Antón foi o segundo dos cinco fillos de Ponciano Villar Bermúdez e Melchora Ponte Peña. O seu irmán Ramón (1891-1953) foi o cuarto e o resto morreron vítimas da tise.
Cursou o bacharelato en dous institutos: o de Lugo e o de Compostela. E no ano 1896 comezaría os estudos de Farmacia, que remata en 1900. O seu espertar vocacional político e xornalístico foi moi temperán e nel tivo moito que ver o seu irmán máis vello, José Faustino.
Establecido como boticario en Foz desde 1901, Antón Villar Ponte fai faladoiro co poeta e mestre Antón Noriega Varela e co inspector de Aduanas Camilo Cela, pai do autor de La colmena. Con eles promove os xornais festivo-satíricos El Automóvil (xullo de 1903) e ¡Guau...Guau! (maio a novembro de 1906). Tamén forma parte do Comité Republicano que preside en Mondoñedo o poeta e médico Leiras Pulpeiro, figura que ten moito que ver co seu proceso de evolución cara ao galeguismo, aínda que nesa altura non manifeste simpatía ningunha pola Academia Galega, que preside Murguía, nin polo movemento da Solidaridad Gallega.
Tras varias estadías en Madrid, regresa provisoriamente ao Viveiro natal no verán de 1907, onde colaborou co quincenario republicano Germinal, e, tras unha seria discusión con seu pai Ponciano, marcha a Cuba. Un período que abrangue desde maio de 1908 ata xullo de 1910 e no que coñece a súa futura esposa, Micaela Chao Maciñeira, coa que terá dous fillos.

O regreso desde Cuba non será, con todo, o dun fracasado, pois Antón trae consigo os nomeamentos como correspondente peninsular do Diario de la Marina habaneiro e de La Correspondencia, de Cienfuegos. Eses nomeamentos e a recomendación con que o favorece un tío materno da súa prometida Micaela, Federico Maciñeira, serviranlle de chave de acceso para entrar na redacción de La Voz de Galicia, xornal coruñés que o envía como correspondente a Portugal en decembro de 1910. A estadía no país irmán resulta un chanzo máis na configuración do seu pensamento reivindicativo a prol do idioma galego.

As reivindicacións idiomáticas de Antón Villar Ponte acharon eco en diversas individualidades (Porteiro Garea, Xaime Quintanilla, Lois Peña Novo...), na vella garda rexionalista que acompañaba a Murguía na Academia (Lugrís Freire, Eugenio Carré, Florencio Vaamonde...) e mais no núcleo de intelectuais que promovían en Madrid a revista Estudios Gallegos (Aurelio Ribalta, Rodrigo Sanz...). Da conxunción destes tres segmentos nacerán as Irmandades da Fala.

Antón resulta elixido conselleiro primeiro da Irmandade máis nova, a da Coruña, que se constitúe nos locais da Academia Galega o 18 de maio de 1916. Edita entón o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional e desempeña un papel relevante na posta en marcha, en novembro dese ano, do boletín A Nosa Terra, que dirixirá ata xaneiro de 1922. Ao mesmo tempo, desde un monolingüísmo absoluto e coherente, A Nosa Terra actuará como idearium, facendo bandeira da dignificación, defensa e promoción do galego; abrindo o debate sobre a súa estandarización; ofrecendo canles para as creacións literarias orixinais e as traducións para o galego dunha longa nómina de autores; e, finalmente, prestando atención e arroupando todo tipo de manifestacións culturais.

O rol de Antón Villar Ponte nas Irmandades é moi relevante e decisivo, cando menos ata a ruptura destas, que se produce na IV Asemblea, realizada en Monforte en febreiro de 1922. O seu activismo tradúcese na confección de innumerables artigos para a prensa explicando os porqués do novo movemento, na participación en moitos mitins e conferencias, no contacto cos líderes do catalanismo para tecer alianzas de cara ás lexislativas de febreiro de 1918, na súa atribulada experiencia como director do diario El Noroeste entre febreiro e setembro de 1918, no esforzo constante de espallamento das Irmandades a outras moitas localidades mediante cartas e mitins, etc.

De grande importancia é a súa achega ao Conservatorio Nacional da Arte Galega que promoveu a Irmandade coruñesa entre 1918 e 1921, mediante a confección, edición e estrea de varias pezas teatrais.

Antón impulsa a ruptura co rexionalismo tras o fracaso electoral de febreiro de 1918 e participa plenamente na definición nacionalista das Irmandades que se aproba no Manifesto da Asemblea de Lugo (novembro de 1918).

Seducido paulatinamente polas posicións de Vicente Risco (absentismo electoral, pureza doutrinaria, illamento respecto das demais forzas, concepción elitista do movemento...), Antón entra en conflito coa súa propia Irmandade, a coruñesa, que acabará por relegalo da directiva do agrupamento en favor de Peña Novo e Xoán V. Viqueira e por destituílo na dirección do boletín A Nosa Terra, o 7 de xaneiro de 1922. Na Asemblea de Monforte, Antón fica coa Irmandade Nazonalista Galega (ING) risquiana. Nese contexto, alenta algúns dos contidos críticos máis explícitos contra un segmento das Irmandades que se deitan nas liñas do manifesto Máis alá!, de Álvaro Cebreiro e Manuel Antonio, e publica traballos en Rexurdimento, de Betanzos, La Zarpa, de Ourense, e Galicia, de Vigo, de fondo e radical contido político que o sitúan nunha liña moi próxima do «arredismo», co referente da loita irlandesa como modelo máis ou menos explícito.

Delegado e líder da ING na Coruña, tras proclamarse en setembro 1923 a ditadura de Primo de Rivera, Antón Villar Ponte acepta un posto de concelleiro en febreiro de 1924, se ben é certo que permanece nel unicamente durante un mes. Comeza entón unha rectificación da súa traxectoria anterior. En numerosos artigos multiplica as súas críticas á ditadura, aos seus prebostes e ao monarquismo unitarista e reaccionario que a sustenta ideoloxicamente, o que lle custará dar cos seus ósos na cadea polo menos en dúas ocasións. Os problemas coa censura son para o xornalista viveirense nestes anos pan de cada día.

En 1925 Antón promove sen éxito a constitución dun Partido Liberal Autonomista Galego que servise para reflotar os restos do naufraxio galeguista (desfeita da ING) e, desde 1926 cando menos, colabora activamente coa Alianza Republicana. En claro desafío á ditadura, redacta en El Pueblo Gallego, a carón de seccións en castelán como «Galerías», «Pretextos cotidianos» e «Temas de interés», outra en idioma galego, co título de «Exemplos», que vehiculiza unha constante e ben argumentada reivindicación da dignidade e da valía cultural da lingua de noso.

Nos anos da ditadura primorriverista, Antón arroupa desde as columnas de prensa os traballos do Seminario de Estudos Galegos, colabora coas actividades da Academia Galega, fai parte durante un tempo da Reunión de Artesáns herculina, impulsa na mesma cidade un Ateneo e unha Universidade Popular, colabora cos coros Saudade e Cántigas da Terra, prepara unha edición da obra poética de Leiras Pulpeiro para a editora Nós e alenta a constitución dunha Asociación de Escritores Galegos (1930), da que será vicepresidente primeiro.
En clave galeguista e republicana, precisamente, é Antón dos que alentan desde 1929, canda Casares Quiroga, a constitución dunha nova forza coa que encarar os estertores da Ditadura, a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que participará no chamado «Pacto de San Sebastián». Outros sectores do galeguismo, porén, deciden na VI Asemblea (abril de 1930) non apoiar esta táctica e lanzaranse a constituír unha miríade de pequenos agrupamentos locais que só darán confluído no Partido Galeguista en decembro de 1931, cando xa se proclamara a Segunda República, xa se realizaran os comicios lexislativos e xa se debatera e aprobara a propia Constitución republicana. Precisamente nesas eleccións constituíntes da Segunda República, Antón foi electo deputado da ORGA pola circunscrición da Coruña e chegou a desempeñar, por breve tempo, ata xaneiro de 1932, o cargo de voceiro da minoría galega no Parlamento. Foi, ademais, o principal impulsor dunha Asemblea pro-Estatuto que tivo lugar na Coruña o 4 de xuño de 1931, punto de partida dun tortuoso proceso autonómico galego que só culminaría o 28 de xuño de 1936 cun plebiscito cuxo resultado axiña sería afogado polas armas.
A deriva antiautonomista do sector maioritario da ORGA, liderado por Casares Quiroga, ao longo do chamado «bienio reformista» converteu ao de Viveiro nun refén das propias siglas e, en consecuencia, nun deputado pouco activo. Nas eleccións de novembro de 1933, foi excluído a última hora da candidatura do Partido Republicano Gallego (PRG) de Casares Quiroga e, visto o resultado catastrófico para os republicanos de esquerda e para os galeguistas neses comicios, decidiu ingresar en febreiro de 1934 nas filas do Partido Galeguista, onde Castelao o acolleu cun agarimoso artigo nas planas de A Nosa Terra, intitulado «No retorno de Antón Vilar Ponte».
É nesta época cando Antón ingresa na Academia Galega (24/7/1934) co seu discurso O sentimento liberal na Galiza, que foi respondido por Otero Pedrayo, e cando confecciona e publica as pezas teatrais Os evanxeos da risa absoluta (1934) e Nouturnio de medo e morte (1935).
No período republicano, a pluma xornalística de Antón foi verdadeiramente prolífica e incansable na confección de centos de artigos de corte autonomista, republicanista, galeguista e anticaciquil. Candidato galeguista nas lexislativas de febreiro de 1936 dentro da Frente Popular pola circunscrición coruñesa, resultou electo, mais apenas uns días despois dos comicios e sen tomar posesión do seu escano morrería na Coruña dunha perforación gástrica. O seu irmán Ramón e a súa cuñada Teresa Chao Maciñeira faríanse cargo dos dous orfos que deixaba e polo país adiante non deixarían de sucederse as iniciativas de homenaxe na súa honra, alentadas polo galeguismo e polo republicanismo de esquerdas, ata o mesmo día en que estalou a guerra.

Compartir:

Portada de O sentimento liberal na Galiza

Edición do discurso de ingreso de Antón Villar Ponte na Real Academia Galega a véspera do Día da Patria de 1934, con resposta de Ramón Otero Pedrayo. O volume editouno a RAG en 1977. (1977)

Antón Villar Ponte en 1936

Retrato fotográfico de Antón Villar Ponte co que a revista bonaerense Galicia ilustrou a nova da súa morte. Imaxe de Samaniego (1936)

Biografía de Antón Vilar Ponte, por Emilio Xose Insua

«A bandeira ergueita», artigo de A. Villar Ponte

“Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar á vida deste boletín, é corolario obrigado daquelas iniciativas loudabres. As escolas son pra os nenos; o boletín, trala xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento i o pensamento da mocedade que comenza a xurdir na loita. A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o de agora hai xornales e revistas de gallegos, mais nin un soio de Galicia, esquirto en gallego i en Galicia, pra Galicia. Hoxe bule polos nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intenciós, pra separar a palla do grau. Chegou a hora de definirnos. Nós, expoñemos cartos e traballo. Dámo-lo exempro. Quen non faga o pequeño sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diario resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego.

* * *
Os rexionalistas de ocasión, rexionalistas de “feira dos discretos”, renegan da fala gallega, rinse dela. Queren un rexionalismo en castelao; queren un rexionalismo fillo do castelao, ¡do castelao que ten o orgulo de habere enxendrado, cal primoxénito, o centralismo! Esto é pedire peras ó olmo. Esto é facere un corpo sin alma, que é o mesmo que unha cousa sin vida.
Toda a nosa persoalidade está na nosa lingua. Por eso os Amigos da Fala queremos que a voz do pobo, gardadora porvidencial da nosa concencia coleitiva, veña a inxertarse na voz da xuventude vilega, pra restaurar así antre todos un sentimento, un pensamento i unha aición que dean mañán o froito proveitoso do rexionalismo enxebre, que fará progresar a Galicia esnaquizando os logreiros i os lavercos.
¿Como habemos de darlles fe ós que se amostran rexionalistas, namentras teñen postos os ollos na escada do centralismo pra rubir? ¿Cómo habemos de seguire aos rexionalistas que lle deben a súa persoalidade ó Poder Central? Estes non son dos nosos porque nunca serán Amigos da Fala. Os que se chaman gallegos, renegando da lingua, non teñen máis direito a chamarse así que os animales i as prantas que nascen nos nosos eidos. Eiquí doi, irmáns.
Sere Amigos da Fala, supón espírito de sacrificio, e todo apostolado é sacrificio. O que se diga ou esquirba en gallego, non dará fama na Meseta. Por eso renegan do gallego moitos rexionalistas de pan levar. Por eso o rexionalismo gallego, en gallego, é a nosa bandeira de redención; fronteira posta antre o mundo da farsa i o mundo da verdade. Os Amigos da Fala costituímos, pois, unha relixión de homes honrados, de homes enxebres, que quer decir, puros; de homes que comulgan a cotío co rexionalismo integral, ollando á Galicia redenta nos seus corazós a tódalas horas.
Os amigos da Fala seremos, pois, sempre, os gardadores do lume sagrado da patria gallega. Oíde ben: non hai outro rexionalismo que o que se faga en gallego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia. Nós somos a pedra de toque onde se probará si as monedas da terra son falsas ou boas. Somos o formento dun porvir grorioso de dinidá e libertá: como a rexa do confesionario no que hai que hai que facer sempre enxamen de concencia rexional.

* * *
Galicia é unha patria natural con lingua de seu. As dúas colunas do noso idearium, que non tiveron en conta os subrimes Precursores, seguíndose de eiquí o seu fracaso. Temos unha lingua propia, feitura de Dios e da Natureza, que emprega aínda a maoría do pobo, non habendo gramáticas ni dizonarios que axudaran a fixala i a pesare de cinco sigros de centralismo: lingua armoñosa que naceu do latín, desgaxada do albre da soberanía de Roma pra parir o castelao i o portugués, pra vivire en trunfo con xeito internacional nas Cortes dos reises e nas xustas de amore; lingua viva que entenden moitos millós de homes máis alá das fronteiras; que fixo dos gallegos, lonxe da terra, lazarillos espirituales dos castelaos. I unha lingua así, -máis estensa, máis prática que a catalana-, ¿non é a nosa millor arma? ¿Poderemos esquecela? Si a lingua é o escudo da persoalidade dos pobos, máis forte que as armas, ¿que loitas ganaremos sin ela? Si a lingua, soiamente, dá a autonomía espritual, as outras autonomías separadas ¿valerán algo?
Hai, pois, unha política pra nós: a gran política da lingua. Si conseguimos intresar nesta política ós novos inteituales e ás xeneraciós que veñen, voltaremos a sere fortes. Pobo que recobra a súa lingua, recóbrase a si mesmo; pénsase como se fala, e fálase como se pensa. Cando morre un idioma morre un pobo. Porque a palabra é o elemento esencial da formación do home. O home –dixo Emerson- é a mitade de si mesmo; a outra mitade é a súa expresión. E nós non temos máis expresión que a que nos impuxo Castela, facendo posibre que Galicia poidérase chamar, xenericamente, Caciquia.
¿Non vos decatades xa do que queremos? A redención de Galcia está nestas dúas cousas: no fomento agarimoso da lingua e no estudio dos nosos probremas económicos que non terán nunca, porque non poden tela, solución no actual réximen político español. Porque Galicia é librecambista pola súa natureza, i o arancel proteitor do feudalismo de Castela será sempre o ostáculo que nos impida poñernos nas condiciós de riqueza que teñen os outros pobos de Europa semellantes ó noso.
Falade i esquirbide e pensade sempre en gallego, irmáns. Por esto fixéronse fortes os cataláns, por esto se lles calunia e combate no Centro, principalmente. Co demais transixiríase.

* * *
“A Nosa Terra” quere que se intrese a mocedade que vén nestas nousas. Quere que surxan ó mesmo tempo que poetas e músicos gallegos, prosistas da nosa lingua. ¡Creemos a forza rexionalista inicial, preparando o advenimento do Heroe gallego, todo gallego, i o noso traballo concruirá con cinguirse co loureiro do trunfo! Porque, como dixo Carlyle, “non abonda con que apareza o heroe; percísase, ademais, un mundo disposto a recibilo como cumpre; un mundo que non estea feito de serviles e domésticos”. E cando apareza ese heroe, dimpois que nós lle fagamos o ambente, a literatura gallega, a socioloxía gallega, a cencia gallega, como as hoxe groriosísimas de Portugal, feitas nunha lingua irmá da nosa, adiquirirán un valimento universal que abonde pra redimirnos. O valor universal dun idioma, faino o Xenio. Si traballamos con fe virá o Xenio, o escultor de pobos que percisamos. Non como pólipos, sinón como homes de razón crara, axudemos a facer o novo continente espiritual da nosa terra. Estrenemos unha voluntá cada día.
Fixádevos en que soio hai un rexionalismo que nos poida servire de exempro: o catalán. Predicar ideas boas non é nada: hai que predicar e dar froito. Cataluña predica e praitica. Cataluña encarnou na realidade do pobo a doitrina rexionalista. Cataluña é quen trouxo as galiñas. Por Cataluña hoxe se chaman todos rexionalistas. Cataluña alumea a nosa Iberia do porvir.
A traballar con fe. Este boletín é de tódolos gallegos. A súa dona é Galicia enteira. Non ten outra. Polo mesmo, as súas follas serán dinas de se coleicionar. Perpetuarán o pensamento dunha época”.

Publicado en A Nosa Terra, A Coruña, n° 1, 14 de Novembro de 1916. 1916

«Axiomas», artigo de A. Villar Ponte

“Non hai entre todal-as rexións e nazionalidades que forman o autual Estado hespañol ningunha como Galiza que poidera vivir dende hoxe mesmo independente millor que xunguida a ninguén. Galiza é a terra de maor persoalidade da península e unha das terras de maor persoalidade do mundo. Ningunha das outras rexións da Hespaña si se lle dera a independenza de momento, podería acetala; ningunha incruso Cataluña e as Vascongadas. Arredadas do Estado hespañol, faltas do proteicionismo do Estado hespañol percisarían da misericordia protectora d´outros Estados. Galiza, pol-o contrario, libre, comenzaría a progresar de xeito rápido, para se trocare de camiño en un dos pobos mais adiantados d´Europa.
Pois pesi-a sere esto un feito positivo, indudabel, Galiza é a terra desprezada pol-as outras da Hespaña, é a única asfisiada moral e materialmente por elas.
Mentres non-os decatemos d´estas verdades, a nosa Patria ficará sendo o único caso de pobo soicida con esistenza no mundo”.

Publicado en La Zarpa, Ourense, nº 179, 22 de febreiro de 1922. 1922

«Cristalizaciós. Os agricultores hespañoles contra dos galegos», artigo de A. Villar Ponte

“Velaí tendes outra vez que os agricultores da Hespaña (según dixeron os xornás) xuntáronse en asambrea pra pidiren ó Goberno que prohiba a importación do millo.
Outra vez os agricultores da Hespaña contra dos agricultores da Galiza. Outra vez probado que Galiza c´o autual Estado hespañol nunca deixará de ser unha colonia asoballada e escrava espritoal e materialmente. Outra vez probado que tódol-os probremas galegos arrincan d´un probrema nazonalista e que somentes pol-o nazonalismo han poder resolvérense. Outra vez probado que os nosos probremas teñen que ser estudiados en galego e resoltos en galego e que nunca poseerán forza, capacidade e autoridade para os resolveren aqueles que pensen tanto coma nas cousas da sua terra no seu trunfo en Madrí. E eisí son a maoría dos escritores e políticos galegos que se chaman galeguistas e rexionalistas.
Galiza para xurdir á vida próspera e libre ten que se ollar longamente e fondamente a sí mesma: pensar a cotío no que foi, no que é, no que pode ser ainda e no que poido ser antano de non ter entrado na unidade hespañola.
Galiza si quere deixar de vivir eternamente no atraso e no esmorecimento coma unha colonia esprotada, asoballada e despreciada percisa valorar primeiramente, con toda urxencia, as suas posibilidás de progreso espritoal e material, por comparanza co´as realidades d´outras terras.
Os probremas galegos son básicamente ruraes. Rural é a maoría da nosa poboación. Galicia, pois, libre (por unha autonomía plena, ou como sexa) disfrutando de tódol-os beneficios que pode abranguer pol-o xeito librecambista da sua natureza, rexíndose a sí mesma, c´un Goberno verde que eisí se lles nomea agora ós Gobernos agrarios (e estes Gobernos privan hoxe no oriente de Europa, agás en Rusia por mor do bolchevismo) axiña ergueríase a mais outura que as mais terras da Penínsua e axiña ollaría perto das suas fronteiras comarcas que sintirían cobiza por se xuntaren a ela tremelando no ar a bandeira irredentista. Por comenencia económica inda que mais non fose.
Decatádevos, pois, do moito que pode conquerir unha Galiza galega, que equival a decire libre; xa que si non é toda galega, non logrará nunca ser toda libre ou soberana dos seus destinos.
Lembraba Vicente Risco fai pouco n-un dos seus artigos apostólicos, o feito histórico de que pol-o rusticismo conquerira a inmensa forza de que disfroitou a Roma republicana. Pois pol-o rusticismo (que é o seu elemento esencial) pode xurdir grande e punxente a República galega. O denominador común da política da nosa terra ten que ser sempre agrario, ou non progresaremos miga. E sendo agrarios, verdes, os nosos gobernos propios, as vilas non chucharán ó campo, como zumezugas, asegún o fan hoxe, obrigando ós campesinos a emigraren pr´as Américas ou a se iren pr´as vilas con grave perxuicio da Raza e da economía autóctona.
Meditade ben estas cousas e decídeme logo si os agricultores galegos poden ter hoxe solidaridá c´os agricultores hespañoles e con ninguén da Hespaña. Queren aqueles que se prohiba a importación do millo; queren que veñan carnes e gandos do estranxeiro e ainda queren tamén que a probe Galiza lles consuma á forza os seus productos caros e pague a outo prezo o direito a comer pan...”

Publicado en La Zarpa, Ourense, nº 584, 22 de xuño de 1923. 1923

«O problema da lingua», artigo de A. Villar Ponte

“¿Por qué é perciso cultival-a lingua galega? Porque toda lingua cultivada representa unha cultura orixinal. E os pobos que teñen unha lingua de seu son pobos orixinaes, até o estremo de que si a esquencen ou desprezan acaban sempre por sentírense inferiores, na comparanza con outros, ô longo dos tempos. O esquencemento da lingua natural –supremo testimoño de consubstancialización d´unha raza e d´unha terra- trai a pós de sí o desafeuto dos homes do país que recibirona en herdo cos usos e costumes perpetuados pol-a tradición, que resultan o único froito de libre espontaneidade racial fecundador de toda cultura propia, autóctona, que espellea na etnografía. Poseendo unha lingua propia non se pode soñar n´unha orixinal cultura, leixándose d´aquela. Exemplo: Alemaña, entre outros mais.
Unha Galiza arredada do Idioma de seu, poderá ter algún día unha civilización máis próspera, pro sempre mimética; unha cultura galega de que a raza se sinta íntima e fondamente orgulosa, nunca. Sin o genius loci, todo virá pola yustaposición; nada pola intususcepción. Como barro da nosa terra moldeado por un escultor estrano. Unha civilización propia nasce d´unha cultura propia. E unha cultura propia n´unha lingua allea -tendo unha lingua natural viva na maoría do país e con gloriosa historia- é imposibel cousa. Ora ninguén deixa de saber que todo pobo, ou non siñifica nada ou é un órgao de cultura c´o que a política ten n´eles, como derradeiro e mais outo fin, o degoiro cultural. Logo se non poderá falar seriamente de cultura na Galiza sin termar da política da lingua.
Pro axeitándonos ben ô terreo da realidade: Galiza conta con dous millóns e medio de habitantes. D´eles somentes unhos douscentos mil vivintes en vilas e cibdades, que na maoría falan galego. Dos do campo e a mariña xa non hai que o decir: fálano todos. E inda antre os que agora esprésanse no castelán (agás os forasteiros) mais aló dos seus abós non tiveron a ninguén que non usara decote a língua nativa. O que fai que non haxa un só conterraño que non esteña apreixado pol-a sintáxis galega, pesi-á sua castelanización, quéirao ou deixe de querelo.
E ¿qué tería de ser máis doado n´un fidel senso pedagóxico, atendendo âs nosas caraiterísticas rusticistas asoballadoras, para faguermos axiña unha cultura propia: irmos pol-o camiño da total galeguización ou pol-o da total castelanización? A resposta a ista pergunta non pode ser mais sinxela. Ninguén lóxicamente, pode pensar no desbotamento do primeiro camiño.
Pois corolario de somellante problema é o absurdo de que un maxistrado ou xuez non galego entenda en pleitos de aldeáns nosos; que os notarios que exercen no noso agro non coñezan o noso idioma; que os escolantes que fan o ensiño dos meniños do noso rús poidan seren alleos ó país; que os cregos, inda sendo galegos, prediquen e recen en castelán, nas parroquias campesiñas, e que o portugués se non cultive antre nós. A incompatibilidade espiritoal e material de todo isto co´a i-alma da nosa terra berra a eito.
E a lingua galega, porén, deu e anda a dar poetas e escritores; sirveu para cantar â Virxe por beizos de reis sabios; sirveu para as mais requintadas galanterías do amor nas xustas dos pazos, coma lingua internazonal; para as sotilezas mais veleiñas do humorismo culto, ¡ouh Airas Núñez! e para a espresión da derradeira vountade de nobres e plebeus.
Pois si asín foi, e asín é que ainda hachase viva en dous millóns de almas e trunfante na cultura de alén Miño e de alén do Atlántico e d´outros lugares do mundo ¿cómo de non sermos soicidas, cegos e parvos, poderíamos deixala morrer?
Este senso esotérico latexa nas Irmandades da Fala. Este senso trascendental abrangue para os bós e xenerosos. Non sabemos d´outra aristocracia nin d´outra aristarquía galega autual que non sexa a dos que teñen o Idioma materno por brasón.”

Publicado no boletín Nós, Ourense, nº 50 (2ª xeira), 15 de febreiro de 1928. 1928

«Exemplos. Un grave pecado noso», artigo de A. Villar Ponte

“A xenofobia é cousa ruín e serodia. Pro a xenofilia exagerada [sic] tamén ten que lle digan. Para nós quenes praitican de somellante xeito son seres mimetistas c´o azo disposto a cair na servidume.
Entr´a xenofilia e a xenofobia, hai un termo meio: o sentimento da propia estimación, que cando s´esmorece nos pobos e nos individuos leva á perda de carácter e da personalidade orixinal. E o carácter é o que permite ós pobos sentiren e obraren, como nos ten demostrado Le Bon n´un dos seus libros fundamentaes.
Pobos de xenofilia esaxerada son pobos rendidos espiritoalmente. E n´este caso temos que dicir que s´atopa Galicia. En Galicia hai xenofilia de abondo. En Galicia todo o alleo que ten algún releve logra reverencias e homenaxes que van levándonos inconscientemente ó desplazamento do propio da concencia colectiva. C´o que imos camiño de ser mais que un país con alma cultivada a xeito co´as suas esencias orixinaes un territorio ou campón con habitantes que aspiran a viviren unha cultura postiza feita de fora adrento e non de drento a fora.
En ningures, como na nosa terra, hai menos entidades culturaes e artísticas que leven nome de galegos prestixiosos. En ningures como nas nosas vilas ostentan as ruas rubros de apelidos alleos. Con apelidos alleos nominalízanse parques e sociedades e barcos feitos nas nosas mariñas. É raro que unha empresa de galego que percise ser bautizada c´un nome propio reciba o d´un conterraño ilustre. E asín os nosos valores intelectuaes e artísticos dos tempos antergos e dos tempos presentes vanse esvaindo dos ouvidos da masa. Tristeiro caso de pedagoxía antipatriótica, que nos fai escepción no mundo: pois xa non aboda c´o esquecimento da fala que á e a nosa característica mais esgrevia senón que tamén chegamos ó esquecimento dos propios valores individuaes, para trocalos polos alleos e cáseque sempre pol-os alleos inferiores a moitos dos nosos.
En vano loitaron antaño para diñificaren o noso propio valimento e os nosos prestixios serios os PP. Feixóo e Sarmento, o cura de Fruime, Verea e Aguiar e tantos outros. En vano os galeguistas militantes d´agora, nin xenófobos nin xenófilos esaxerados, senón donos do nobre sentimento da propia estimación, veñen loitando con tenacidade para ergueren, facéndoa fecunda, a concencia colectiva da raza. Moitos galegos ainda, e dos que teñen fachenda de cultos, pospoñen os nombres de valores nosos por nombres de valores alleos contribuindo á perda do carácter colectivo que é o que leva ós pobos a sentiren e obraren. Asín son os galegos mesmos quenes van facendo xermolar no país de seu o sentimento abafante da propia inferioridade. Así son os galegos mesmos quenes van facendo da nosa terra unha colonia meitalizada [sic] pol-o espírito alleo. ¿Para qué logo protestas contra dos que fan da verba gallego unha expresión implicadora de rebaixamento? A nosa xenofilia esaxerada é o mais activo disolvente da nosa personalidade orixinal. E cando un pobo perde o seu espontaneísmo autóctono, perdéuno todo. Ninguén puido deprender esto nin na Francia, nin na Alemaña, nin na Inglaterra, nin en ningún outro pobo culto do mundo. Esto é un terríbel defecto dos galegos, somentes dos galegos. ¡Probes de nós, porén, si non reacionamos axiña contra d´isto!”

Publicado en El Pueblo Gallego, Vigo, nº 1.728, 11 de outubro de 1929. 1929

«O que temos que pedir no Día de Galicia e no Día da Universidade», artigo de A. Villar Ponte

“Coido que tódol-os anos no Día de Galicia teríamos nós, como fan os socialistas, que elevar ó Goberno central as conclusións do programa mínimo que se pode tirar do noso idearium. E as de este ano quizabes deberían ser éstas:
1º Como base para o recoñecemento da persoalidade galega criación d´unha mancomunidade rexional.
2º Establecimento d´unha cátedra de Lingua, Literatura e Historia galegas, outra de problemas económicos e outra de temas portugueses, base d´un intercambio co´a República veciña, na Universidade de Santiago.
3º Establecimento de cátedras de Lingua, Literatura, Historia e Xeografía galegas nas Escolas Normaes da nosa terra.
4º Axeitamento das escolas da aldeia ás realidades da vida rural, onde labrega, onde mariñeira.
5º Restablecimento d´as Escolas de Peritaxe Agrícola, de Veterinaria e Náutica.
6º Que os mestres ou escolantes de Galicia sexan galegos e de o non seren que pol-o menos teñan cursádol-os seus estudos nas nosas Normaes.
7º Que poidan cursarse os estudos de doutorado na Universidade de Santiago, sendo obrigatoria a tesis sobre problemas galegos.
8º Que xueces, maxistrados e notarios sexan galegos, ou de o non seren, que teñan cursádol-os seus estudos de Direito na Universidade compostelana.

Esto no respective ó orde cultural. No senso económico:

a. Disminución d´impostos no campo e implantación de leis que leven a pór a terra nas máns dos que a traballan, cos corolarios que se deriven d´esto.
b. Organización axeitada do creto rural, para desbotar a usura caciquil.
c c. Solución definitiva do preito do millo e dos forraxes para o gando e proteición resolta da gandería e da pesa e das industrias derivadas das mesmas.
ci d. Fomento intensivo da repoboación forestal.
cii e. Continuación dos traballos dos ferrocarrís Coruña-Santiago-Ourense-Zamora e Ferrol-Gijón con verdadeira actividade e construción do camiño de ferro de Lugo a Vilafranca, sin esquencer a laboura pol-a maior rapidez nos viaxes de Galicia a Cataluña, nin o Central galego.

E no senso político:

1º Restablecemento da plena normalidade constitucional.
2º Establecimento do sistema de repersentación proporcional para as eleicións, trocando nas de diputados a Cortes os actuais distritos en grandes circunscricións, c´o complemento en todos do voto segredo e obrigatorio e as mais cousas percisas para evitaren o coacionismo caciquil.

Penso en que ningún bó galego atopará excesivo nin utópico este programa mínimo de conclusións que somente depende da nosa vontade que se poida realizar axiña. Aos galeguistas, meus irmáns, e aos antigos alunos da Universidade de Santiago, bríndoo na data de hoxe, co corazón na mán.”

Publicado en El Pueblo Gallego, Vigo, nº 1.971, 25 de xullo de 1930. 1930

«Tribuna libre. O que vai de 1916 a 1936...», artigo de A. Villar Ponte

“Ao lér Guieiro sentín unha fonda ledicia e ata unha miga de fachenda, quizais porque os que imos para vellos perdémol-a cabeza doadamente e xa nos entregamos mais aos recordos que ás esperanzas.
¡O que vai de 1916 a 1936!
D-aquela non había mais que arqueólogos da literatura, da historia e dos moimentos galegos. Ninguén estudaba a Galicia como cousa viva a se proxeitar no futuro. Incrusive a liña dos nosos poetas oitocentistas coidábase crebada. Entón xurdíu Cabanillas e os seus colegas que enmudeceron por falla d-ambente: Antón Noriega, Gonzalo López Abente e Lugrís Freire voltaron a cantar. E Taibo comenzou a axeitarse aos novos gostos.
E xurdíu Cabanillas cando nós, antre o balbordo da gran guerra, fixemos tanxendo arrebato c-o libriño Nacionalismo Galego: a nosa afirmación rexional, a cruzada que non se tentara nunca cordialmente e con toda conscencia para recriar a patria que como unha brétema velaíña aboiaba en moitos corazóns. D-entón data o galeguismo integral; o verdadeiro galeguismo que agora xa conta -como non contara nunca- c-un partido político e c-unhas Mocedades orgaizadas e xurdías. Querse decir, que o noso soño xa se realizou. E por certo -permitídeme esta arroutada- sin superar moito as verbas acesas e bariles que A Nosa Terra recolleu nos seus primeiros tempos, o mesmo que Rexurdimento.
Ata nós non se valorizara en ningures Galicia como país de persoalidade propia capaz de vivir mellor independente que xunguido a outras terras pol-o xugo estatal. Ata nós tampouco a língua materna se fixo consustancial, inseparabel, d-unha política verdadeiramente galega. Nin en Faraldo, nin en Brañas, nin en Murguía, nin en ninguén, inda latexante xa esta arela en Lugrís, en Rivalta, en Castelao, en Banet... A defensa platónica e filolóxica do idioma e ós gramos literarios -case escrusivamente poéticos- que n-el xurdiron, sucedeu d-aquela a xeito c-o noso verbo a sua imposición como instrumento de loita e como arma imprescindibel para o conquerimento da autonomía espiritoal e d-unha cultura autóctona. E mentres os vellos prexuizos asoballaban a forza da Academia Gallega, fíxose necesario emporiso criar o Seminario d-Estudos Galegos. Esto debido a sementeira das ´Irmandades da Fala´, ás que Porteiro e Viqueira –dous malogrados egrexios- levaron, como reposta a nosa chamada, folgos, talento, cultura, vountade e fé. ¡Qué moito, pois, que hoxe nos sintamos cheios de ledicia e de fachenda ao véremos a semente da grande obra a florir n-eses pinos novos e rexos que son os mozos de Guieiro, onde o vento xurdío da mais trascendente rebeldía, fecunda pol-o patriótica, zoa e brúa, con ecos de bosco e de mareira! ¡O galeguismo, d-hoxe para sempre xa é cousa sagra e inmorredoira! A ledicia d-este feito, como Mefistófeles a Fausto, vóltame novo, inda sin vender a i-alma ao demo, mais si admirando no demo mesmo que Pondal admirou: o de sel-o anxo da primeira rebelión.
Faraldo é como unha brétema romántica na concreción de feitos da nosa historia contemporánea. Formas cambeantes no ar d-unhas vagas ilusións. Os outros, precursores teóricos sin valor praiticista ou pragmatista. Ata o fito da Frouseira divulgámolo nós máis tarde.
E eu dígolles con todo respeto aos “tradicionalistas” da galeguidade actual en movimento, que cando valorizamos Galicia para facela xurdir política e culturalmente de seu, non ollamos a nada antergo -o que non quer decir que non deba ollárese- senón á realidade “presente” con ollada virxe: vendo un país con lingua propia, viva na maioría dos seus moradores e afincada n-un esteo indestrutíbel, o da língoa portuguesa, que lle dá ás nosas arelas unha forza maor que a dos mais pobos difrenciados da Penínsua e de Europa enteira; un país de unidade geográfica, económica e moral, que só pode trocarse de territorio con habitantes, en pobo con alma e cibdadanía, en pobo relevante e útil a si mesmo e o progreso humán, esculpíndose en si mesmo para si mesmo c-o cicel do propio estilo.
O pulo noso naceu ollando o presente e o porvir. Xermolaría igoal de non termos historia nin precursores. Os que fitan agora atrás fan ben; nós non fitábamos cando ceibámol-o berro primeiro do galeguismo conscente. Sin pasado histórico daríamolo o mesmo. Concebímolo pelegrinando por Portugal. Véndolle vivir a vida moderna na nosa fala.”

Publicado en A Nosa Terra, nº 396, Pontevedra, 27 de decembro de 1935. 1935

Bibliografía sobre Antón Villar Ponte

AXEITOS, R.: “Verbas violentadas: tres pequenas batallas de Antón Villar Ponte contra o control ideolóxico do discurso público. I e II,”, A trabe de ouro, Santiago de Compostela, n.º 101 (xaneiro-marzo de 2015), p. 33-45 e n.º 102 (abril-xuño de 2015), p. 13-29.
BARREIROS, Cosme (pseud. de Francisco Fernández del Riego): “Antón Villar Ponte e o Día das Letras Galegas”, Faro de Vigo, Vigo, (8 de maio de 1977).
BERAMENDI, J. G.: De provincia a nación: historia do galeguismo político, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2007.
CARVALHO CALERO, R.: Letras Galegas, Ourense, Associaçõm Galega da Lingua (AGAL), 1984.
CASARES, C.: "Antón Villar Ponte, fundador do galeguismo", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
CORES TRASMONTE, B.: "Tras el 'Día das Letras Galegas'. Villar Ponte y la fundación del nacionalismo gallego", Tiempo de Historia, Madrid, n.º 27 (xuño de 1977), p. 70-81.
CUADRIELLO, J. D.: "Presencia de Antón Villar Ponte en Cuba", Grial, XXXVII:141 (xaneiro-febreiro-marzo de 1999), p. 91-110.
DIESTE, R.: "O sentimento liberal e Antón Vilar Ponte", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
DÓNEGA, M.: "Antón Villar Ponte, as irmandades da fala e o pangaleguismo", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
FERNÁNDEZ, C.: "Na orixe da nova dramaturxia e do teatro galego moderno: A patria do labrego (1905) de A. Villar Ponte", en R. ÁLVAREZ e D. VILAVEDRA (coords.): Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Tomo II: Literatura, Santiago de Compostela, USC, Departamento de Filoloxía Galega, 1999, p. 457-482.
FERNÁNDEZ CASTRO, X. M.: "Cuestións históricas e teóricas en O Mariscal de R. Cabanillas e A. Villar Ponte", Anuario de Estudios Literarios Galegos 1996, Vigo, Galaxia, 1997, p. 11-39.
FREIXANES, V. F.: "Villar Ponte, xornalista", Teima. Revista Galega de Información Xeral, n.º 22 (12-19 de maio de 1977), p. 46-47.
FREIXANES, V. F.: “Vento nas velas. Antón Villar Ponte”, La Voz de Galicia, A Coruña, (19 de xullo de 2003).
GARCÍA, X. L. (ed.): Discursos parlamentarios (1931-1933). Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Vilar Ponte, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1978. (Serie Historia).
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue, Santiago de Compostela, Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, 2004. (Cadernos Ramón Piñeiro; 7)
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: Antón Villar Ponte e a Academia Galega. Contributos para a historia crítica dunha institución centenaria, Vilaboa (Pontevedra), Edicións do Cumio, 2006.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: Sobre 'O Mariscal' de Cabanillas e Villar Ponte, A Coruña, Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado, UDC, 2005.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: “Antón Villar Ponte”, en XORNALISTAS con opinión. 20 biografías, Vigo, Galaxia; Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2007, p. 155-195.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: “Contexto, peripecia e contido de dúas pezas menores do teatro de Antón Villar Ponte: A probiña que está xorda e A festa da malla”, Anuario Galego de Estudios Teatrais 2002, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, p. 45-102.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: "Introdución", en A. VILLAR PONTE: Entre dous abismos. Nouturnio de medo e morte, A Coruña, Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa da UDC, 1998. (Literatura dramática galega; 3).
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: “Introdución”, en A. VILLAR PONTE: A patria do labrego / Almas mortas, A Coruña, La Voz de Galicia, 2002. (Biblioteca 120).
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: "Roberto Blanco Torres e Antón Villar Ponte: a camaradaxe de dous xornalistas exemplares", Heraldo de Vivero, Viveiro, n.º 3.139 (14 de maio de 1999).
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: "O teatro das Irmandades da Fala", en Historia da Literatura Galega, Vigo, A Nosa Terra, ASPG, 1996, fasc. 20, p. 609-640.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X.: “ O teatro galego desde a estrea de A fonte do xuramento ao fatídico 1936”, en M. F. VIEITES (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. No aniversario de “A fonte do xuramento” , Santiago de Compostela, Xunta de Galicia; Vigo, Galaxia, 2007, p. 67-80.
ÍNSUA LÓPEZ, E. X. e C. NUEVO CAL: O primeiro Antón Villar Ponte, Lugo, Fundación Caixa Galicia, El Progreso, 2003. (XVII Premio Ánxel Fole)
LUCA DE TENA, G.: "Hai agora 50 anos que morreu. Prometeo Vilar Ponte", A Nosa Terra, Vigo, n.º 290 (10 de abril de 1986).
MARCO, A.: "Estrela de granito", La Voz de Galicia, A Coruña, (1 de marzo de 1993)
MARIÑAS DEL VALLE, X.: "Retrato en tres tempos", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
MONTERO SANTALHA, J. M.: "Vilar Ponte e a reintegraçõm lingüística galego-portuguesa", La Voz de Galicia, A Coruña, (3 de decembro de 1981). Suplemento “Cultura”.
MONTERROSO DEVESA, X. M.ª: "¿Cara un Museu das Irmandades da Fala?", El Ideal Gallego, A Coruña, (12 de febreiro 2 de 1978).
MONTERROSO DEVESA, X. M.ª: "Lembranza de Antón Vilar Ponte", La Voz de Galicia, A Coruña, (3 de outubro de 1981).
MONTERROSO DEVESA, X. M.ª e J. G. BERAMENDI: "Villar Ponte, Antón", en Gran Enciclopedia Gallega. Tomo XXX: VEA-ZURITA, Xixón, Silverio Cañada, s.d., p. 136-137.
NAYA PÉREZ, J.: "Lembranza de Antonio Villar Ponte", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
NAYA PÉREZ, J.: "Lembranza de Antonio Villar Ponte", Revista do Centro Galego, Barcelona, (1978).
OTERO PEDRAYO, R.: O libro dos amigos, Vigo, Galaxia, 1997 [1ª ed.: Buenos Aires, 1953]. (Literaria; 148)
PIÑEIRO, R.: Olladas no futuro, Vigo, Galaxia, 1974.
PIÑEIRO, R.: "A significación política de Antón Villar Ponte", Teima. Revista Galega de Información Xeral, n.º 22 (12-19 de maio de 1977), p. 38-39.
PITA ROMERO, L.: "Día das Letras Galegas. Recuerdo de Villar Ponte", La Voz de Ortigueira, Ortigueira, n.º 3.177 (20 de maio de 1977). Tomado de La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977).
RABUNHAL CORGO, H.: Textos e contextos do teatro galego (1671-1936) , Santiago de Compostela, Laiovento, 1994. (Ensaio; 39).
SANMARTÍN REI, G.: Lendo nas marxes. Lingua e compromiso nos paratextos (1863-1936), A Coruña, Espiral Maior, 2002. (Universitas; 1).
SANMARTÍN REI, G.: Os (pre)textos galegos (1863-1936) , Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2002. (Estudios e Investigacións).
SEOANE, L.: "Villar Ponte e a sua tertulia", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
SIGÜENZA, J.: "Escritores Gallegos. Antonio Villar Ponte", El Despertar Gallego, Buenos Aires, (19 de setembro de 1926).
SOUTO RUBIÁNS, A. (pseud. de X. M.ª Monterroso Devesa): "Outeiro de San Xusto. As nosas efemérides/76. Lembranza dun adiantado", La Voz de Galicia, A Coruña, (26 de decembro de 1976).
SOUTELO VÁZQUEZ, R.: “A pegada dos irmáns Vilar Ponte no nacionalismo galego de antes da guerra”, Anuario Brigantino, Betanzos, n.º 24 (2001), p. 261-281.
SUÁREZ VÁZQUEZ, D.: “As autoridades no Diccionario Gallego-Castellano (1913-1928) da Real Academia Galega”, Cadernos de lingua, Real Academia Galega, n.º 21 (1º semestre de 2000), p. 67-102.
TARRÍO VARELA, A.: Literatura Galega. Aportación a unha Historia crítica, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1994.
TATO FONTAÍÑA, L.: Teatro e Nacionalismo. Ferrol 1915-1936, Santiago de Compostela, Laiovento, 1995.
TÉMPORA (Colectivo Universitario): "A sementeira de Antón Villar Ponte", La Voz de Galicia, A Coruña, (15 de maio de 1977). Suplemento "Los Domingos de la Voz".
TOBÍO FERNÁNDEZ, L.: "Lembranza de Antón", Heraldo de Vivero, Viveiro, (28 de febreiro de 1986).
UN-DO-CHÁN (pseud. de X. M.ª Monterroso Devesa): "Antón Vilar Ponte. Xornalista, emigrante e adiantado do galeguismo", El Ideal Gallego, A Coruña, (17 de maio de 1977), p. 22-23.
VARELA PUNHAL, R.: "Relaçõns Galiza-Portugal em Antom Vilar Ponte", Agália, Ourense, n.º 38 (verán de 1994), p. 163-177.
VÁZQUEZ SOUZA, E.: “Notas de contexto a unha peza inconclusa”, en E. VÁZQUEZ SOUZA: Xuana de Vega ou 'Os Mártires', Santiago de Compostela. Laiovento, 2001, p. 23-44.
VIEITES, M. F.: "De J. M. Synge a A. Villar Ponte. Teatro, literatura dramática e construcción nacional na periferia atlántica. Anotacións pra un estudio preliminar", en Como en Irlanda, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia-IGAEM, 1996. (Centro Dramático Galego: 12)
VIEITES, M. F.: "Villar Ponte na literatura dramática galega", en A. VILLAR PONTE: A festa da malla, ed. de Noemí Pazó e Dolores Vilavedra, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1997. (Os libros do Centro Dramático Galego; 21).
VILAVEDRA, D. (coord.): Diccionario da literatura galega. Tomo I: Autores, Vigo, Galaxia, 1995.
VILLAR PONTE, A.: Pensamento e Sementeira, Buenos Aires, Ediciones Galicia del Centro Gallego, 1971.
VILLAR PONTE, A.: 100 artigos, A Coruña, Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia, 2003. Prólogo de J. G. Beramendi.
VILLAR PONTE, A.: Os evanxeos da risa absoluta (Anunciación do antiQuixote) , ed. de E. X. Ínsua López, Vigo, A Nosa Terra-ASPG, 1998.
VILLARES, R.: Figuras da nación, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1997.
VILLARES, R.: "O marco histórico de Antón Villar Ponte", Teima. Revista Galega de Información Xeral, n.º 22 (12-19 de maio de 1977), p. 49-50.

Bibliografía específica sobre Antón Villar Ponte elaborada por Emilio Xosé Insua. 2016