Perfecto Feijoo
Pontevedra, Galicia, 1858 - Pontevedra, 1935Autoría: Francisco Javier Garbayo Montabes
Boticario da Peregrina e Gaiteiro do Lérez, fundador de Aires d´a Terra, primeiro dos coros galegos
galegoe a recuperación do repertorio da música patrimonial, xa entón ameazada polo retroceso da vida rural.
No seo dunha acomodada familia orixinaria da zona de Celanova, Perfecto Feijoo Poncet naceu en Pontevedra o 25 de agosto de 1858. Cursou bacharelato na vila, trasladándose despois á universidade compostelá para estudar Farmacia na súa prestixiosa facultade, onde se licenciou en 1877. En 1885 marchou a Madrid, onde rexentará a
Farmacia de la Reina Madre, na que a familia de boticarios Moreno establecera un importante centro de faladoiros de liberais no ambiente madrileño da Restauración. Nese momento, Feijoo fixo contactos cos altos estamentos da Corte e especialmente coa importante colonia de políticos e intelectuais galegos residentes na capital, determinantes no desenvolvemento e éxito dos seus futuros proxectos artísticos.
Ao longo da súa vida, o seu labor profesional foi recoñecido con distincións nas exposicións nacionais de Farmacia de Madrid (1882) e Zaragoza (1885), recibindo ademais as medallas de Alfonso XII (1919) e do Traballo (1927), esta última a solicitude de todos os farmacéuticos do país. Foi subdelegado de Farmacia do partido de Pontevedra, farmacéutico do concello e do orfanato da cidade e Inspector provincial de xéneros medicinais.
O ano 1880 marcou o seu regreso a Pontevedra, instalándose como boticario nas inmediacións da Peregrina e establecendo ao redor do seu local un dos faladoiros de rebotica máis célebres da España do seu momento, que competía coas que alí se celebraban arredor das figuras de Casto Sampedro e Jesús Muruais. Dentro do rico ambiente cultural que se vivía na cidade do Lérez a principios do século XX, a botica de Feijoo converteuse en paso obrigado de artistas, intelectuais, políticos, aristócratas e outros personaxes significados nas visitas que realizaban aos balnearios e vilas galegas. Alberto Vilanova escribe ao respecto:
Allí es fama que se fraguaron gabinetes ministeriales; allí formaron tertulia muchos de los hombres más eminentes de España; allí surgió la idea de crear los coros gallegos; allí las mejores iniciativas de carácter benéfico y cultural de su época, tuvieron origen y planteamiento; allí don Perfecto atendía a las gentes campesinas que no sólo venían en busca de la consabida receta, sino también a pedir consejo y ayuda del hombre que sabía de sus penas y comprendía sus desgracias, e incluso más de una vez el consejero era el amanuense de las cartas que aquellas gentes enviaban a sus familiares emigrados.
A botica de Feijoo estaba presidida pola figura do loro Ravachol, testemuña non sempre muda dos importantes asuntos que alí se xestaban. Cando o loro morreu, Feijoo e as súas amizades preparáronlle un fastoso enterro e Ravachol acabou incorporándose ao rico imaxinario colectivo pontevedrés, ata seguir presente a súa figura e o seu recordo na cidade por medio do
Enterro de Ravacholque substitúe cada ano ao tradicional
Enterro da sardiñaque pecha o entroido.
Foi neste faladoiro, presidido por un loro, onde en 1883 Feijoo, que percorrera na súa xuventude festas e romarías de toda Galicia, concibiu a idea de crear un
coro típico galego, composto por entusiastas profesionais das máis diversas disciplinas, coa intención de rescatar do esquecemento o rico folclore do pobo galego que el tanto amaba. Este grupo recibiría o nome de Aires d´a Terra e, tras anos de incomprensión por parte da sociedade pontevedresa, realizou a súa presentación oficial en Madrid durante o entroido de 1901, participando en diversos actos, entre eles unha memorable conferencia-concerto celebrada no Ateneo á que asistiron importantes músicos, entre eles Felip Pedrell, promotor da actividade. A partir deste momento son numerosas as alusións na prensa comparando o labor artístico de Feijoo co dos Coros Clavé en Cataluña, recoñecendo no grupo o nacemento dun novo tipo de agrupación coral, a dos Coros Feijoo, que serviría de modelo a outras agrupacións posteriores como o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, fundado en 1915.
Aires da Terra convertíase así no primeiro dos coros galegos e, como sinalou o mesmo Feijoo, nacía coa intención de
llevar al ánimo y gusto de todos aquella música que yo oí centenares de veces en los campos de mi tierra y que me hizo amar los cantos del pueblo acompañados de mi adorada gaita. Iniciábase unha longa e brillante traxectoria artística, esencial para o papel que a partir dese momento xogaría a nosa música tradicional na reivindicación da identidade máis auténtica de Galicia.
Con indubidable valentía, nun ambiente nada favorable como el mesmo sinalou e lembra Emilia Pardo Bazán nos seus escritos, Feijoo -que recibira instrución musical co director da banda do orfanato pontevedrés e aprendera a tocar a gaita con Manuel Villanueva, gaiteiro de Poio- emprendeu a súa empresa, empapada de xenerosidade e tesón e idealismo imbuído de krausismo, onde a idea da fusión coa natureza xogaba un papel fundamental. Rescatou as vestimentas tradicionais galegas e os vellos instrumentos abandonados nos faiados; retivo, primeiro na súa cabeza e despois sobre o papel, as melodías que escoitaba, pertencentes a diferentes xéneros que chegarían a ser cualificadas como
cantos de borrachos, conformando un importante arquivo musical e documental custodiado hoxe no Museo de Pontevedra.
Con todos estes elementos, entre 1883 e 1899, foise consolidando unha coidada coreografía recoñecida internacionalmente -a publicación The English Illustrated Magazine publica, en 1910, unha foto de Aires da Terra nun especial sobre Galicia-, cohesionada por
auténticoscantos populares para voz, gaita e tambor nos seus diferentes xéneros e dándose a coñecer polas sete cidades galegas, Madrid (Carnaval de 1901), visita de Estado de Poincaré en 1913, viaxando a O Porto en 1903 e realizando unha importante xira pola Arxentina entre agosto e setembro de 1914. En proxecto quedaron outras viaxes non realizadas como a visita a Barcelona en 1913, promovida polo Orfeó Catalá, ou a polémica viaxe a Londres integrando a representación oficial española na Exposición Internacional de Turismo de 1914. Tras a viaxe a América, o coro disolveuse debido ás tensións entre os seus membros, provocadas en gran medida polo esgotamento producido polo excesivo número de actuacións que tiveron que realizar en pouco máis de un mes, véndose incluídos en espectáculos de variedades de dubidosa calidade que acabaron minando os ideais iniciais e a ilusión que ata entón alimentara o proxecto.
A iniciativa do empresario Pedro Ferrer, editor de Portfolio Galicia, en 1904 a Compagnie Française du Gramophone trasladou de París á Coruña un estudio móbil de gravación co obxecto de rexistrar diversas pezas interpretadas por Feijoo e o seu coro, recollidas e dezaoito discos que constitúen as primeiras gravacións de música tradicional galega. A pesar de que estes discos foron comercializados con grande éxito entre a comunidade de emigrantes galegos en América, Feijoo manifestou en varias ocasións a súa disconformidade co resultado final.
Nunha vida tan rica dende o punto de vista artístico e humano, é de destacar a tensa polémica que mantivo con Casto Sampedro sobre a reconstrución da
verdadeiraAlborada que Rosalía de Castro narraba terlle escoitado na súa xuventude ao gaiteiro de Lestrobe e á que dedicou o célebre poema contido nos seus Cantares Gallegos (1863). Feijoo estrearía a súa versión en Mondariz en 1913, publicándoa no número 38 da revista homónima en marzo de 1920.
Xa totalmente retirado do ambiente musical, o 31 de agosto de 1919 diversos coros galegos procedentes das catro provincias reuníronse na praza de touros de Pontevedra para tributarlle unha homenaxe na que se acordou nomealo Presidente honorario dos coros galegos.
Ao seu regreso de Madrid, en 1885, casara con Concepción Méndez García; do matrimonio naceron Amalia, Perfecto, Carlos e José María. Perfecto Feijoo faleceu en Pontevedra o 10 de junio de 1935 como consecuencia dun accidente cerebral.
Bibliografía
«Galería de Gallegos Ilustres: Perfecto Feijoo», Mondariz: revista mensual. Suplemento a La Temporada, ano 2, n.º 15 (20 de agosto de 1916), p. 326-327.
Costa Vázquez , Luis e Inmaculada López Silva (coords.) (2019): Son de Galicia. Os coros galegos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Calle García, José Luis (1993): Aires da terra, la poesía musical de Galicia. Madrid: Edición do autor.
Calle García, José Luis (1998): «A música tradicional nos nomes propios». En Grupo Milladoiro, Carlos Villlanueva [coords.]: O Feito diferencial Galego na Música. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego; v. I, p. 101-109.
Clémenssy, Nelly (2004): «Emilia Pardo Bazán y Perfecto Feijoo. Elogio y defensa del folklore musical gallego», La Tribuna: cadernos de estudos da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, n.º 2: 65-75.
Filgueira Valverde, José (1967) «Unamuno y Galicia», ABC, Madrid, (20 de agosto).
Garbayo Montabes, Francisco Javier (2015): «Víctor Said Armesto en el entorno de Perfecto Feijoo y Aires d’a Terra». En C. Villanueva, J. Beramendi, C. García, M. Santos (eds.), Víctor Said Armesto e o seu tempo: perspectivas críticas. A Coruña: Fundación Barrié; p. 261-301.
Landín Tobío, Prudencio (1952): De mi viejo carnet. Pontevedra : [s.n.], 1949-1952 (Gráficas Torres).
López-Acuña López, Fernando (1974): «Feijoo Poncet, Perfecto». En Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela, Silverio Cañada; t. XI, p. 225-227.
Omil Ignacio, Estrella (2001): «Perfecto Feijoo no Museo de Pontevedra», Museo de Pontevedra, n.º 55: 301-316.
Pardo Bazán, Emilia (1912): «La vida contemporánea». La ilustración artística, n.º 1.069: 702.
Unamuno, Miguel de (1922): Andanzas y visiones españolas. Madrid: Renacimiento.
Urreizieta, José Luis (1985): Las tertulias de rebotica en España. Madrid: Ediciones Alonso.
Vilanova, Alberto (1958): «Perfecto Feijoo», Galicia Emigrante, ano V, n.º 35 (setembro-outubro): 6-7, 2. ,
Villanueva, Carlos (coord.) (2007): Cancionero Musical de Galicia reunido por D. Casto Sampedro y Folga. A Coruña: Fundación Barrié.
Discografía
[2003] AIRES D´A TERRA. 1904 (Libreto interior con notas de José Luis Calle) Colección A Tiracolo. Ouvirmos, Sarria. (Gravación restaurada en CD dos dezaoito rexistros tomados pola Compagnie Française du Gramophone na Coruña, 1904).
Como citar: Garbayo Montabes, Francisco Javier : Perfecto Feijoo. Publicado o 28/9/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1330. Recuperado o 07/12/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Versión da «Alborada» de Rosalía de Castro feita por Feijoo, que provocaría a longa polémica con Casto Sampedro
[Feijoo, Perfecto]: «Alborada de Rosalía de Castro: del archivo del coro Aires d’a Terra», Mondariz: revista mensual. n.º 38 ( 20 de marzo de 1920), p. 746.
Fonte: Hemeroteca Digital . BNE
http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0004977387&search=&lang=es
O ideario de Perfecto Feijoo. Trascrición dun texto autógrafo que se conserva no Museo de Pontevedra. Ca. decembro de 1919
Fonte: Museo de Pontevedra. Fondo Perfecto Feijoo: 5-2
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Sobre a relación entre Emilia Pardo Bazán e Perfecto Feijoo na defensa do folclore galego
Clémenssy, Nelly (2004): «Emilia Pardo Bazán y Perfecto Feijoo. Elogio y defensa del folklore musical gallego», La Tribuna: cadernos de estudos da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, n.º 2: 65-75.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Noticia publicada en Céltiga sobre a concesión da Medalla do Traballo a Perfecto Feijoo
«Notas de Galicia: Homenaje a don Perfecto Feijoo», Céltiga, Bos Aires, ano VI, n.º 101 (10 de marzo de 1929); p. 13
Fonte: Repertorio de prensa da emigración galega. Consello da Cultura Galega.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_em_pub1670_Celtiga_n101.pdf
Ampla información sobre a homenaxe a Perfecto Feijoo en Pontevedra.
«La fiesta de coros regionales: homenaje a don perfecto Feijoo, iniciador de los coros», La temporada en Mondariz, n.º 15 (7 de setembro de 1919), p. 1-2
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=10000274016
Artigo de Emilia Pardo Bazán sobre Perfecto Feijoo
Pardo Bazán, Emilia: «La vida contemporánea». La ilustración artística, n.º 1.069 (28 de outubro de 1912), p. 702.
Fonte: Hemeroteca Digital. BNE
Especial dedicado a Galicia en 1910 por English Illustrated Magazine no que se publica unha fotografía de Perfecto Feijoo con Aires da Terra.
Stone, J. Harris «Galicia, the garden os Spain». English Illustrated Magazine, n.º 92 (novembro de 1910); p. 106-116
Fonte: HathiTrust Digital Library
https://hdl.handle.net/2027/mdp.39015056060190 [consulta: 2021-09-30]
Ligazóns de interese
Perfecto Feijoo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Perfecto_Feijoo
Documentación de Perfecto Feijoo no Museo de Pontevedra. Fondo Perfecto Feijoo
Fonte: Museo de Pontevedra. Fondo Perfecto Feijoo
https://atopo.depo.gal/Search/Results?join=AND&b]ool0%5B%5D=AND&lookfor0%5B%5D=[Fondos]PERFECTO%20FEIJOO&type0%5B%5D=treeFull&sort=year [consulta: 2021-09-29]
Entrada de Perfecto Feijoo no web do grupo de investigación Organistrum
Garbayo Montabes, Javier: «Perfecto Feijoo», Organistrum: grupo de investigación,
Fonte: Grupo de Investigación Organistrum
https://grupo-organistrum.com/gl/galerias/perfecto-feijoo [consulta: 2021-09-29]
https://grupo-organistrum.com/gl/galerias/perfecto-feijoo
«El loro que se convirtió en mito»
Barrero, Miguel: «El loro que se convirtió en mito», Zenda: autores, libros y compañía. https://www.zendalibros.com/loro-se-convirtio-mito/
Fonte: Zenda: autores, libros y compañía
https://www.zendalibros.com/loro-se-convirtio-mito/ [consulta: 2021-09-28]
Artigo de F.J. Garbayo Montabes sobre a relación de Said Armesto con Perfecto Feijóo e Aires d´a Terra
Garbayo Montabes, Francisco Javier: «Víctor Said Armesto en el entorno de Perfecto Feijóo y Aires d´a Terra». En Villanueva, Carlos et al (ed.): Víctor Said Armesto e o seu tempo: perspectivas críticas. A Coruña: Fundación Barrié; Pontevedra: Deputación; Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 2015; 261-301.
Fonte: Minerva. Repositorio institucional da USC.
http://hdl.handle.net/10347/24260 [Consulta: 2022-06-28]
«Cen cabodanos de Ravachol O enterro do papagaio de Perfecto Feijoo marcou o entroido pontevedrés de 1913», culturagalega.gal
Fonte: Consello da Cultura galega
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=22228
Perfecto Feijoo e Aires d´a Terra(1904) : A-la-la n.º1, Muiñeira. Solo de gaita
Fonte: Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Audios
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Ruada. Odeón, 1911
Coro Aires da Terra de Pontevedra. A-la-la n.º 1. Odeón, 1911
Coro Aires da terra de Pontevedra. Coplas de ciego. Odeón, 1911
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Muiñeira. Solo de gaita. Odeón, 1911
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Canto de fiada. Grampohone, 1904
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Foliada de las Rías Bajas. Gramophone, 1904
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Foliada de montaña. Gramophone, 1904
Coro Aires da Terra de Pontevedra. Foliada de romeros. Gramophone, 1904