O fio de Penélope

O nobelo de Carmela Porteiro

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”.
Esta é a travesía libre de Iolanda Casal da man de Carmela Porteiro Lago, referente do estudo dos océanos.




Iolanda Casal, xornalista e integrante da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, guíanos polos mares de Carmela Porteiro Lago, a científica a quen dedicamos a xornada conmemorativa de 2019. A súa navegación lévanos por referencias que definen a traxectoria profesional de Carmela e, canda ela, a historia das científicas que se abriron camiño na investigación pesqueira alén dos laboratorios, embarcándose e dirixindo expedicións, tradicional couto de homes. O ronsel aberto por esta viguesa -tataraneta doutra muller afouta como Agustina Aboi (a primeira muller do corpo nacional de mestras por oposición de España)- permítenos lembrar o legado da oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño, a viaxe pioneira de Humboldt, as cantigas mareiras, o perigo dos estragos ambientais ou a importancia dos avances tecnolóxicos e da divulgación científica.


Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +