Materiais

A Bella Otero (Valga 1868 - Niza 1965). A raíña valguesa da escena

Filla de nai solteira, Agustina Carolina del Carmen Otero Iglesias naceu na parroquia pontevedresa de San Miguel de Valga, o 4 de novembro de 1868. Viviu xunto á súa nai e catro irmáns. Tratábase dunha familia sumida na miseria. A súa nai, Carmen Otero Iglesias, era coñecida como “A piñeira”, pois alimentaba os fillos grazas a recoller piñas no monte e vendelas como combustible para facer lume e dar calor. O seu destino estivo marcado por un suceso nefasto de violencia, pois foi vítima dunha brutal violación no monte Terroeira, sendo aínda unha rapaza preadolescente, de once anos de idade. Logo do acontecido, foi trasladada ao Hospital Real de Santiago, debido a unha aparatosa e preocupante hemorraxia. As secuelas psíquicas e físicas, xunto ao rexeitamento de parte da veciñanza, foron un dos desencadeantes da fuxida da súa localidade. Existen varias versións sobre a forma en que a Bella Otero fuxiu de Galicia e descoñécense os detalles sobre a súa aparición en Barcelona e máis tarde en París. A historia da súa vida está envolta nun halo de fantasía e misterio. Fálase dunha historia de vida chea de datos autobiográficos inventados. O certo é que a súa sona tivo unha repercusión internacional. A Bella Otero logrou moverse en círculos culturais de vangarda da Belle Époque. A súa fermosura, destrezas artísticas, sedutora indumentaria e bo manexo de idiomas abraiaron a poderosos homes da elite; o que provocou que algúns perdesen a cordura e a fortuna. O seu ciclo vital pecharíase dun xeito pouco afortunado, en soidade e sen luxo, debido á súa afección polos xogos de casino, que a levaron á ruína. A pesar da condición económica na etapa final da súa vida, Carolina Otero non esqueceu a súa terra natal —á que nunca máis volveu—, pois deixou unha misiva, dirixida ao alcalde de Valga, na que manifestaba a súa intención de facer beneficiarios de súa herdanza os residentes máis pobres. O dito desexo non se cumpriría, xa que non tiña bens, nin cartos que achegar á comunidade menos favorecida de Valga. A Bella Otero morreu aos noventa e sete anos en Niza, o 10 de abril do ano 1965.

Compartir:
Image 1