NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e o Ateneo Republicano dixitalizarán a memoria sonora da transición na Coruña

Foi un dos focos culturais máis representativos de Galicia no inicio da democracia. Polo Ateneo da Coruña Curros Enríquez desfilaron políticos, escritores e boa parte da intelectualidade galega e española da época. Todos eses actos culturais foron gravados e repousan en 502 casetes que gardaba o Ateneo Republicano de Galicia (ARGA) e lle acaba de ceder ao Consello da Cultura Galega (CCG) para a súa dixitalización e posta en valor. O acordo asinárono esta mañá os presidentes das dúas entidades, Rosario Álvarez, do CCG, e Juan Luis Pérez Alvajar, de ARGA, que destacaron o valor de conservación e difusión deste legado.

Son 450 horas de gravación almacenadas en 502 casetes e nelas figuran voces como as de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Nanina Santos, Juan Luis Cebrián, Xosé Manuel Beiras e boa parte da intelectualidade e da política na Transición. Foron, no seu momento, os protagonistas da actividade cultural que organizaba o Ateneo da Coruña Curros Enríquez desde o ano 1977. Rexistros que herdou o Ateneo Republicano de Galicia e que no momento en que cambia de sede decide esta cesión que hoxe se concreta neste acordo. Para a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, este acordo contribúe a “mellorar o noso rico patrimonio oral” e para o presidente do ARGA, Juan Luis Pérez Alvajar, supón poñer “a disposición da cidadanía un material de enorme interese”.
Nestas gravacións recóllense presentación de libros, conferencias, mesas redondas, homenaxes e outras actividades que permiten coñecer o contexto dun tempo en boca dos seus protagonistas. O debate político sobre os nacionalismos, a entrada na OTAN, a problemática do nudismo, os inicios do feminismo ou información cultural de axenda conforman algúns dos temas que se abordaron no marco da acción desta entidade nos anos setenta e oitenta e que se poderán difundir en virtude deste acordo.

Arquivo Sonoro de Galicia
O material dixitalizase e integrará os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), un dos arquivos do Consello da Cultura Galega. A súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización. En canto á difusión, iniciativas coma a que hoxe se presenta contribúen a poñer á disposición do público o noso patrimonio sonoro.