Xosé V. Ferreirós guíase polas investigacións de Said Armesto e Casto Sampedro para explicar, de xeito sinxelo pero erudito, a gaita e os gaiteiros na nosa cultura.
O 25 de febreiro de 1985, organizada pola Asociación Cultural Terra Meiga e por Caixa Galicia de Ferrol, e dentro do ciclo Folclore e Etnografías Galegas, Xosé V. Ferreirós pronuncia a conferencia «Instrumentos musicais: a gaita». Virtuoso gaiteiro e membro do grupo musical Milladoiro dende a súa fundación, Ferreirós aproveita a clasificación de Said Armesto e os estudos de Casto Sampedro para guiarnos polos instrumentos tradicionais galegos ata chegar á gaita. Dun xeito sinxelo pero erudito, percorre as representacións iconográficas do instrumento «máis importante de Galicia», a súa presenza na nosa lírica e os contratos laborais de gaiteiros en Notas viejas galicianas de Pérez Costanti, ao tempo que nos explica os distintos xeitos de tocar e cita polo camiño os gaiteiros históricos e os artesáns actuais. Ferreirós propón ollar cara a fóra e aprender e descubrir doutras músicas en que a gaita é a protagonista. En definitiva: unha clase maxistral.
Escoita a conferencia:
Datos do fondo:
Sinatura: NCFE-0464
Duración: 1:07:21 h
Colección Caixanova. Ferrol. Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega