
Caligrafías musicais
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) incrementa novas liñas de divulgación dos seus fondos inéditos. Preséntase agora «Caligrafías musicais» cunha dobre intención: rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego e revalorizar a compositores, estilos musicais ou instrumentos ⸺entre outros⸺ que forman parte da cultura musical de Galicia. Cada dous meses, presentaremos unha nova conferencia do noso fondo que permitirá coñecer o acervo musical do país da man dos seus máis grandes expertos.Jesús Bal y Gay, musicólogo
Xosé López-Calo explica as investigacións do músico lugués sobre a música culta antiga e o folcloreInstrumentos musicais: a gaita
Xosé V. Ferreirós guíase polas investigacións de Said Armesto e Casto Sampedro para explicar, de xeito sinxelo pero erudito, a gaita e os gaiteiros na nosa cultura.Mauricio Farto e a música folclórica galega
O destacado erudito coruñés Ramiro Cartelle explica a obra e actividade do folclorista galego Mauricio Farto Parra.O proxecto
«Caligrafías musicais»: un nome que se xustifica porque caligrafía é, por unha banda, «a arte de escribir con boa letra e, por outra, o «conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito».Cando se fala de patrimonio sonoro, asóciase decontado á música como eixe fundamental ⸺en todos os seus diferentes estilos, popular ou culta, de calquera época, tradicional ou de autoría⸺. Así, os fondos dos arquivos sonoros son maioritariamente musicais. Non obstante, no caso dos fondos editados, a súa difusión sofre atrancos lexislativos que impiden unha difusión fluída.
Mais no ASG, ao dispor dun amplo fondo de conferencias, pódese divulgar o noso patrimonio musical a través destes valiosos documentos sonoros inéditos. O propósito é que esta palabra (fala) sabia ⸺con «boa letra» e «manuscrita»⸺ estea centrada na música. Con esta suxestión, amplíase o abano na visibilización dos materiais do arquivo e cóbrese, aínda que modestamente, o interese dos usuarios e investigadores musicais.
Cunha periodicidade bimestral, ofreceranse as reflexións versadas de nomes como Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo, Bautista Varela de Vega, Joám Trillo, Ramiro Cartelle, Carlos Villanueva, Javier Garbayo, Manuel Balboa..., que han de suscitar o interese público.