NOTICIA

----

Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal e Manuel Antonio son figuras destacadas da cultura galega e tamén algúns dos persoeiros que se poden atopar no Álbum de Galicia. O Consello da Cultura Galega presentou esta tarde este proxecto que pon na rede a biografía de 504 figuras representativas da cultura galega xa finadas, acompañada de 1846 fotografías e 1392 documentos. “O Álbum de Galicia permite poñerlle rostro aos homes e mulleres que construíron a historia do país” explicou a presidenta Rosario Álvarez. Canda ela estaban a secretaria da institución, Dolores Vilavedra, e o técnico, Manuel Gago, que destacaron o rigor na elaboración e a potencialidade de divulgación desta proposta. O Álbum deuse a coñecer aos membros do Plenario do Consello da Cultura Galega, no marco dunha sesión que contou coa asistencia do seu Presidente de Honra, Alberto Núñez Feijoo e na que expuxo a memoria de actividades de 2019 e o avance para o primeiro trimestre do ano.
Presentado o Álbum de Galicia, a colección biográfica do país

“A historia dun país faise así, a base de figuras heroicas e persoas anónimas que representan a esencia do que somos como comunidade” explicou Dolores Vilavedra ao detallar que a colección inclúe nomes destacados como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal, Manoel Antonio, canda figuras como a soprano estradense Ofelia Nieto, o astrónomo Ramón María Aller ou o científico e político Osorio Tafall. O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo deste proxecto é visibilizar e contextualizar ás mulleres e homes xa finados que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas. Todas as entradas foron realizadas por expertos en cada unha das materias e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
A Secretaria explicou tamén que o Álbum de Galicia conta con outra fortaleza, xa que permite conectar as persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Isto significa que se pode relacionar as figuras con material sonoro, fotográficos, publicacións, epistolarios, publicacións, estudos e calquera outro documento realizado ou dixitalizado polo CCG. “O Álbum de Galicia é o porta de entrada rigorosa para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras” engadiu Manuel Gago.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas que o CCG leva elaborando desde 2005 e que teñen publicado en álbums temáticos ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. O proxecto preséntase como unha iniciativa viva xa que pretende ir ampliando gradualmente o número de biografías, diversificando temática e cronoloxicamente o repertorio. Nese sentido, na presentación animaron a cidadáns e colectivos a remitir suxestións de figuras que consideren de interese para seren difundidas a través desta ferramenta e, deste xeito, mellorar o seu coñecemento público. O CCG encargará a diferentes expertos e expertas cada entrada biográfica que se incorpore ao Álbum.

Sesión plenaria
A presentación do Álbum de Galicia é un dos puntos da orde do día deste pleno ordinario no se abordou tamén a presentación da memoria de 2019. No ano que acaba de rematar realizáronse 73 actividades entre seminarios, congresos e conferencias. Tamén tiveron lugar os dous concertos institucionais xa instaurados no calendario, como son o Concerto das Letras Galegas e No Bico un Cantar, máis catro concertos relacionados coa actividade da institución. Das doce exposicións que o CCG mantivo activas en 2019, tres eran de nova creación. En total houbo 47 itinerancias en lugares como Nova York, Florida, Sao Paulo, Castelló ou Barcelona. No marco da función asesora que o CCG ten establecida por lei, realizáronse 54 traballos entre informes de impacto ambiental, informes para proxectos de lei ou Ben de Interes Cultural e o informes tan destacados como “A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia” ou “Diásporas. Informe para a creación do Museo das Migracións Galegas (DIMUGA)”.

Ademais, avanzouse parte das actividades que concretan a acción da institución para este ano e que xirará arredor de figuras centrais da cultura galega como son a Xeración Nós, Concepción Arenal, Luís Seoane e Ricardo Portela. A actividade da institución continuará na liña de buscar novos formatos, unha maior transversalidade na súa actuación que terá moi presente a mocidade. O ano arrinca co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal para o que están programadas actividades en espazos de actuación relacionados co legado e coa figura homenaxeada. Seguindo coas efemérides, recuperarase a figura da Xeración Nós, a coincidir co ano de fundación do seu máximo órgano de expresión, a Revista Nós. Tamén se homenaxeará a figura de Luís Seoane no 110 aniversario do seu nacemento. Ademais, no programa de actividades para 2020 está previsto unha vistosa homenaxe ao sonado gaiteiro Ricardo Portela.