Francisco Fernández del Riego
Vilanova de Lourenzá (Lugo), 7/ 1/1913 - Vigo (Pontevedra), 26/11/2010Francisco Fernández del Riego foi un dos intelectuais responsables de manter aceso o facho da cultura galega en Galicia e no exterior trala Guerra Civil.
Referencia obrigada na historia do galeguismo e da cultura galega do século XX. Encetou os estudos de Dereito na Universidade de Madrid, e rematounos en Santiago de Compostela, ao tempo que preparaba Filosofía e Letras. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a República, na posguerra foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, na que chegaría a ser director xerente, entre outras tarefas, e codirector xunto con Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus cen primeiros números. Autor de numerosos traballos, a súa extensa obra abrangue case todos os xéneros, desde a crítica literaria á novela e as memorias. Ingresa na Real Academia Galega en 1960 co discurso Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, e, xunto con Ferro Couselo e Gómez Román, foi quen propuxo e levou adiante en 1963 a creación o 17 de maio do Día das Letras Galegas. Presidiu esta institución entre 1997 e 2001, converténdose nun dos seus grandes renovadores. Director da Fundación Penzol dende a súa creación en 1963 ate poucos meses antes do seu falecemento, a súa vida e a súa extensísima obra mostran a fidelidade continua e a defensa de Galicia e da súa cultura.
A relación de Fernández del Riego cos galegos emigrados en Bos Aires tivo un longo percorrido. Deu comezo nos primeiros anos trinta, cando xa colaboraba en diversos xornais que alí publicaban, como Galicia, Boletín da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, A Fouce ou O Irmandino, de Montevideo. Logo de rematada a guerra civil, recomezou a colaboración que mantivera cando era estudante universitario. No 1949 a Federación de Sociedades Galegas bonaerense editoulle o seu primeiro libro, Cos ollos do noso espírito, nunha época na que xa escribía regularmente na revista Galicia, do Centro Galego, a instancias de Luís Seoane, quen era daquela o director. En Galicia Emigrante, fundada posteriormente polo propio Seoane, continuou a tarefa colaboradora. Hai que subliñar, ademais, que foi o representante oficial en Galicia do Centro Galego de Bos Aires practicamente durante vinte anos. E este labor ampliouse a numerosas cabeceiras da prensa galega de alén mar. Como o propio Fernández del Riego diría moitos anos despois: “Desde aquí mantivemos a intensa relación que cumpría para facer máis frutífero o labor de cooperación entre os que vivían nunha e noutra banda do océano.”
Como citar: . Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=. Recuperado o 05/02/2026
Francisco Fernández del Riego na prensa galega da emigración á America
Unha das manifestacións da preservación da identidade cultural da colectividade galega establecida en América foi a publicación de xornais e revistas para os galegos. Co inicio da presenza masiva de emigrantes galegos en América, destacados membros da colectividade comezan un labor propagandístico e informativo do que lles acontece nos países de destino, como o que está a suceder en Galicia.
O primeiro xornal galego-americano foi editado na Habana no ano 1872, baixo a cabeceira La Gaita Gallega, dirixido por Miguel Blanco Herrero. Uns anos despois, en 1885, Ramón Armada Teijeiro e Manuel Lugrís Freire publican baixo o título A Gaita Gallega o primeiro xornal escrito en lingua galega. O xornalista Waldo Álvarez Insua dirixe xa en 1878 El Eco de Galicia. Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura, escrita en castelán pero con numerosas colaboracións en galego. Esta publicación tiña como finalidade ser “el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración”.
Mentres en Arxentina, ese mesmo ano, edítase o primeiro xornal da colectividade titulado El Gallego, dirixido e fundado por César Cisneros Luces, baixo o lema “Todo por España y para Galicia”.
A comezos do século XX proliferan as asociacións creadas polos emigrantes nos diversos países de acollida, e con elas a fundación de publicacións periódicas que reflectían as tradicións culturais, á vez que informaban aos socios sobre as actividades societarias. Todas elas conteñen unha longa crónica sobre Galicia e o que estaban a vivir as súas familias, veciños e amigos no lugar de orixe. Ao mesmo tempo, estas revistas chegaban aos pobos galegos dando conta da vida cotiá dos nosos emigrantes alén mar. Así é como a prensa galega en América logra un achegamento das dúas Galicias.
Nestes xornais non só escribían escritores e xornalistas galegos residentes en América, senón que contaban con numerosas colaboracións de autores que vivían en Galicia. Algún exemplo témolo nos escritos enviados por Francisco Fernández del Riego, que xa desde moi novo destacou na defensa da cultura e da lingua galegas, a través dos seus escritos.
Como resultado dun baleirado exhaustivo das publicacións editadas en América, existentes nos Fondos hemerográficos do Arquivo da Emigración Galega, podemos dicir que un dos seus primeiros artigos apareceu en xuño de 1932, no xornal A Fouce. Periódico Galega, editado en Bos Aires pola Sociedade Nazonalista Pondal. Este artigo titulado Fiesta sobor da lingua galega, estaba asinado por Francisco F. del Riego, (Estudante de Dereito). O autor, ao longo de máis de 40 anos, colaborou con máis de vinte xornais e revistas da colectividade galega, principalmente nos anos 50 e 60.
Adiante
Orgâo das Mocedades Galeguistas (Filial de Irmandade Galega) [1954 - ]Artigos dixitalizados: 2
Airiños
Revista de la Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires [1944 - ]Artigos dixitalizados: 2
Alén Mar
Revista de la Asociación Argentina de Hijos de Gallegos [1961 - 1963]Artigos dixitalizados: 1
Alma Gallega
1935: Revista de «Casa de Galicia» 1936-1940, e a partir de 1944: Órgano Oficial de Casa de Galicia de Montevideo Xullo 1941: Revista de Casa de Galicia [1935 - 1967]Artigos dixitalizados: 1
Casa de Galicia de Unidad Gallega
Libro-Memoria [1940 - ]Artigos dixitalizados: 7
Fouce, A
Periódico galego [1930 - 1936]Artigos dixitalizados: 8
Galicia Emigrante
[1954 - 1959]Artigos dixitalizados: 42
Galicia [Bs As 1926]
Revista del Centro Gallego de Buenos Aires. Mutualidad - Cultura - Beneficencia [1926 - ]Artigos dixitalizados: 126
Galicia [Bs As 1930]
Publicación semanal editada por la Federación de Sociedades Gallegas Portavoz de la Federación de Sociedades Gallegas [1930 - ]Artigos dixitalizados: 72
Galicia [Caracas 1952-54]
Revista del Centro Gallego de Caracas [1952 - 1954]Artigos dixitalizados: 18
Irmandade
N.º 1-2: Boletín mensual de la Hermandad Gallega de Venezuela N.º 24-26: Periódico de la Hermandad y para la Hermandad: Apolítico, Cultural, Social, Deportivo y Benéfico N.º 28-36: Hermandad Gallega de Venezuela [1965 - ]Artigos dixitalizados: 4
Irmandino, O
Periódico galego: Órgano da Irmandade Galeguista do Uruguai [1934 - 1936]Artigos dixitalizados: 1
Lar
Revista mensual de la Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad Revista del Hospital Gallego [1934 - ]Artigos dixitalizados: 9
Lérez
Revista do Centro Pontevedrés de Buenos Aires [1962 - ]Artigos dixitalizados: 1
Lugo
Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires Publicación del Centro Lucense de Buenos Aires Vocero del Centro Lucense de Buenos Aires Órgano del Centro Lucense [1943 - ]Artigos dixitalizados: 1
Lume Novo
[1969 - 1972]Artigos dixitalizados: 1
Mundo Gallego [1951-52]
Revista de Galicia en América [1951 - 1952]Artigos dixitalizados: 2
Nosa Terra, A
Periódico galego [1942 - 1972]Artigos dixitalizados: 2
Opinión Gallega
[1945 - 1965]Artigos dixitalizados: 15
Orientación Gallega
[1962 - 1965]Artigos dixitalizados: 2
Vieiros
Revista do Padroado da Cultura Galega de México [1959 - 1968]Artigos dixitalizados: 2


