f Fortunato Cruces | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Fortunato Cruces

Lestrobe, Dodro, A Coruña, 1870 - Bos Aires, 1961

Biografía

----

Fortunato Cruces

Lestrobe, Dodro, A Coruña, 1870 - Bos Aires, 1961

Autoria: Carolina García Borrazás

Autoria: María Teresa García Domínguez

DOI: 10.17075/adg.974

Avogado e xornalista na colectividade galega en Arxentina

Naceu no lugar de Lestrobe, parroquia de Santa María de Dodro, no concello coruñés de Dodro, o 6 de xuño de 1870. Fillo de Gregorio Cruces e Rosario Angueira, campesiños acomodados. En 1885, con apenas 15 anos, iniciou a súa aventura migratoria cara á Arxentina e será Rosario o seu primeiro lugar de residencia.

Fortunado Cruces destacou pola súa versatilidade no traballo nese “Novo Mundo” en constante movemento. Baixo a protección do seu veciño José Ramón Vázquez, traballador de El Correo Español, desempeñou diversos oficios, como empregado de comercio ou pasante nunha escribanía. Coma moitos emigrantes xa cun certo nivel educativo, á vez que traballaba foi completando a súa formación académica ata conseguir o título de procurador (notario) e máis tarde o de avogado. O seu primeiro contacto co mundo xornalístico foi en 1888, nas oficinas do xornal El Municipio, e compaxinou este traballo co de empregado nos escritorios dun almacén. En Rosario foi un dos fundadores e directivo da asociación mutualista integrada por veciños e veciñas da súa comarca “Hijos de Rois”.

Tras os rumores de revolución, en 1890 retornou a Galicia, e en abril dese ano aparece como traballador no Xulgado nº 1 de Padrón. Pasado un tempo, a finais de 1892 decidiu regresar á Arxentina e viviu en Barracas al Norte. Alí fundou e dirixiu un semanario chamado La Justicia, creado para defender os intereses da veciñanza, á vez que traballaba na notaría de Leandro García ata 1907, ano en que instalou o seu propio despacho. En 1893 foi un dos membros fundadores, xunto con rexionalistas recoñecidos como Idilio Pájaro Nieves e Antonio Paredes Rey, do Centro Galaico, institución de curta vida pero que destacou pola súa defensa do galeguismo e do galego, lingua oficial do centro. En 1904 colaborou na creación do Banco de Galicia.

O 26 de maio de 1894 naceu Ignacio, o fillo de Fortunato e Carmen Mosquera Rodríguez, que seguirá os pasos do seu pai na súa faceta xornalística, escribindo nas columnas de Nova Galicia, entre outras publicacións, onde asinaba cos pseudónimos “Manoel ô coxo” ou “Un argentino”.
En 1900 aparece como correspondente do primeiro semanario Correo de Galicia, que dirixía Juan González Montenegro, e en 1901, o 6 de outubro, saiu o primeiro número da revista >Nova Galicia, publicación propiedade de Fortunato Cruces, que fundou e dirixiu ata 1940. A súa difusión foi moi ampla, sobre todo nas dúas primeiras décadas do século XX, contando en 1906 con máis de 5000 subscritores, aínda que nunca estivo á altura do principal xornal da colectividade, El Diario Español, ou do Correo de Galicia, de José R. Lence.

Aínda que nunca deixou de traballar como procurador, o seu principal sustento económico centrouse na súa actividade xornalística e literaria, e chegou a se converter nunha figura influente dentro da colectividade emigrada galega. Xa no número 1 de Nova Galicia proclama os seus intereses: o nome desta Revista nace desa ebullición que enriquece e rexenera a galleguiña rexión: Ten d’ouxeto esta Revista por Galicia aquí loitar y en todo canto se poida o seu nome levantar. Concíbea, pois, como unha plataforma dende a que ofrecer información á colectividade emigrante galega, co fin de favorecer o seu asociacionismo e participación. El avogou sempre pola creación de asociacións parroquiais, con finalidades educativas e agraristas, que axudasen á súa terra natal. Fortunato Cruces era un home populacheiro, achegado á mentalidade dos inmigrantes do común. Non por iso, porén, descoidaba as súas relacións coa elite da colectividade galega. Participaba así nas veladas literarias ás que asistían profesionais e comerciantes da colectividade galega (Núñez Seixas, 2010).

Foi un dos máis destacados expoñentes dunha prensa étnica de vocación comunitaria, empregada co propósito de reforzar os lazos de solidariedade entre as e os emigrantes galegos asentados na Arxentina, e lograr robustecer o seu papel mediante a creación de asociacións que defendesen o prestixio e o bo nome dos galegos como colectivo, ante a opinión pública do país de acollida e ante os seus poderes políticos e económicos. A defensa da dignidade de Galicia e dos galegos foi cimentada sobre a idea de ter unha historia e unha cultura común, cunha etnicidade diferenciada do resto dos españois. Este xornal mantivo ao longo da súa existencia unha mestura de populismo folclórico, rexionalismo cultural pouco elaborado e unha idealización do sentimento de afastamento e saudade, facendo fincapé nunha descentralización administrativa con límites pouco definidos.

En xullo de 1904 —en colaboración con outros literatos e xornalistas galegos como Avelino Veloso, Manuel Nóvoa Costoya, Alejandro Fernández, Arturo Angueira e Mª de los Ángeles Vázquez—, promoveu a constitución do Ateneo Rosalía de Castro cos obxectivos de ter un lugar de reunión e defender, alabar e propagar o santo nome de Galicia, así como de recadar fondos para facer un mausoleo á memoria da escritora padronesa e realizar uns xogos florais na súa honra. El mesmo relatou que de neno coñecera a gran poetisa nas viaxes que esta facía a Padrón.

En 1913, xunto con Francisco Álvarez de Nóvoa, editou o xornal La Voz de Galicia de Bos Aires e tamén foi director do diario La Colonia Gallega, que tivo moi poucos números. Ao longo da súa traxectoria literaria empregou diversos alcumes como “Cañoto”, “F. Calvario”, “F. C. de Vetroles”, “Vetroles Cañiza”, “Pellegrín”, “Vetroliña”, “Carrapucheiriña” ou “Xan d’a Cañiza”, cos que asinou noutros xornais como Tierra Libre, El Eco de Galicia, Revista Gallega, Gaceta de Galicia, Galicia Moderna, Galicia Literaria, El Heraldo Gallego, Correo de Galicia, El Día etc. Tamén en xornais de fóra da Arxentina como en El Correo Gallego de Río de Xaneiro, El Heraldo Cristiano de Santiago de Chile, Diario Gallego da Habana, Acción Española de México e mesmo de Galicia como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia.

Publicou varios libros, pequenas novelas de corte enxebrista que relatan o tema da emigración e a vida bonaerense, como Primeiras follas. Cantares e copras (1898), Almanaque de Galicia (1909), Castañolas: contos, cartas, descursos, cantares e outras cousas (1913) e Cousas gallegas (1923). Deixou dúas obras inéditas: Caludiña e Temas camperos. Escribiu tamén varias obras de teatro, pequenas pezas que foron levadas a escena con grande éxito entre a colectividade. Nesas obras, ademais de facer fincapé nun costumismo arcaizante, pasábase revista a algúns dos problemas sociais da Galicia rural do seu tempo, o caciquismo e a emigración, pero dende un enfoque conservador e moralizante. Son obras súas: O palique (1914), Mi pegarlle catro tiros (1916), Eu levo o padriño ó lombo (1917) e Conto de aldea (1919).

Estivo moi ben considerado pola elite da colectividade e foi membro ou directivo de asociacións de emigrantes como Hijos de Calo, Centro Ribadeo, Casa de Galicia ou a Comisión Protectora de la Biblioteca América, entre outras. Participou na fundación en 1913 de Hijos de Lestrove, que acollía aos emigrantes da súa parroquia natal. Destacou por ser un grande orador e participaba en numerosas veladas populares organizadas pola colectividade, discursos que despois se publicitaban na prensa étnica.

Na súa obra podemos ver o seu ideario político, vinculado co agrarismo e o rexeneracionismo, aínda que, co paso do tempo, co seu apoio á ditadura de Primo de Rivera pasou a mostrarse moito máis conservador. Defendía que o ditador era o rexenerador dende arriba que precisaban España e Galicia para rematar co caciquismo e a vella política. Neses anos declárase contrario ás reivindicacións culturais e lingüísticas dos nacionalistas galegos e defende a diglosia composta (social e funcional) a prol do castelán. No artigo «En contra d’unha cousa y-en favor d-outra cousa» publicado en Nova Galicia o 25 de febreiro de 1920, defende que o idioma de Galicia debe ser o español, el idioma de nuestra Patria, e que o galego debía conservarse como un segundo idioma local que só debía usarse na literatura.
Durante os anos 30, Nova Galicia experimentou de xeito progresivo un descenso da súa calidade e influencia. Durante a República, Cruces, que defendera a autonomía de Galicia no pasado, non soubo afacerse aos novos tempos e mantívose á marxe da loita pola autonomía galega. Cando o 18 de xullo de 1936 chegaron a Bos Aires as noticias da sublevación militar, Nova Galicia apoiouna. Para el tratábase de defender a orde social fronte ao que sempre fora o seu grande inimigo, a anarquía e a ameaza do socialismo.

En 1949, xa retirado, foi nomeado fillo predilecto do seu concello natal e conta cunha rúa na súa aldea. Dende 1958 foi membro honorario do Círculo de Prensa de Bos Aires. Morreu na capital arxentina o 18 de xaneiro de 1961.

Como citar: García Borrazás, Carolina : García Domínguez, María Teresa : Fortunato Cruces. Recuperado o 01/06/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=974 DOI: 10.17075/adg.974]

Obra de Fortunato Cruces

Poema de Fortunato Cruces «Ao noso Apóstol Santiago»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Ao noso Apóstol Santiago», Santiago de Compostela, El Compostelano: Diario independiente, (23/08/1935), p. 4.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Relato de Fortunato Cruces «Centella que os coma»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Centella que os coma», Bos Aires, Galicia: revista semanal ilustrada, n. 31 (agosto 1923), p. 15.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Artigo de Fortunato Cruces «En contra d’unha cousa y-en favor d-outra cousa»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «En contra d’unha cousa y-en favor d-outra cousa», Bos Aires, Nova Galicia: Semanario Independiente. Para los gallegos en la América del Sur, (25/02/1920), p. 1.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Carta de presentación de Fortunato Cruces de Nova Galicia

Carta dirixida aos Meus queridos paisanos, asinada en texto impreso por Fortunato Cruces

Artigo de Fortunato Cruces «Tormenta que se aproxima»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Tormenta que se aproxima», Bos Aires, Nueva Galicia, (13/10/1901), p. 1.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Relato de Fortunato Cruces «Unha desfeita»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Unha desfeita», Bos Aires, Nueva Galicia, (13/10/1901), p. 3-4.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Relato de Fortunato Cruces «Dios e San Pedro»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Dios e San Pedro», Bos Aires, El Eco de Galicia: revista semanal de ciencias, arte y literatura, (11/02/1899), p. 3.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Relato de Fortunato Cruces «Por duas galiñas e un galo»

CRUCES ANGUEIRA, FORTUNATO: «Por dúas galiñas e un galo», Pontevedra, Galicia moderna: revista quincenal ilustrada, n. 24 (abril 1898), p. 27.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal

Obra sobre Fortunato Cruces

Bibliografía e publicacións periódicas relativas a Fortunato Cruces

NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel (2010): «Periodismo, patriotismo “regional” y estrategias de liderazgo: Fortunato Cruces, José R. Lence y los gallegos de Buenos Aires (1900-1936)», en GARCÍA SEBASTIANI, Marcela (dir.), Patriotas entre naciones. Elites emigrantes españolas en Argentina (1870-1940), Madrid, Editorial Complutense, pp. 273-305.
HERMIDA GARCÍA, Modesto (dir.), SOLIS CORTIZAS, Mª Vanesa (ed. lit.) (2013): A obra narrativa en galego de Fortunato Cruces, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
QUINTÁNS SUÁREZ, Manuel (ed.) (2008): Almanaque de Galicia de Fortunato Cruces, Santiago de Compostela, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
MAÑACH, Francisco (1907): Concepción Arenal, la mujer mas grande del Siglo XIX, Buenos Aires, Imprenta de Juan A. Alsina.

| 2020 | Procedente do Álbum da Emigración
Bibliografía de Fortunato Cruces


  • Novelas:

    • Primeiras Follas. Cantares e copras (1898)

    • Castañolas: contos, cartas, descursos, cantares e outras cousas (1913)

    • Cousas gallegas (1923)



  • Como xornalista:

    • Nova Galicia (1901-1940), fundador, director e editor.

    • Almanaque de Galicia (1909)

    • Colaboracións con artigos en numerosos xornais como:

      • Tierra Libre (Bos Aires)

      • El Eco de Galicia (Bos Aires)

      • Revista Gallega (Bos Aires)

      • Gaceta de Galicia (Bos Aires)

      • Galicia Moderna (A Habana)

      • Galicia Literaria (Bos Aires)

      • El Heraldo Gallego (Bos Aires)

      • Correo de Galicia (Bos Aires)

      • El Correo Gallego (Rio de Janeiro)

      • El Heraldo Cristiano (Santiago de Chile)

      • Diario Gallego (A Habana)

      • Acción Española (México DF)

      • Faro de Vigo (Vigo)

      • La Voz de Galicia (A Coruña)

      • Revista Galicia (Madrid)





  • Obras de teatro:

    • O Palique (1914)

    • Mi pegarlle catro tiros (1916)

    • Eu levo o padriño ó lombo (1917)

    • Conto de aldea (1919)



Listaxe de produción bibliográfica de Fortunato Cruces Angueira

| 2020 | Procedente do Álbum da Emigración
«Justo homenaje al periodista gallego Fortunato Cruces Angueira» en El Eco del Condado

«Justo homenaje al periodista gallego Fortunato Cruces Angueira», Salvaterra de Miño, El Eco del Condado, (1/03/1930), p. 1-2.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
«Homenaje a Fortunato Cruces» en Nova Galicia

«Homenaje a Fortunato Cruces», Bos Aires, Nova Galicia, (14/11/1929), p. 1, 3-4.

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Páxina de Nova Galicia (1928) cun anuncio do despacho profesional de Fortunato Cruces

Reprodúcese a páxina 3 da edición de Nova Galicia: revista semanal, órgano dos gallegos é pr'os gallegos n'as Amérecas na data sinalada, en cuxa parte dereita central aparece o anuncio do despacho de Cruces

Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal
Anuncio do despacho profesional de Fortunato Cruces (1926)

Fortunato Cruces. Calle General Urquiza 1380. (...) Ejerce desde hace 25 años el Estudio, práctica y trabajo, en ramo de Escribanía y Tribunales, en esta Capital y Provincia de Buenos Aires. Matriculado en la Suprema Corte de Justicia de la Nación. (...) A los socios de las Instituciones Gallegas les ofrece consultsa jurídicas de cualquier clase, GRATUITAMENTE, de 7 a 8 1,3 de la noche, con la sola presentación del recibo de socio.

Extraído da páxina 15 da edición do rotativo bonaerense El despertar gallego na data sinalada

Baixa calidade. Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia http://biblioteca.galiciana.gal

Libros do ccg sobre Fortunato Cruces

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Fortunato Cruces nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Cousas gallegas.
2020 | Fortunato Cruces, Autoría.
Libro. Facsímile