Nós e o turismo cultural

Allariz - Sábado, 29 de maio de 2021
Información
A cultura é un ben fundamental en todas as sociedades. No noso país existen, felizmente, moitos actores que a promoven desde distintos niveis e enfoques. O Consello da Cultura Galega e a Fundación Vicente Risco son dúas institucións que teñen como fin a promoción da nosa cultura e como ferramenta o esforzo común e a unión para facelo posíbel.

A cultura é un dos elementos indispensábeis para a supervivencia como pobo e tamén un axente xerador de riqueza; por iso cremos necesario reflexionar sobre a importancia da cultura como atractivo dunha forma de turismo sostíbel, responsábel, de calidade.

A xornada “Nós e o turismo cultural” pretende ser un punto de encontro entre o sector turístico e o sector cultural, na procura de sinerxías que cristalicen en propostas nutricias que sexan fonte de vida, en verdadeiras novas experiencias a partir dunha das mellores materias primas das que dispomos, a cultura.

Deixou dito Vicente Risco que “todo depende das particulares apetencias de cada forasteiro. Pero hai algo en que todos os homes coinciden, que é no gozo dos sentidos; por eles chéganos dentro o mundo”. Ideemos, pois, novas formas de ofrecer que o mundo que é Galiza chegue dentro da xente que nos visita a través do gozo de todos os sentidos.
Ficha técnica
Nós e o turismo cultural Imaxe da portada: Debuxo orixinal de Vicente Risco que recrea a vila de Allariz no pasado, tal como a imaxinou. Cortesía: Fundación Vicente Risco
Nós e o turismo cultural
Xornada. Allariz - Sábado, 29 de maio de 2021
Coordinación
Xosé Rodríguez Díaz
Organiza
Consello da Cultura Galega
Fundación Vicente Risco

Fundación Vicente Risco
Rúa San Lourenzo, 3
Allariz