Leopoldo Nóvoa, entre Armenteira e París

Xornada. En modo conversa

Leopoldo Nóvoa, entre Armenteira e París

Xoves, 20 de febreiro de 2020, ás 17:30
Santiago de Compostela
Xornada
En modo conversa

Leopoldo Nóvoa, entre Armenteira e París

Xoves, 20 de febreiro de 2020, ás 17:30 Santiago de Compostela
O pasado 17 de decembro de 2019 cumpriuse o cen aniversario do nacemento de Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012), un dos grandes referentes da arte abstracta tanto dentro coma fóra de Galicia na segunda metade do século XX.

Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, Leopoldo Nóvoa viviu unha longa e prolífica existencia en países e circunstancias moi dispares. Unha vida que vai estar marcada pola viaxe, pola súa condición de emigrante, de nómade que busca acomodo, espazo e lugar onde asentarse. Iso converteuno nun personaxe cosmopolita, de vasta cultura, impregnado da sabedoría que dá o coñecemento da diversidade. Pero nesta condición, Galicia, e máis concretamente Armenteira, a súa casa-obradoiro que constrúe en 1983 e onde pasara desde entón longas tempadas estivais, marcará profundamente a súa pintura. Nesta casa de Armenteira encontrará, despois do dramático incendio do seu obradoiro parisiense, a resposta a moitas interrogantes conceptuais do seu traballo. As cinzas que atopa cada mañá cando limpa a cheminea convértense na base dunha pintura dramática como “é a cinza, porque é algo que foi e se transformou en nada, é esgotamento, do mesmo xeito que a nosa atormentada sociedade…”.

Espazo, materia e luz son os tres elementos dos que sempre se valeu Nóvoa para articular a súa obra, facendo fincapé nas relacións que se establecen entre eles e desposuíndo a obra do superfluo. Sempre quixo que as súas obras servisen para indagar e ir cara ao esencial. Buscar o esencial é case sempre tan amargo como difícil é o camiño que hai que percorrer. Nóvoa percorreuno con total plenitude na súa forma de concibir a arte e a vida.

O Consello da Cultura Galega quere, con esta actividade, render unha homenaxe a este grande artista que foi Leopoldo Nóvoa no cen aniversario do seu nacemento. Un galego da diáspora, sen dúbida un dos nosos artistas máis internacionais.
Ficha técnica
Xornada.
En modo conversa
Leopoldo Nóvoa, entre Armenteira e París
Data
Xoves, 20 de febreiro de 2020, ás 17:30
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Sofía Santos Pérez
Rosario Sarmiento Escalona
Relator/a
Celestino García Braña
Adolfo Sobrino
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Bosco Caride, a partir dunha obra de Leopoldo Nóvoa