pedrayo durante a súa estadía en Bos Aires en 1947, que tivo resposta na Galicia Histórica pensada desde o Sarmiento e o CSIC, por Filgueira e Sánchez Cantón. A primeira, escrita en galego mais editada entre Bos Aires e Montevideo en 1962, era unha culminación dos traballos do SEG da preguerra; a segunda non sairía a lume ata os anos setenta. No exilio, nomeadamente o residente en Bos Aires, a idea de recuperar a institución é unha constante nas relacións epistolares que se cruzan entre Castelao, Sebastián González ou Martínez López, sen que esta proposta se chegase a concretar, malia as «voces de protesta» a favor do «núcleo de obreros del pensamiento», que era a institución oficialmente desaparecida en Galicia.
Pero a relevancia do SEG non foi esquecida e mesmo deu lugar a polémicas persoais, como a de Castelao con Sánchez Cantón, expresadas nas «verbas limiares» ao libro As cruces de pedra na Galiza (1950), redactadas como unha homenaxe «aos compañeiros do Seminario» e contra «quenes maldefenderon […] ou suplantaron» o SEG. A defensa do SEG pasaría a outras mans, de exiliados e mesmo de emigrados, como Isaac Díaz Pardo, que comeza as súas estadías na Arxentina a mediados dos anos cincuenta. Naqueles tempos arxentinos, Díaz Pardo colabora co grupo da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas —fundado en Bos Aires en 1956—, presidido por Antonio Baltar, para botar a andar unha «entidade continuadora» do SEG, o que realmente non aconteceu ata finais da década dos setenta, xa durante o réxime da preautonomía.
Para Díaz Pardo, a restauración do SEG era «un mandato» que el trouxera de América e así foi como, desde o grupo Sargadelos, promoveu a restauración do SEG: convocou os fundadores que estaban vivos (Martínez López, Tobío ou Filgueira) e antigos colaboradores da institución para daren testemuño da súa experiencia e apoiar a reedición de Terra de Melide (1978), como texto emblemático do labor do SEG da preguerra. O resultado foi a aparición uns anos despois do novo SEG, presidido por Ramón Martínez López, logo por Lois Tobío e, finalmente, por F. Díaz-Fierros, que tivo como trazo fundamental a organización en seccións, pero mudou claramente o núcleo temático das pescudas, agora concentradas nas áreas experimentais (xeoloxía, bioloxía, ciencias agrarias e mariñas…) e non nas humanidades. Esta segunda etapa do SEG foi esmerecendo, sen que morrese con ela a memoria daquela institución de «alta cultura» fundada en 1923, como amosou a recente celebración do seu centenario.
Bibliografía
DÍAZ PARDO, Isaac (coord.) (1978): Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia, 5, Sada, Ediciós do Castro.
MATO, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento, Sada, Ediciós do Castro.
MONTEAGUDO, Henrique / Ramón VILLARES (eds.) (2024): Saber de Nós. O Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
VILLARES, Ramón (dir.) (2023): Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Educación, FP e Universidades / Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Ver biografía completa