O testemuño máis elocuente da importancia política e simbólica da Igrexa xacobea durante a Idade Media.A relación cos reis foi moi estreita xa desde os mesmos comezos do locus sanctus. Este xorde arredor dunha tumba singular descuberta a comezos do século IX e que vai ser identificada como a que contén os restos do apóstolo Santiago o Maior...
O testemuño máis elocuente da importancia política e simbólica da Igrexa xacobea durante a Idade Media.A relación cos reis foi moi estreita xa desde os mesmos comezos do locus sanctus. Este xorde arredor dunha tumba singular descuberta a comezos do século IX e que vai ser identificada como a que contén os restos do apóstolo Santiago o Maior. O rei ástur Afonso II (790-842) non só acode a visitar o lugar do achado, senón que vai ser o responsable principal da construción da primeira igrexa en Compostela. Igualmente, é este rei o pioneiro na concesión de bens e privilexios a este novo templo.
Os reis que o van sucedendo manteñen, sen excepción, a prodigalidade rexia coa igrexa compostelá. Ademais, adoitan visitala causa orationis, algúns deles máis dunha vez. Así, por exemplo, Afonso III (866-910) estivo no templo xacobeo polo menos en tres ocasións e acompañou estas visitas con soadas doazóns, como unha cruz votiva, réplica da ovetense Cruz dos Anxos, ou mesmo coa construción do segundo templo erixido arredor da suposta tumba apostólica.
Nunha escalada política e simbólica ben elocuente, a basílica compostelá comezara a empregarse tamén como espazo de coroación rexia. Aínda que é posible que houbese outras anteriores, a primeira documentada é a de Vermudo II (983-999) no ano 983. Este rebelárase contra a autoridade de Ramiro III (966-985) e foi promovido a dignidade rexia na igrexa de Santiago. Medio século despois outro Vermudo, neste caso o terceiro dese nome, sería tamén coroado e unxido no templo xacobeo. A entronización do derradeiro dos reis da dinastía ástur-galaico-leonesa daría paso a unha longa etapa, de preto dun século, ata volvermos ter outra cerimonia destas características en Santiago. Aconteceu en 1111 e é, con toda seguranza, a coroación celebrada en Santiago máis coñecida e famosa. Neste caso é un neno, duns cinco ou seis anos, quen sería proclamado rei na catedral. Non é outro que Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII (1126-1157), e Diego Xelmírez actúa como mestre de cerimonias na compaña dos máis grandes aristócratas da Galicia na altura. A Historia compostelá narra con bastantes detalles como se desenvolveu a coroación e mais a festa posterior.
Precisamente o pai dese neno-rei, o xa falecido Raimundo de Borgoña, foi o primeiro dos integrantes da familia real en ser enterrado na catedral. É certo que Raimundo non foi rei, aínda que si pai de rei e home de futura raíña; ademais, cómpre ter en conta que os seus poderes e autoridade como conde de Galicia o achegan á categoría dun auténtico vicerrei. Dáse a circunstancia de que Raimundo morreu ben lonxe de Galicia, en Tierra de Campos, e malia a importante distancia que existe entre os dous lugares, os seus restos mortais foron trasladados a Compostela por iniciativa do bispo Xelmírez, quen lle deu pretiosam sepulturam, segundo lemos na Historia compostelá. Nesa tumba, situada orixinalmente no extremo norte do cruceiro —coincidindo coa actual capela de Santa Catarina—, atopamos o primeiro embrión do que, co paso do tempo, vai ser o Panteón Real.
Cronoloxicamente, o segundo dos ocupantes do actual panteón en ser soterrado na catedral foi outro «non-rei», pero, como no caso previo, con poderes e protagonismo rexio e, ademais, titor real. Referímonos a Pedro Froilaz, coñecido como conde de Traba, cabeza máis visible dos dereitos de Afonso Raimúndez e símbolo da máis poderosa aristocracia galega nun dos seus momentos cenitais ao longo de toda a Idade Media. O seu cadaleito foi trasladado ao panteón no século XX, nunha acción que pon de manifesto que este espazo tiña xa categoría de lugar da memoria moito antes de que se manexase este concepto.
Estes dous primeiros enterramentos «rexios» están conectados, como xa se dixo, coa figura de Afonso VII. O seu pai biolóxico e o seu pai político foron, como xa vimos, inhumados na catedral. Xa que logo, cabería agardar que o corpo do fillo seguise os mesmos pasos cando lle chegase a hora da morte. De feito, arredor de 1127 comprométese a ser enterrado el tamén no templo xacobeo, no tempo en que o arcebispo Xelmírez e o cabido compostelán o acollen como cóengo de Santiago. Aínda máis, a súa primeira esposa, Berenguela de Barcelona, que morre en 1149, anos antes de falecer o emperador, foi enterrada na basílica xacobea. Con motivo dese enterro, desta volta plenamente real, púxose en práctica o cerimonial que o mesmo Afonso VII aprobara para o desenvolvemento das exequias rexias. Deste modo, en palabras de Yzquierdo Peiró, podemos falar do «nacemento, na práctica, que non oficialmente, do Panteón Real de Compostela».
Malia todo o que se acaba de comentar, Afonso VII non foi enterrado en Compostela, senón que escolleu Toledo como lugar para o seu eterno repouso. Porén, o seu fillo Fernando II (1157-1188) e o seu neto Afonso IX (1188-1230) si o fixeron. Estes dous reis de León e Galicia, que é como aparecen nomeados en boa parte dos documentos que expiden, elixen Compostela como lugar de enterramento, que, agora si, semella adquirir categoría de panteón dinástico e real en todas as súas dimensións. Mesmo o Pórtico da Gloria, con paralelismos cos portais reais franceses, incluía unha serie de imaxes de reis bíblicos que, sen dúbida, reforzaban o carácter rexio e «oficial» que vai adquirir a igrexa compostelá. Unha igrexa que nesa altura, ademais, pasa a dispor dun espazo propio para ese panteón, no que se sitúan os sepulcros dos dous amentados reis galaico-leoneses e ao cal se trasladan e modifican os sepulcros de Raimundo de Borgoña e da raíña dona Berenguela. Nestes traslados, e na ausencia de carteis identificadores dos xacentes durante moito tempo, encontramos a razón que explica que, con toda probabilidade, como argumentara xa hai anos Serafín Moralejo, o sepulcro atribuído a don Raimundo sexa en realidade o do infante Fernando Afonso —fillo de Afonso IX e da súa primeira esposa, Tareixa de Portugal—, que, morto arredor de 1214, foi enterrado na nosa catedral.
Coa unión dinástica dos reinos de León-Galicia e Castela, en 1230 con Fernando III, os monarcas van elixir outros lugares para ser enterrados, maioritariamente en Castela ou en Andalucía. No que fica de Idade Media o Panteón Real de Santiago só vai acoller un novo inquilino: Xoana de Castro, raíña consorte de Castela, falecida en 1374. O seu aparentemente fugaz matrimonio con Pedro I non impediu que dona Xoana posuíse o título real ata a súa morte, e así foi enterrada e identificada no seu moimento. Dalgún xeito, a figura de Xoana de Castro pode simbolizar a fin desa grande aristocracia galega que tanto poder e influencia exerceran nos distintos reinos hispánicos medievais. Ademais, non deixa de ser unha figura que, dun xeito ou doutro, está relacionada coas últimas tentativas do Reino de Galicia para intentar emprender un camiño á marxe da Coroa de Castela.
Co tempo, o significado orixinal deste panteón vaise ir perdendo. Será trasladado ao que é o seu lugar actual, mais o seu carácter político e «nacional» vaise agochar tras a denominación de Capela das Reliquias, nome que se irá impoñendo co tempo. O mesmo feito de que estas tumbas rexias pasen a compartir espazo cun xigantesco relicario (a igrexa de Compostela é unha fundación que se fai sobre unha reliquia ben significativa) é un claro marcador da deriva apolítica que vai experimentar este lugar da memoria. A lembranza do Reino de Galicia (nas súas distintas vidas ao longo dos séculos X ao XIV) está vencellada a este panteón, como o está tamén o recordo deses grandes nomes que tanto influíron desde o trono ou desde a curia na vida e na política da nosa Idade Media.
Bibliografía
ANDRADE CERNADAS, Xosé Miguel / Anselmo LÓPEZ CARREIRA (2020): O reino medieval de Galicia: crónica dunha desmemoria, Vigo, Xerais.
LÓPEZ CARREIRA, Anselmo et al. (2019): O Panteón Real, Santiago de Compostela, Concello de Santiago de Compostela.
MORALEJO, Serafín (1990): «¿Raimundo de Borgoña (1107) o Fernando Alfonso (1214)? Un episodio olvidado en la historia del Panteón Real compostelano», en Galicia en la Edad Media. Actas del Coloquio de Santiago de Compostela 1987, Madrid, Sociedad Española de Estudios Medievales, 161-178.
NÚÑEZ RODRÍGUEZ, Manuel (1999): Muerte coronada. El mito de los reyes en la Catedral Compostelana, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
YZQUIERDO PEIRÓ, Ramón (ed.) (2024): O Panteón Real de Compostela, Santiago de Compostela, Fundación Catedral de Santiago.
Ver biografía completa