PAXINA

----

Carta de servizos da Biblioteca e Arquivo do Consello da Cultura Galega


A Biblioteca e Arquivo do Consello da Cultura Galega recolle, conserva e pon a disposición das persoas usuarias os documentos bibliográficos, hemerográficos e arquivísticos relacionados coa cultura galega en xeral e coas distintas actividades levadas a cabo pola institución, en función da establecido no artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Coa misión de proporcionar apoio á investigación e á cultura galega, practicamos a atención individualizada e cordial ás persoas usuarias e facilitamos o acceso á información nos soportes tradicionais e mediante as tecnoloxías da información e a comunicación.

O noso fondo está formado por máis de 30 000 documentos en diversos soportes: libros, folletos, revistas, manuscritos e fotografías.

SERVIZOS

Información bibliográfica presencial e remota:

- Xeral: sobre catálogos, fondos e servizos da biblioteca e orientación xeral sobre fondos dos arquivos vencellados ao CCG e de bibliotecas externas.

- Especializada: sobre fondos concretos das distintas coleccións que forman os fondos.

Consulta en sala: consulta de materiais orixinais ou reproducidos. Consulta de documentos e servizos electrónicos.

Reprodución de documentos: servizo de reprodución mediante fotocopia ou dixitalización.

Préstamo interbibliotecario: proporcionamos materiais a todas as bibliotecas que o soliciten, integren ou non a Rede de Bibliotecas de Galicia. Tamén solicitamos documentos que non se atopen nas nosas coleccións a outras bibliotecas.

Préstamo para exposicións: Previa solicitude xustificada, con contratación de seguro e someténdose ás normas de seguridade esixidas.

Caixa de suxestións: as persoas usuarias poden formalizar suxestións ou queixas de forma presencial ao persoal da biblioteca ou por escrito no enderezo electrónico biblioteca@consellodacultura.gal

COMPROMISOS DO SERVIZO

Dar información inmediata sobre o acceso, a consulta de fondos e os servizos que ofrece a BACCG.

Atender ao momento as consultas sobre os fondos da BACCG.
Contestar as preguntas recibidas por escrito -tanto por correo electrónico como por correo postal- no prazo de tres días hábiles. De non ser posible resolvelo neste período de tempo, informarase de tal circunstancia á persoa solicitante e adiarase a resposta ata un máximo de quince días.

Servir a documentación solicitada dispoñible da sede da BACCG nunha hora como máximo.

Servir as reproducións de fotocopias, impresións de escáner e imaxes dixitais ao momento, sempre que sexan menos de 20 unidades; nun prazo de 48 horas cando se trate de máis de 28 unidades.
O prazo de entrega de reproducións de imaxes dixitais de alta calidade para menos de 20 unidades será de 48 horas, e para máis de unidades será de 15 días.

Tramitar os pedimentos de reprodución e préstamo interbibliotecario en 3 días hábiles e informar das incidencias.

Contestar as queixas e suxestións no prazo máximo de 5 días hábiles.

Utilizar os recursos de forma respectuosa co medio ambiente.

Dispoñer de puntos de recollida de residuos de papel nas salas de consulta.

DEREITOS DAS PERSOAS USUARIAS

Acceso libre e gratuíto para a consulta de fondos da BACCG, de acordo coa normativa existente.

Acceso libre e gratuíto para a reprodución de fondos da BACCG, de acordo coa normativa existente.

Ser recibido con respecto e profesionalidade. Recibir información e asesoramento sobre os fondos, os servizos e o funcionamento da BACCG e ser orientada sobre a existencia doutras bibliotecas máis adecuadas ao tipo de consulta.

Consultar e reproducir os fondos consonte coa normativa vixente.

Ter garantía do trato correcto dos datos persoais e da confidencialidade das consultas.

COMPROMISOS DAS PERSOAS USUARIAS

Respectar as normas de uso e reprodución dos documentos e seguir as indicacións específicas dadas polo persoal.

Contribuír a manter un ambiente idóneo para o estudo e a investigación, e facer un uso correcto dos equipamentos e as instalacións.

Cumprir as condicións e normativas. Notificar os cambios nos datos de contacto e/ou enderezo electrónico para garantir a boa comunicación.

Utilizar de forma responsable os recursos e servizos públicos e contribuír a respectar o medio ambiente.

Respectar a lexislación vixente relativa á propiedade intelectual.


TRANSPARENCIA

Portal de transparencia do Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/transparencia.php