O fio de Penélope

O nobelo de María Mariño

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”. Aquí tes a entrega número 0, a precuela que deu orixe ao nobelo do que tiramos.



María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade entre os anos 2005 e 2016 condúcenos, nesta entrega final da serie O fío de Penélope, á orixe do nobelo, aí onde se cardou a la para proceder coa fiada. A xornada "María Mariño: un balance" celebrouse no ano 2007 co fin de facermos unha avaliación do significado de terlle dedicado, por primeira vez en décadas, o Día das Letras Galegas a unha muller. Esta precuela serviu de xermolo para unha actividade anual que nacería un ano despois co obxectivo de facer un merecido recoñecemento a unha muller viva cunha traxectoria profesional relevante e coñecermos a dimensión do seu legado entre as mulleres máis novas dese seu ámbito de actuación. Letras, música, ciencia, investigación literaria, arquitectura, artesanía, teatro..., foron moitas as áreas de análise que ao longo desta década permitiron botar luz sobre figuras imprescindibles da nosa cultura e, nalgunhas ocasións, pouco recoñecidas para o gran público. Rematamos como comezamos, coa bandeira da reinvidicación da liberdade á hora de tirar do fío e a necesidade de navegar sen cancelas. Así foron estas doce entregas.

A navegación de María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Moral e Política na Facultade de Filosofía da USC, lévanos pola obra de María Mariño, do Courel a Noia, do souto ao mar, dos versos ao legado para as poetas máis novas desta "dinamiteira da fala".

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +