Son de Galicia: Centenario de Cantigas e Agarimos

Son de Galicia: Centenario de Cantigas e Agarimos

Neste ano 2021 cúmprense cen anos da fundación do coro Cantigas e Agarimos, unha institución fundamental da música popular galega do século XX e un dos coros históricos do século XX, que foron homenaxeados na exposición Son de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Para este especial, recuperamos un dos episodios históricos senlleiros da traxectoria deste coro: a primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao en 1961. Un acto que se converteu na primeira reivindicación pública do político e escritor rianxeiro durante a ditadura.

Web de Cantigas e Agarimos

Fotografía: O coro en 1923. Fonte: CeA


A estrea en Galicia de Os vellos non deben de namorarse

Non era calquera obra teatral nin era calquera autor. O 25 de xullo de 1961 estreouse na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, durante as festas do Apóstolo, Os vellos non deben de namorarse, a única obra teatral de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a figura emblemática da Galicia da primeira metade do século XX. Castelao escribira Os vellos en Nova York, aos inicios do seu exilio, e rematouna en 1939. A estrea realizouse en 1941, no Teatro Mayo de Bos Aires. A represión e o silenciamento fixeron que esta "regalía para o pobo galego", como a chamou Castelao, tardara vinte anos en contar cunha estrea en Galicia.



Foi o grupo de teatro do coro Cantigas e Agarimos o responsable da primeira montaxe da emblemática obra de Castelao. Fíxoo durante as festas do Apóstolo de 1961. O permiso das autoridades franquistas chegou só tres días antes da representación, pero a compañía levaba xa catro meses de ensaios e tiña os decorados preparados. A obra fora dirixida por Rodolfo López-Veiga. O acto converteuse en toda unha reivindicación do galeguismo. Na praza estaban presentes as irmás de Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro, Antón Fraguas, Manuel Beiras, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Ricardo Carballo Calero ou Filgueira Valverde, entre outros. O réxime concedeu autorización para actuar en varias cidades galegas. A abundancia de público asistente fixo que a dictadura considerase non autorizar máis representacións nese momento.

Estas fotografías e rascuños, pertencentes ao Fondo Vicente López, dan conta da emoción do momento, da coidada montaxe e da asistencia de 5.000 persoas, segundo a documentación do coro.

Os esqueletos no camposanto


Fondo Vicente López.

Momento da representación


Fondo Vicente López

Representación de Os vellos non deben de namorarse


Fondo Vicente López

Decorado da obra


Fondo Vicente López

Público asistente á estrea


Fondo Vicente López

Bosquexo da escenografía de Os vellos non deben de namorarse


Fondo Vicente López

Bosquexo da escenografía de Os vellos non deben de namorarse


Fondo Vicente López

Programa das Festas do Apóstolo 1961

Inclúen a representación teatral no martes, 25 de xullo.

O catálogo de Son de Galicia

Consulta no catálogo de Son de Galicia a historia de Cantigas e Agarimos e os outros tres coros históricos de Galicia.