O nobelo de Kathleen March

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”.
Esta é a travesía libre de Teresa López da man de Kathleen March, referente da tradución.



Teresa López Fernández, profesora titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, foi a coordinadora, xunto con Dolores Vilavedra, da xornada Kathleen March. Ler como feminista, realizada en 2016. A súa navegación lévanos por referencias que definen a traxectoria profesional de Kathleen March, a súa inmensa produción como tradutora, creadora e promotora da proxección da nosa literatura no ámbito internacional. Teresa López ofrece un suxestivo itinerario por fontes e referentes literarias e visuais, que nos leva a Rosalía de Castro, ás fotografías de Anna Turbau e Alberto Martí, á plástica de Seoane ou ás palabras de Carvalho Calero. Un convite polo feminismo, o galicianismo e o rosalianismo, pero tamén a docente comprometida co servizo á comunidade, a novelista e poeta, a creadora de fermosos libros de arte e a académica distinguida.








Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +