O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado

Xoves, 16 de outubro de 2014
O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado

O investimento público na industria musical galega vén diminuíndo nos últimos anos. A partir dos anos oitenta, eses ingresos medraron exponencialmente e modificaron as dimensións globais e o peso dos diferentes subsectores do negocio musical propio. Moitos consideran, agora, esa intervención pública curtopracista e falta de visión industrial como unha das principais causas das actuais eivas do sector. Aquel investimento público xestionado con criterios non profesionais é evidente en políticas como a gratuidade xeneralizada para o acceso aos eventos musicais ―financiados con cargo ao erario municipal ou autonómico― ou a inflación dos prezos dos provedores, evidente nos cachés dos artistas e nos servizos das industrias auxiliares. Como resultado, ese fluxo económico, no canto de afianzar o sector, alterou a cadea de valor e impuxo un modelo de crecemento non sostible, unha pequena burbulla que, coma outras, estourou e deixou unhas secuelas das que o sector aínda non foi capaz de recuperarse.

Así o pon de manifesto o equipo de investigación Canal Campus, pertencente ao Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais da USC, dedicado nos últimos anos ao estudo da nosa industria musical. A súa especialización no campo dos Popular Music Studies levou a Canal Campus a afondar, entre outras liñas de investigación, na actividade das orquestras de verbena ou no papel dos festivais, tanto de música urbana como tradicional.

A proposta do Consello da Cultura Galega e Canal Campus é xuntar nesta xornada empresas cunha clara traxectoria de patrocinio de eventos musicais con axentes, creadores e promotores da industria musical propia para coñecer de primeira man as súas necesidades e intereses, así como as súas demandas respecto de políticas públicas útiles para o sector, como a lexislación de mecenado ou incentivos fiscais. No canto das axudas directas da Administración, este tipo de intervención pública podería contribuír a potenciar unha industria musical sostible, un obxectivo en que a iniciativa privada parece decisiva se botamos unha ollada a países cunha actividade musical saudable, tanto desde o punto de vista cultural como económico.

En definitiva, o encontro entre representantes do ámbito da creación, promoción, financiamento e difusión quere axudar a establecer unha visión plural do estado do sector co fin de trazar vías alternativas para a superación dun modelo en crise.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: