PATRIMONIO

O patrimonio moble, entre o comunitario e o privado

22 e 23 de outubro de 2019
Información

Fronte á concepción unitaria do patrimonio cultural, distincións como as de patrimonio moble e inmoble, baseadas no Dereito civil, facilitan a súa xestión pero achegan fragmentación.
Esa concepción unitaria devén así problemática se a contemplamos desde ese punto de vista simplemente xurídico, no que os conceptos de público e privado adquiren unha relevancia fundamental.
A teoría e a lexislación dos bens culturais trataron de superar esa distinción, desde Alois Riegl e os tratadistas e xuristas italianos dos bens culturais, achegando un concepto fundamental como foi o do “valor de fruición”, que permite transcender a mera noción de propiedade e facilita a tutela dos poderes públicos sobre o patrimonio cultural.
Porén, é paradoxal que esta evolución conceptual e legal coexista na actualidade con infraestruturas culturais (arquivos, bibliotecas e museos) que afunden as súas raíces en visións do patrimonio cultural moitas veces contraditorias. Así, estas concíbense aínda como depósitos, principalmente públicos, de toda clase de bens culturais extraídos do seu contexto público ou privado orixinal e acumulados á espera do seu “tratamento” técnico.
Considerados desde este punto de vista patrimonial, na orixe e evolución destes centros están presentes elementos diversos, como a lenta construción do concepto de nación en desenvolvemento, no século XVII, e a Ilustración, no século XVIII (transcendentes nos casos das bibliotecas e dos arquivos), as incautacións e doazóns de fondos privados, desde o século XVIII, e os procesos desamortizadores e a incautación de bens eclesiásticos no contexto da construción do Estado-Nación liberal herdeiro dos principios da Revolución Francesa, no XIX.
Un proceso que non foi lineal e que está cheo de matices, pois, ao carón da vontade do Estado por construír un relato da memoria da Nación e por construír infraestruturas para a mellora da cultura e da educación do país (que, por outra banda, adoitou esquecer calquera outro particularismo social ou territorial), áchase tamén o desexo ilustrado dos doadores privados de contribuír a ese mesmo ben público.
Este predominio do público sobre o privado traduciuse ademais, con frecuencia, nun tratamento indiferenciado das coleccións, no caso das bibliotecas, ou no tardío desenvolvemento, no caso dos arquivos, dunha metodoloxía para o tratamento dos fondos de orixe privada.
Así, estas infraestruturas culturais deben afrontar hoxe a contradición de acumular uns bens patrimoniais de carácter moble e orixe pública ou privada que tiñan a súa razón de ser en lugares, inmobles e contextos sociais e económicos moi determinados e que, por outra banda, e debido á crónica precariedade de medios persoais e orzamentarios, non sempre poden procesar e difundir de forma adecuada.

Neste contexto, xorden diferentes cuestións que atinxen tanto á xestión destes centros culturais como á do patrimonio moble que acumulan: segue a ser necesaria e conveniente a política de acumulación de bens culturais nas bibliotecas, nos arquivos e nos museos? Que alternativas hai? Que profesionais deben enfrontar a súa xestión? Son posibles outros modelos para a xestión e a investigación do patrimonio moble?
Con elas, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega convídanos a reflexionar e a debater.

Imaxe da portada: Composición de torques do Museo Provincial de Lugo (Colección Gil Varela) e do manuscrito "Memoria de los señores bienechores de la Biblioteca pública de la Real Universidad Literaria de Santiago". 1812-1869. BX da USC, Ms. 264

Ficha técnica
O patrimonio moble, entre o comunitario e o privado
O patrimonio moble, entre o comunitario e o privado
Xornada. 22 e 23 de outubro de 2019
Coordinación
Bieito Pérez Outeiriño
Gabriel Quiroga Barro
Concha Varela Orol
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205