Isaac Díaz Pardo
Voces centenarias
Un construtor da Galicia contemporánea

Castelao e a arte
“Castelao e a arte” é o tema co que participa Isaac Díaz Pardo no simposio Castelao na Galiza do Século xx, organizado pola AS-PG e a Universidade da Coruña e que tivo lugar no Museo Carlos Maside (Sada) o 27 de novembro de 1999. Na súa intervención, o intelectual compostelán destaca fragmentos de Sempre en Galiza nos que Castelao fala da súa arte como interpretación dos temores e das esperanzas do seu pobo.
Duración: 24' 50''
Sinatura: AS-PG-CON/377
Fondo: Colección AS-PG. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Virxinia Pereira e María Docampo
Díaz Pardo debuxa a lealdade de Virxinia Pereira, viúva de Castelao, cara ao seu home. Menciona tamén a María Docampo para aclarar que a secretaria do político en Nova York é en realidade unha persoa vencellada ao servizo de información do Goberno dos Estados Unidos. A entrevista pertence ao fondo de RNE e está gravada o 13 de outubro de 1986.
Duración: 10' 15''
Sinatura: ACCP00013_01
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Ediciós do Castro
Con motivo do 30º aniversario da publicación do primeiro libro de Ediciós do Castro, ofrécese esta breve entrevista en que Isaac Díaz Pardo fala das liñas de traballo desta editorial indispensable: por un lado, a recuperación da memoria histórica de Galicia e, por outro, a edición de libros científicos do Seminario de Estudos Galegos. A entrevista está feita o 23 de abril de 1993 por RNE.
Duración: 10' 21''
Sinatura: ACCP00259_02
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.