----

O caso de Guidoiro Areoso inaugura os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural

“Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” é o título dunha iniciativa nova da Sección de Patrimonio e Bens Culturais que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A proposta iníciase este venres 27 de novembro cunha xornada monográfica sobre Guidoiro Areoso, na que se exporá a vivencia da cidadanía, os resultados das intervencións patrimoniais e a experiencia xestora.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta primeira xornada pon o foco en Guidoiro Areoso, espazo da illa de Arousa que, malia ser obxecto dunha intervención arqueolóxica nos anos oitenta, sofre unha importante erosión. Unha realidade sobre a que nos últimos tempos interviñeron científicos, administracións e asociacións cidadás locais. E isto precisamente é o que recolle a primeira sesión destes encontros monográficos. Pola banda dos científicos, estarán presentes o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, o investigador da Durham University (UK) do Incipit, CSIC, Elías López-Romero e o profesor Ramón Blanco-Chao. Eles falarán, entre outras cuestións, de cambios xeomorfolóxicos, ambientais e de habitabilidade; da vulnerabilidade e a erosión dos depósitos e de como reconstruír en 3D unha paisaxe en evolución.
Pola banda da Administración local, participará Rosa María Viana Rodríguez, concelleira de Turismo, Cultura e Deportes da Illa de Arousa, e pola da cidadanía intervirá Pablo Iglesias, membro da Asociación Pandulleiros e do Grupo de Amigos da Historia da Arousa.
A sesión péchase cunha mesa redonda sobre protección e conservación na que participan María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; Iago Seara, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, e Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga e membro desta sección.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.

O illote de Guidoiro Areoso
O illote de Guidoiro Areoso está localizado na ría de Arousa, dentro do concello da Illa de Arousa. É o maior dos illotes que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros, e ten unhas nove hectáreas de extensión, boa parte delas están cubertas de area, coa presenza de dunas activas e batolitos graníticos.
Canda a riqueza natural do illote, Guidoiro Areoso presenta un relevante conxunto arqueolóxico conformado por túmulos megalíticos de época neolítica, un asentamento de comezos da Idade do Bronce e cistas funerarias desa época, ademais dun paleosolo en que se conservan numerosos restos do asentamento da Idade do Bronce en bo estado de conservación, tales como a fauna mariña ou a cerámica.

Outras noticias que te poden interesar: