Antón Tovar
Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 16/6/2004Autoría: Delfín Caseiro Nogueiras
Poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo
Antonio Domingo José Tovar Bobillo (Antón Tovar) nace na Pereira (Rairiz de Veiga, Ourense) o día 23 de outubro de 1921, na casa-comercio dos Bobillo, a onde vai retornar en moitas ocasións ao longo da infancia. Desde a solaina, o neno contempla a veiga da Limia e vai nacendo nel a angueira por explicar o mundo e por entender a existencia. A Limia faise paisaxe de voces e imaxes amigas, paraíso infantil visitado por evocacións e lembranzas enfiadas no silencio do cuarto da reflexión vivencial. Antía Quintana Gallego salienta a orientación ecolóxica, de comuñón coa natureza ou a paisaxe como agarimo, como trazo definitorio da súa poética.
O poeta é o primoxénito de oito irmáns. Pasa parte da infancia en Celanova, onde o pai traballa como funcionario de Correos. Trasladado a Ourense, a familia instálase nunha casa no barrio da Ponte, ao pé do Miño, recreada en numerosas composicións. Estuda no colexio dos Salesianos e realiza o Bacharelato no instituto do Posío, sendo alumno de Otero Pedrayo. Vai ter unha intensa relación con Vicente Risco, casado cunha prima da súa nai, que lle facilita libros galegos e portugueses.
No ano 1940 comeza os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, que abandona deseguida, chamado pola vocación relixiosa, para ingresar nos xesuítas de Salamanca, onde permanece algo menos de dous anos. A decepción relixiosa e a morte prematura do pai provocan un profundo desacougo no ánimo de Tovar e desatan unha crise mental (neurose obsesiva) con episodios de moita gravidade, que mesmo o van levar máis adiante a un sanatorio psiquiátrico en Aravaca (Madrid), internado durante catro meses.
En 1942 gaña a oposición a Contador do Estado, con destino en León e logo en Ourense como funcionario da Facenda Pública, posto que lle fan abandonar en 1967 polos problemas de saúde e pola súa militancia no Partido Comunista. Comeza a traballar como contábel e asesor na mítica libraría Tanco. Tamén fixera estudos de Maxisterio mais nunca vai exercer como docente. Na cidade das Burgas, establece relación con artistas e escritores: Arturo Baltar, Xaime Quessada, Manuel Prego, Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Julio Gimeno, Segundo Alvarado, etc.
Tovar colabora na revista literaria Posío (Arte y Letras), 1951-1954, 2ª época, cun artigo escrito en español, «El Tiempo y su Tragedia», co poema galego «Cando eu morra», con dúas composicións castelás («La sirena loca» e «Péndulo de angustia») e unha breve recensión bibliográfica. O seu primeiro poemario é Barro de nadie, escrito por volta de 1955 mais inédito até 1987, cando a Deputación de Ourense recolle nun volume a súa produción lírica española: El tren y las cosas (1960), El ladrido (1961), La Lanzada (1964) e La Barca (1973). O propio autor fálanos da traxedia da vida e das cousas e dos seres desamparados que nos acompañan neste tránsito desesperanzado. Ha de retornar á creación lírica en español anos despois, con Los versos de mi camilla. 4 formas (1997).
No ano 1959 gaña o Premio de Poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense, con El tren y las cosas (1960), con ilustracións de Arturo Baltar, considerado como un dos seus mellores libros de poesía española. En 1960 consegue o 1º e o 3º premios nos Xogos Florais de Guimarães, cos poemas «O can» e «Responso saudoso para D. Enrique o Navegante». Anos máis tarde, volve obter o 1º premio co poema «Deume a risa». En 1966 gaña o Premio Amor Ruibal co ensaio «Xoán XXIII e a Terra», que aparece en La Hoja del Lunes de Ourense.
O ano 1962 marca a súa consagración como poeta galego. O libro Arredores encerra toda a diversidade temática do universo tovariano: a angustia, o pesimismo, a relixión, Deus, a soidade, a palabra, o sufrimento, a rebeldía, a identidade, etc. O poemario Non (1967) é un berro abouxante de rexeitamento da opresión e a inxustiza. Son aínda tempos escuros, de escasa difusión da lírica galega. En 1974, a editorial Akal publica a súa Poesía galega completa, ao coidado do profesor Alonso Montero, que incorpora o inédito O vento no teu colo, poemario amoroso, de reconciliación coa vida, expresada nos sentimentos cara á muller amada, Tucha, confidente e amparo do poeta entre 1968 e 2000, ano do seu pasamento. Vai ser con Calados esconxuros (1980) cando o nome de Tovar transcenda o ámbito ourensán, gañando o Premio da Crítica de 1981. Estruturado en dúas partes ben definidas: unha, de poesía intimista, introspectiva; outra, social ou de combate, de compromiso cos desherdados e de reivindicación da lingua. O profesor Anxo Tarrío manifesta no prólogo: Había tempo que nas searas da poesía galega non se tentaba unha decrúa lingüística tan cobizosa.
A paixón pola palabra acompaña o escritor desde a infancia. Na década de 1970 dedícase a elaborar un completo Dicionario Ideolóxico Galego (inédito), ordenado en campos semánticos.
O explícito Berros en voz baixa (1990) faino merecente do Premio de Creación Losada Diéguez. Os maxistrais sonetos de A nada destemida (1991) e de Cadáver adiado (2001) expresan de maneira radical a angustia, a soidade, o noxo e o medo dun ser humano.
Para o profesor Alonso Montero, que prologa varios libros do escritor, Tovar é radical e honesto na súa maneira de ser e estar na existencia, transferindo a dous libros de memorias únicos polo sentimento tráxico as súas reflexións vivenciais: Diario sin datas (1987) e Diario íntimo dun vello revoltado (2001). O primeiro ábrese nestes termos: A vida é evidentemente un milagro. (…) Maila vida é tamén un espanto, un horror, unha tortura.
Un home sempre rebelde, que fai quizais as confesións máis sinceras das letras galegas.
Antón Tovar aínda ha facer unha incursión na narrativa: A grande ilusión e outros contos (1989) reúne once relatos de inspiración autobiográfica que falan de moitas das obsesións que o desacougan e torturan. Toda a súa obra creativa, feita de sentimento e sinceridade, de fermosura e vida, conforma unha auténtica autobiografía. Son palabras do propio autor: Os títulos son un retrato do que vivín. Quen queira pode coñecer a miña vida a través dos distintos libros.
En 2001, cunha saúde moi precaria, o concello de Rairiz de Veiga desígnao Fillo Predilecto, outorgándolle o nome do poeta á biblioteca municipal. Un ano despois, o plenario da RAG propón por unanimidade o seu nome como candidato galego ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. Fora nomeado membro correspondente da institución en 1984 e membro de honra en 1997.
Falece en Ourense o 16 de xuño de 2004. As súas cinzas fican no cemiterio de San Francisco da cidade.
En 2005 o PEN de Galicia publica en dous volumes a Poesía en galego, con amplo estudo introdutorio de Marcos Valcárcel. En 2006 o cantautor Anxo Rei saca o disco A rabela da pluma, no que pon música a dez poemas do escritor da Pereira.
Poeta da autenticidade e da coherencia, a súa figura está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX. A súa militancia comunista e a súa querenza polo individualismo e a soidade non axudan á difusión nin á receptividade da súa obra. Para o psiquiatra e amigo Santiago Lamas, as palabras determinantes para Tovar eran os substantivos xustiza
, certeza
e verdade
, o adxectivo só
e o adverbio non
. O libro de conversas do xornalista X. M. del Caño recrea devagar a existencia, o pensamento e o agasallo literario de Antón Tovar.
Bibliografía
Fontes principais
Poesía galega
Arredores (1962). Vigo: Galaxia.
Non (1967). Ourense: Tanco.
Poesía galega completa (1974). Madrid: Akal.
Calados esconxuros (1980). Vigo: Xerais.
Berros en voz baixa (1990). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
A nada destemida (1991). Vigo: Galaxia.
Cadáver adiado (2001). A Coruña: Ediciós do Castro.
Poesía en galego I (1962-1975) (2005). PEN Clube de Galicia.
Poesía en galego II (1980-2001) (2005). PEN Clube de Galicia.
Poesía española
Barro de nadie (1955)
El tren y las cosas (1960). Ourense: Comercial.
El ladrido (1961). Ourense: Trebolle.
La Lanzada (1964). Ourense: Comercial.
La Barca (1974). Bilbao.
Poesía en castellano (1955-1973) (1987). Ourense: Deputación provincial.
Los versos de mi camilla. 4 formas (1997). A Coruña: Ediciós do Castro.
Prosa
A grande ilusión e outros contos (1989). Vigo: Galaxia.
Diario sin datas (1987). A Coruña: Ediciós do Castro.
Diario íntimo dun vello revoltado (2001). Vigo: Galaxia.
Antonio Tovar: conversas cun vello revoltado (2005), de Xosé Manuel del Caño. Vigo: Galaxia.
Fontes secundarias
Alonso Montero, Xesús (2001): «Seis notas para un prólogo». En Antonio Tovar Bobillo, Diario íntimo dun vello revoltado. Vigo: Galaxia; p. 9-13.
Alonso Montero, Xesús (2005): «Prólogo (“ou cousa así”) para un libro de conversas». En Xosé M. del Caño, Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Vigo: Galaxia; p. 7-27.
Caseiro, Delfín (2007): «Presenza da Limia na obra de Antón Tovar». En Antón Tovar na Limia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; p. 87-112.
Caseiro, Delfín (2010-2011): «A Limia: os lugares da fantasía», Lethes. Cadernos Culturais do Limia, 10, p. 57-79.
Caño, Xosé M. del (2005): Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Vigo: Galaxia.
Lamas, Santiago (2007): «Antón Tovar». En Antón Tovar na Limia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; p. 49-54.
Quintana Gallego, Antía (2021): «Paisaxe, topofilia e sentido de lugar na poética do refuxio: unha achega ecocrítica a Antón Tovar». Lethes. Cadernos Culturais do Limia, 15, p. 166-191.
Tarrío, Anxo (1977): «Consideracións semiolóxicas arredor da poesía de Antonio Tovar», Grial, 57, p. 273-297.
Tarrío, Anxo (1980): «Limiar». En Antón Tovar Calados esconxuros. Vigo: Xerais; p. 11-21.
Valcárcel, Marcos (2005): «Pórtico á poesía galega de Antón Tovar: seis notas». En Antón Tovar, Poesía en galego I (1962-1975). Santiago de Compostela: PEN Clube; p. 7-40.
Como citar: Caseiro Nogueiras, Delfín : Antón Tovar. Publicado o 4/11/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=7338. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Conversa cun vello revoltado
Fonte: Caño, Xosé Manuel del: «Conversa cun vello revoltado», Grial: revista galega de cultura, n.º 164 (2004), 96-103. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Poema en memoria de Carlos Casares
Fonte: Tovar, Antón: «Oración». En Carlos Casares: A semente aquecida da palabra. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2003; 65. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Prólogo de Xesús Alonso Montero ao poemario Cadáver adiado
Fonte: Alonso Montero, Xesús: «Prólogo». En Tovar, Antón: Cadáver adiado. Sada: Ediciós do Castro, 2001; p. 9-11. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Armando Requeixo lembra a Antón Tovar en «Faro da Cultura» de Faro de Vigo
Fonte: Requeixo, Armando: «Crónica dun poeta revoltado: 100 anos de Antón Tovar», Faro de Vigo: Faro da Cultura, (9 de decembro de 2021), p. IV
Xesús Alonso Montero lembra a Antón Tovar no Boletín da Real Academia Galega
Fonte: Alonso Montero, Xesús: «Antonio Tovar Bobillo», Boletín da Real Academia Galega, n.º 366 (2004), p. 417. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Biobibliografía de Antón Tovar na Gran Enciclopedia Galega
Fonte: González Blasco, L. et al.: «Tovar Bobillo, Antón». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 42, p. 107. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Entrada de Antón Tovar no Diccionario da literatura galega
Fonte: Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da literatura galega. I: autores. Vigo: Galaxia, 1995; p. 580. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
De Clarín a Antón Tovar
Fonte: Rodríguez Fer, Claudio: «De Clarín a Tovar», Boletín Galego de Literatura, n.º 7, (1992), 69-72. http://hdl.handle.net/10347/1753
Manuel María escribe en El Progreso sobre o poemario Non de Antón Tovar
Fonte: Manuel María: «Da nova lírica galega: Non de Antón Tovar», El Progreso
Ligazóns de interese
Entrada de Antón Tovar na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ant%C3%B3n_Tovar [Consulta: 2021-11-09]
Antón Tovar en vialethes.es
Ríos Conde, Alexandre de: «O Museo da Limia celebrará o centenario do nacemento do poeta Antón Tovar», vialethes.es [consulta: 2021-11-05]
Fonte: http://vialethes.es/museo-limia-homenaxeara-poeta-anton-tovar-centenario
O Centenario de Antón Tovar no programa «Telexornal Galicia» da RTVE
Fonte: https://www.rtve.es/play/videos/telexornal-galicia/anton-tovar/6149715/?t=28s [Consulta: 2021-11-05]
Antón Tovar en museodalimia.com
Fonte: https://www.museodalimia.com/autores/anton-tovar-bobillo/ [Consulta: 2021-11-04]
Centenario do nacemento de Antón Tovar en praza.gal
Caseiro, Delfín: «Centenario do nacemento de Antón Tovar», Praza públical, (26 de outubro de 2021)
Fonte: https://praza.gal/opinion/centenario-do-nacemento-de-anton-tovar [Consulta: 2021-11-04]
Noticia do falecemento de Antón Tovar no portal culturagalega.gal
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=4656 [Consulta: 2021-11-09]
Audios
PROGRAMA SOBRE GALICIA
Libros do ccg sobre Antón Tovar
Carlos Casares.
2003 | Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Coordinación. Henrique Monteagudo, Coordinación.
A semente aquecida da palabra