O CCG presenta un estudo sobre as actitudes sobre a lingua galega entre a mocidade

A vía máis eficaz para incrementar o uso da lingua galega entre a mocidade galega é a creación dun espazo de “solidariedade co galego”, movidos pola "afectividade e a emotividade”, por riba das vías máis institucionais coma o ensino e os medios de comunicación. Así o pon de manifesto o informe “Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia”, elaborado polo CCG e aprobado polo Plenario do Consello da Cultura Galega o 6 de abril de 2017.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O método
O informe elaborouse a partir de entrevistas a mozos e mozas de 15 a 25 anos entre decembro de 2015 e febreiro de 2016. Para a parte cuantitativa, elaborouse un cuestionario en colaboración co Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e para a parte cualitativa establecéronse tres grupos presenciais de discusión, diferenciados entre si polo tipo de hábitat (Frades, Viveiro, Vigo).

Valoración positiva do galego
O informe revela un patrón maioritario de valoración positiva do galego, mesmo entre os castelánfalantes, aínda que os mozos e mozas son pesimistas sobre o seu futuro. O hábitat de residencia amósase coma o marcador máis relevante para entender os usos lingüísticos da mocidade, onde o urbano é o hábitat con menos uso do galego, fronte as vilas ou ao rural, onde o contacto é superior. Sen embargo, a falta de transmisión xeracional, de pais a fillos, revélase coma a causa fundamental de desgaleguización.

Novo modelo de ensino infantil
A escola é un lugar importante para a aprendizaxe da lingua pero non funciona como lugar de dinamización do uso do galego e non contribúe a mudar o status da lingua, aínda que o informe sinala que hai que cambiar o modelo de ensino entre os 0 e 6 anos para o que é precisa unha oferta de educación infantil en galego.
Sin embargo, as estatísticas revelan que as familias “preparan” aos nenos para o cambio tamén lingüístico que agardan na escola, o cal supón un importante factor de desgaleguización. Tamén as relacións horizontais supoñen un importante factor de desgaleguización, xa que “a mocidade manifesta ter un comportamento lingüístico acomodaticio” nos contactos coas súas amizades.

Aínda que os datos amosan que os mozos e mozas consideran ter unha alta competencia en galego, as entrevistas revelaron a inseguridade respecto da normativa ou do seu uso. Os mozos non se identifican co “galego estándar” dos medios de comunicación, chegando a dicir que na escrita séntense máis cómodos en castelán.

Buscar consensos para o galego
O informe sinala que o Plan Xeral de normalización lingüística segue tendo “plena validez” e que a medida básica para solucionar a baixa implantación da lingua galega na mocidade sería, en realidade, “deseñar un plan de fomento da lingua galega para toda a sociedade, pois se non é así é inviable que se acaden melloras efectivas entre a xente moza” . O informe tamén avoga por excluír o galego da “loita partidista” na política.