Jaime Pacheco
Freixo de Espada à Cinta, Tras os Montes (Bragança), 1878 - Vigo (Pontevedra), 29/4/1954Autoría: Vítor Vaqueiro
Cabeza visible do equipo fotográfico do Estudio Pacheco
Abordar a biografía de Pacheco, esixe, como cuestión inicial, comprendermos que, baixo ese nome, se acha un amplo colectivo de fotógrafos, técnicos, colaboradores e axudantes composto polo fundador da liñaxe, Jaime de Sousa Guedes Pacheco, os seus fillos Jaime e Alberto de Sousa Avalle, os sobriños Horacio e César Guedes Mezquita e, como mínimo, os traballadores Emilio Nogueira, José López Martínez, Ángel Llanos e outros cuxos apelidos descoñecemos, como Jesús, Ricardo ou Amoedo, alén de axentes ocasionais, como Manuel Novoa, e traballadoras e traballadores, algunhas familiares como María Avalle —casada co fundador da dinastía— ou Dolores Romalde, esposa de Alberto de Sousa. Todo este amplo colectivo asumiu o carimbo Pacheco
para se auto-representar sendo, entón, difícil establecer autorías específicas das ducias de miles de imaxes xeradas por eles e desenvolvidas durante case tres cuartos de século. Ás veces chegaron a aparecer fotografías, nomeadamente en xornais e revistas, asinadas por Jaime ou Horacio Pacheco, mais estes casos non son habituais. Certamente corresponden a Horacio as fotografías aéreas do voo do Marabú sobre Vigo en 1927, o mesmo que varios centos de imaxes asinadas por el en El Pueblo Gallego na década dos cincuenta. Sexa como for, é de xustiza sinalar que a figura do fundador domina o panorama fotográfico do estudio durante case cincuenta anos e a súa pegada correspóndese co que poderiamos nomear os anos dourados da galería fotográfica da rúa do Príncipe número 31 de Vigo.
O maior dos Pacheco naceu, en 1878, en Freixo de Espada à Cinta, unha pequena vila pertencente ao distrito de Bragança, situada moi perto da fronteira española de Salamanca, que contaba ao pé dos seis mil moradores o ano en que o fotógrafo chega ao mundo. Pasada a súa infancia nesta vila, inicia, na última década do século XIX, o seu labor fotográfico en Ourense, onde o seu irmán José exercía a fotografía desde algúns anos antes. Unha conxunción de factores levárono a abandonar a cidade das Burgas: por unha parte, a aparición do cinematógrafo, que o empurrou a desenvolver proxeccións do incipiente invento, en primeiro lugar en distintas vilas galegas e, posteriormente, portuguesas; en segundo termo polo carácter do seu irmán José, que Jaime debía considerar escasamente afouto e, finalmente —segundo el mesmo proclamara— polas peculiaridades da cidade ourensá, que Jaime avaliaba como carente de atractivos, factores todos eles que chegaban a xerar nel unha certa sensación de asfixia. Por iso, despois da experiencia portuguesa —Porto, Figueira da Foz, Póvoa de Varzim, Braga, Évora, entre outras— levada a cabo entre 1900 e 1905 e após unha estadía en Ourense, decide marchar a Vigo onde chega en agosto de 1907.
Case con seguranza, Jaime xa coñecía na cidade da oliveira a actividade de Cándida Otero que, desde 1899, ano da morte de Filippo Prosperi, xería o gabinete da rúa do Príncipe. Iso é o que suxire a rapidez de formación da sociedade, confirmada pola aparición, nos primeiros meses de 1908, de insercións publicitarias nos xornais vigueses que anuncian a loxa J. Pacheco y Viuda de Prosperi. Fotógrafos. Principe, 31. Vigo
. Durante sete anos, até o falecemento de Cándida Otero, en 1915, a parella traballará e asinará conxuntamente todos os seus traballos, aínda que é lóxico imaxinar que sobre os ombros de Cándida repousaría o labor de estudio e sobre os de Jaime a reportaxe de rúa, sen podermos afirmar que, mesmo en vida de Otero, outros fotógrafos como o sinalado Emilio Nogueira, traballasen xa na galería. Sabemos, porén, con certeza que, apenas dous anos máis tarde, os sobriños Horacio e César están xa a traballar en Casa Pacheco. César, desenvolvendo labores de retoque fotográfico e Horacio de reporteiro de rúa, segundo informa un exemplar de Vida gallega do ano 1919, que insire unha fotografía dun moi novo Horacio Guedes, nomeado xa nesta altura Horacio Pacheco.
A práctica de Estudios Pacheco —como ás veces se auto-denominaba o estudio— abrangueu un amplo campo. No que a fotografía de gabinete se refire, achamos que o período delimitado pola chegada do portugués a Vigo e o comezo da guerra civil foi excepcionalmente frutífero, deitando unha magnífica escolma de retratos que chegaron a hoxe. Nesa escolla, esencialmente masculina, encóntranse o empresario e membro da Academia Galega Tomás Mirambell, o escultor Santiago Bonome, os escritores e militantes das Irmandades da Fala Armando Cotarelo e Antón Villar Ponte, o poeta Ramón Cabanillas, os pintores Carlos Maside e Manuel Colmeiro e, naturalmente, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, auténtica bandeira do proceso emancipador galego, retratos, todos eles, tirados na década dos vinte. A eles cumpriría engadir unha hoste de inmensa extensión conformada por deportistas, traballadoras, homes, mulleres e crianzas vestidos con disfraces de entroido, ao carón de xentes que precisaban posuír un retrato con finalidades de identificación, co desexo de gardar a lembranza do familiar emigrado, de fixar para sempre o día do casamento ou —fotografía postmortem— daquelas ou daqueles que se foran definitivamente.
Paralelamente a este labor, achábase a reportaxe en exteriores que se espallaba a través de diferentes camiños. Por unha parte, atendendo a publicacións periódicas, onde se informaba de acontecementos corriqueiros ou feitos de importancia transcendental. O número destas producións, galegas ou foráneas, constituíu un abano inmenso, pudendo salientarse, entre os xornais, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, El Diario de Pontevedra, El Ideal Gallego, Galicia, ABC, Marca ou Informaciones; entre as revistas, Suevia, Vida Gallega, Nuevo Mundo, Mundo Gráfico, ou Blanco y Negro; no caso de boletíns ou órganos de comunicación de entidades ou sociedades, os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos ou o Boletín da Escola de Artes e Oficios de Vigo. En segundo lugar, mediante a exposición das imaxes nas vitrinas da propria galería fotográfica ou noutros lugares, como na editora de P.P.K.O. que, ás veces, xeraban a edición de postais, nalgúns casos con tiradas non precisamente escasas dependendo do interese do motivo fotografado. E ao cabo, mediante a difusión en libros, por regra editados pola dita editorial P.P.K.O. Verán así a luz publicacións de notábel valor como Catálogo de Vigo (Vigo a través de un siglo) (1922), Vigo en 1927, Libro de oro de la provincia de Pontevedra (1931), Los pazos gallegos (1930), ou Las bellezas de Galicia (ca. 1930), do editor Juan Gil Cañellas.
Esta actividade plural permitirá coñecer fotografías que o tempo converteu en elementos emblemáticos na vida da cidade e de todo o país e que atinxen diferentes ámbitos. Áchanse entre elas, no período anterior á guerra civil, o incendio do teatro Rosalía de Castro (1910), a feira do automóbil usado da Pontecesures (1925), os traballos de natureza etnográfica e histórica Los horreos de Combarro ou, de natureza monumental, Los pazos gallegos, ambos de 1926, as pallozas do Cebreiro (1930), a reportaxe sobre O Porriño, coas tomas exteriores e interiores do matadoiro rural (1928), o embarque para África, no porto de Vigo, do batallón de infantaría Murcia (1924) para combater na guerra colonial, a repatriación de tropas dos batallóns Zaragoza e Toledo (1925) ou a alocución de José Antonio Primo de Rivera á Falanxe galega (1935), cando a maquinaria rebelde xa adquirira velocidade de cruceiro.
Comezaranse a recibir noticias gráficas da guerra a partir do mes de xullo de 1936, momento no que Alberto de Sousa, á idade de trece anos, debe abandonar os seus estudos, obrigado, por unha parte, pola deficiencia de visión que comeza a afectar o seu pai e, por outra, pola marcha do seu irmán Jaime que, con apenas vinte anos, ten de se incorporar ao combate formando parte do Gabinete Fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, o organismo que, baixo as ordes do xeneral Aranda, fotografa a guerra baixo a óptica do bando faccioso e do que forma parte outro fotógrafo, Ángel Llanos, que o futuro converterá nun elemento significativo da fotografía galega e que colaborará en Estudios Pacheco. Con eles completarán o gabinete fotográfico Mario Blanco, José Longueira, Faustino López e José Lombardía.
A guerra aparecerá fotografada, a través da cámara dos Pacheco, na súa duplicidade exterior e interior: no primeiro caso, o mozo Jaime reflectindo a situación das liñas de fogo, mediante a frecuente representación de Antonio Aranda e a súa plana maior ou das terras do Cantábrico onde a morte se constituía como unha presenza inevitábel. No segundo, a mostra da situación na retagarda onde a execución sumaria ou a lei de fugas
pairaban sen ofreceren posibilidade de defensa, enmarcadas polas bandas falanxistas que planificaban cazarías nocturnas. Aparecen así o retrato do militar golpista José Jiménez García, alcalde de Vigo (1938), substituíndo o legal, Emilio Martínez Garrido, asasinado en agosto de 1936, ou a tantas veces sinalada como o desfile da Lexión Cóndor polas rúas viguesas que, en realidade, é a manifestación que celebra a caída de Málaga en mans dos rebeldes en febreiro de 1937.
Despois da finalización da guerra civil, Estudios Pacheco continuará o seu labor de documentación social e, como resulta esperábel nun réxime ditatorial, o traballo só podería ir encamiñado no sentido da louvanza e no espallamento daquilo que fortalecese o imaxinario nacional-católico. Nesta categoría áchanse o discurso de Franco na Alameda (1942) ou os encarapuchados de semana santa (1947). Como se sinalou, neste tempo Horacio Pacheco, comeza a asinar co seu proprio nome de maneira sistemática e, en 1952, fotografa Trevor Howard e a súa dona Helen Cherry.
A quinta feira día 29 de abril de 1954, á idade de 76 anos, falece en Vigo, Jaime de S. Pacheco, nome co que a necrolóxica dá conta da morte, fechándose desta maneira o período máis brillante de Casa Pacheco. A partir deste momento, continuarán co traballo de rúa e estudio o seu fillo Jaime e, exclusivamente de rúa, o sobriño Horacio, con Alberto dedicado a labores de natureza maioritariamente comercial, aínda que igualmente con presenza no estudio e mesmo, ás veces, traballando no laboratorio. Devagar, o estabelecemento irase reorientando de preferencia para unha perspectiva case exclusivamente comercial —no ámbito da venda de produtos fotográficos— ditada polas novas condicións: incremento da excursión e a viaxe, proliferación da fotografía, aparición da cor, competencia nos meios de comunicación pola chegada de novos profesionais. Coa morte de Jaime de Sousa Avalle, en 1981, Estudios Pacheco entra na súa fase derradeira, que finda oficialmente o 24 de maio de 1991, data de adquisición por parte do concello de Vigo do Arquivo Fotográfico Pacheco.
Bibliografía e fontes documentais
Xornais e revistas
Informacións aparecedias en Blanco y negro (1926); El ideal gallego (setembro de 1917); El pueblo gallego (diferentes números entre 1924 e 1955); Faro de Vigo (1908); Vida gallega (1919).
Monografías
Leira-Castiñeira, Francisco J. (2021): Soldados forzosos. A memoria esquecida da guerra civil española. Vigo: Galaxia.
Vaqueiro, V. e López Mondéjar, P. (2002): Pacheco. A memoria dun tempo e dun país. Barcelona, Lunwerg.
Artigos
Vaqueiro, V. (2003): «Delincuencia, obxectividade, fotografía, pé de foto, Pacheco», Grial, 159, 140-5.
Vaqueiro, V. (2009): «Jaime de Sousa Guedes Pacheco: Retrato e Ideoloxía», Anuario Internacional de Comunicação Lusófona, 233-244
Vaqueiro, V. (2012): «Arquivo Pacheco», Murguía. Revista galega de Historia, 25, 121-8
Vaqueiro, V. (2017): «A consumação do sonho baudelairano na fotografia galega (1860-1936)”. En Galicia. Un século de creación. Santiago de Compostela: Deputación da Coruña; DIDAC (Dardo, Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas).
Testemuños orais
Alberto de Sousa Avalle e a súa viúva Dolores Romalde.
Recursos de internet
https://pt.m.wikipedia.org/wiki/Freixo_de_Espada_%C3%A0_Cinta
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Jaime Pacheco. Publicado o 12/7/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30934. Recuperado o 21/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
As fotografías de Jaime Pachero ilustran unha reportaxe sobre Combarro
Rodríguez Elías, Avelino: «Los hórreos de Combarro», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 305 (1 de xaneiro de 1926), 12-13.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=577378 [Descarga: 2022-07-11]
Horacio Pacheco retratado en Vida gallega nunha páxina de fotografías asinadas polo seu teu Jaime
«Galicia deportiva: notas gráficas de Vigo, Coruña y Lugo», Vida gallega: ilustración regional, 130 (31 de xullo de 1919), 18.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3983 [Descarga: 2022-07-11]
Sección fotográfica de Jaime Pacheco en Vida gallega
Pacheco, Jaime: «Notas deportivas», Vida gallega: ilustración regional, 126 (30 de maio de 1919), 18-19.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=3983 [Descarga: 2022-07-11]
Fotografías realizadas polo estudio de Otero e Pacheco publicadas en Vida Gallega
«Fiestas en Galicia», Vida Gallega, 25 (31 de agosto de 1910), 21-22
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Ensaio de Vítor Vaqueiro sobre Pacheco na revista Grial
Vaqueiro, V.: «Delincuencia, obxectividade, fotografía, pé de foto, Pacheco», Grial, 159 (xullo, agosto, setembro de 2003), 140-145.
Fonte: Editorial Galaxia. Revista Grial. Hemeroteca
Accesible en https://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2020/12/grial/Grial_159.pdf [Descarga: 2022-07-07]
Biografía de Jaime Pacheco na Enciclopedia Galega
Vaqueiro, V. : «Pacheco, Jaime». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; 34 : 134-135.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Información sobre o pasamento do fotógrafo Jaime Pacheco, que compartiu estudio con Cándida Otero
«D. Jaime Sousa Pacheco», El pueblo gallego, (1 de maio de 1954), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Fotografías do estudio de Otero e Pacheco para a Festa da Flor en Vigo. 1913
«La hermosa fiesta de la Flor en Vigo», Vida Gallega, 45 (30 de setembro de 1913), 19-20
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Agradecemento ao estudio fotográfico de Cándida Otero e Jaime Pacheco pola cesión de imaxes á revista Galicia
«Muy reconocidos», Galicia, revista semanal ilustrada, 10 ( 7 de marzo de 1911), 8
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Ligazóns de interese
Jaime Pacheco na DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/biografias/47608/jaime-de-sousa-guedes-pacheco [Consulta: 2022-07-11]
Entrada de Filippo Prosperi no Álbum de Galicia
Vaqueiro, Vítor: «Filippo Prosperi», Álbum de Galicia, (3 de maio de 2022). 10.17075/adg.2022.23796
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30932
Cándida Otero, fotógrafa coa que Jaime Pacheco e Filippo Prosperi compatiron estudio, no Álbum de Galicia
Vaqueiro, Vítor: «Cándida Otero», Álbum de Galicia, (1 de marzo de 2022). DOI: 10.17075/adg.2022.23769
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30050
Aínda que se atribúen a Jaime Pacheco, as fotos aéreas de Vigo tomadas desde o aeroplano Marabú, foron realizadas polo seu sobriño Horacio
Rolland, Eduardo: «El ‘Marabú’ toma la primera foto aérea de Vigo: En septiembre de 1927, el fotógrafo Pacheco retrató la ciudad olívica en un vuelo pionero», https://www.vigoe.es, (22 de maio de 2021)
Fonte: vigoe.es
https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/el-marabu-toma-la-primera-foto-aerea-de-vigo/ [Consulta: 2022-07-12]
Artigo sobre os fotógrafos José e Jaime Pacheco
Salgado, Rafael: «José, el patriarca de los Pacheco», La Región, (7 de outubro de 2014)
Fonte: La Región
https://www.laregion.es/articulo/ourense/jose-patriarca-pacheco/20141007094141496503.html# [Consulta: 2022-07-12]
Freixo da Espada à Cinta, lugar de nacemento de Jaime de Sousa Guedes Pacheco
Fonte: https://pt.m.wikipedia.org/wiki/Freixo_de_Espada_%C3%A0_Cinta [Consulta: 2022-07-07]
Fotografías de Jaime Pacheco na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando
Fonte: RABASF.
https://www.academiacolecciones.com/fotografias/mostrar-autores.php?id=pacheco-jaime [Consulta: 2022-07-12]
Videos
Pablo Prado elabora para culturagalega.org este documental sobre os pioneiros da fotografía viguesa: Cándida Otero e Filippo Prosperi
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=qsZXWKxrRvo [Consulta: 2022-02-28]