Valentín Paz-Andrade
Voces centenarias
Valentín Paz-Andrade harmoniza boa parte dos saberes e das actividades humanas. Político nun galeguismo posibilista; xornalista sempre activo na prensa galega; xurista tamén na defensa de intelectuais galegos na posguerra; empresario especializado na pesca; escritor en lingua galega; intelectual e coñecedor da nosa historia; economista prestixioso e de lúcido e visionario alcance. A continuación, os tres últimos sinais da súa vizosa personalidade móstranse nestes tres audios históricos. Poetas de Galicia
No ano 1968, RNE na Coruña emite o programa radiofónico Poetas de Galicia. Todos os venres, ás 8.25 da tarde, os oíntes teñen a posibilidade de coñecer os poetas galegos actuais máis destacados. O programa que ofrecemos está dedicado a Valentín Paz-Andrade. Dun xeito conciso, o prolífico intelectual de Lérez ofrece as claves da súa poesía mentres os locutores intercalan recitados dalgúns dos seus poemas (“Os ollos do río”, “O pescador de Pondal”...). “Triadas do vento no mar” e “Boas-vindas, mariñeiros” escóitanse na súa voz.
Duración: 25'31''
Sinatura: ACRN00010_01
Fondo:Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Francisco Añón
Valentín Paz-Andrade é o convidado de honra nas Xornadas Patrióticas Galegas realizadas en 1966 en Bos Aires. Ese mesmo ano, Francisco Añón é o homenaxeado no Día das Letras Galegas; motivo polo que a súa primeira conferencia, pronunciada no Salón Castelao do Centro Galego, está dedicada ao cantor de Boel. Nun galego exquisito, amosa os seus coñecementos da literatura galega e introduce novos conceptos na análise da obra de Añón, como cando fala da súa topofilia poética.
Duración: 58'.42''
Sinatura: COBA-CON/67 .
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
A emigración
En 1957, Paz-Andrade diserta sobre un tema doloroso para a nosa terra: a emigración. Baseándose en datos precisos e actualizados, argumenta as causas económicas do éxodo da poboación galega e incide nas consecuencias nefastas para o desenvolvemento económico presente e futuro de Galicia. A triloxía da prosperidade fórmaa o eixe home-natureza-capital, alterado polo movemento emigratorio. Esta erudita conferencia pronúnciaa en Bos Aires, no marco das Xornadas Patrióticas Galegas.
Duración: 48'33''
Sinatura: COBA-CON/37
Fondo:Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG


