A gravación do Orfeón El Eco: Alborada gallega de Pascual Veiga, 30-V-1904

A recuperación da gravación que o Orfeón El Eco realizou en 1904 da Alborada gallega de Pascual Veiga era unha tarefa que a historiografía tiña pendente co patrimonio musical galego. Esta lousa xunto coa do coro pontevedrés Aires d’a Terra ⸺xa recuperada e editada ⸺ conforman os primeiros rexistros sonoros que se conservan e que temos documentados. Ademais, neste caso é a primeira vez que se expón publicamente.

por Alberto Cancela.
Musicólogo.
A recuperación da gravación que o Orfeón El Eco realizou en 1904 da Alborada gallega de Pascual Veiga era unha tarefa que a historiografía tiña pendente co patrimonio musical galego. Esta lousa que, xunto coa do coro pontevedrés Aires d’a Terra -xa recuperada e editada (1) -, conforman os primeiros rexistros sonoros que se conservan e que temos documentados. Ademais, neste caso é a primeira vez que se expón publicamente.

A chegada dos equipos de gravación e reprodución sonora a Galicia a finais do século XIX coincide no tempo coa aparición e auxe do orfeonismo, un movemento que tivo unha enorme importancia no desenrolo da música galega. Neste panorama o Orfeón El Eco da Coruña tivo un eximio papel, sendo un dos principais motores de difusión. Dende a súa constitución en 1882 e durante os seus primeiros dez anos de vida, El Eco foi unha das sociedades corais galegas máis destacadas. Até este momento pasaran pola súa dirección Pascual Veiga e José Castro Chané, dous eméritos da música galega, grazas aos cales obtiveron unha sucesión de premios e recoñecemento público a nivel nacional. Sen dúbida os máis importantes acadounos no certame musical de Madrid de 1887 e na Exposición Universal de Barcelona de 1888, incluso participaron na Exposición Universal de París en 1889. Con toda esta proxección pública non é casualidade que El Eco estivera presente nestas pioneiras gravacións.

As pioneiras recolleitas sonoras realizadas en Galicia que temos documentadas, datan de 1893. A primeira de elas foi realizada en setembro en Vigo á Banda de Música do Rexemento de Infantería Murcia n.º 37, dirixida por Ricardo Cetina. Foron gravadas a Marcha real e a Alborada, no caso desta última, segundo Alejo Amoedo, podería tratarse da partitura de Juan Montes ou a de Pascual Veiga (2) .
En decembro dese mesmo ano Lorenzo Colis arribou á Coruña carrexando un fonógrafo procedente dos talleres Edison de Chicago. Este equipo de gravación situouse nun local da Calle Real -quizais na tenda de instrumentos musicais de Canuto Berea-, e resultou toda unha novidade para a sociedade coruñesa. O día 20 de decembro gravaron ¿Qué ten o mozo? de Prudencio Piñeiro, Alborada gallega de Pascual Veiga, Melodía gallega de José Castro Chané e Pepita de Adolf Müller, todas elas obras baluartes do seu repertorio. Tamén temos constancia de que foron recollidas algunhas obras á rondalla da Sociedade Sporting Club da Coruña e, uns meses mais tarde, ao Sexteto Curros de Santiago de Compostela (3). Desafortunadamente ningunha destas copias se conserva na actualidade.

No relativo á gravación do Orfeón El Eco, debemos aclarar que non temos a certeza sobre quen se atopaba na dirección, xa que tan só un mes antes o director José Castro Chané embarcaba cara á Habana. Probablemente se trataría dalgún orfeonista como Ramón Ascart, quen puntualmente realizaba as funcións de director.

Esta gravación que hoxe volve sonar foi realizada por El Eco da Coruña en 1904. Por iniciativa do fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, arribou á Coruña un automóbil convertido nun laboratorio de gravación da Compagnie Française du Gramophone, co fin de amosar e popularizar a súa patente. O 30 de maio de 1904 o Orfeón El Eco gravou Pepita de Adolf Müller e a Alborada gallega de Pascual Veiga. Aínda que nesta época sabemos con certeza que dirixía a coral Constante Suárez Chané, a directiva do orfeón emitiu un comunicado de prensa días mais tarde coa seguinte aclaración:


[…] no el orfeón El Eco, como se dijo, sino cinco jóvenes ⸺que apenas puede decirse que forman coro, menos pueden constituir por sí solos la celebradísima masa coral⸺ fueron quienes impresionaron varios números en una audición fonográfica solicitada desde París. […] No puede decirse, pues, que en esos discos se impresionaron coros cantados por el orfeón El Eco, sino por cinco orfeonistas, que es bien distinto. Lo lamentable es que esto dé pobre idea de lo que es o fue la notable sociedad coruñesa.
La Voz de Galicia (4)


Curiosamente, toda a información referida á Alborada gallega, tanto nas fontes hemerográficas da época como na propia edición do disco, fai alusión a que se trata da Segunda alborada gallega; porén, tras a súa reprodución, concluímos que en realidade é o fragmento final da Alborada gallega. A partitura de Veiga utiliza un texto de Francisco Mª de la Iglesia ⸺colaborador habitual na concepción das súas partituras⸺ e foi estreada polo Orfeón do Liceo Brigantino no certame musical de Pontevedra de 1880. Esta obra foi a que maior popularidade obtivo do repertorio orfeonístico galego, en boa medida grazas á proxección que lle deu El Eco; ademais, na súa primeira edición leva a inscrición «Cantada con extraordinario éxito por el Orfeón Coruñés El Eco en el concurso musical celebrado en Madrid por la Sociedad El Gran Pensamiento el 10 de junio de 1887».

NOTAS

1.PINHEIRO ALMUINHA, Ramon (ed.) (2003): Aires d’a Terra, Ouvirmos, Sarria. CD.

2. AMOEDO PORTELA, Alejo. El piano en la obra de Reveriano Soutullo Otero (1880-1932). Tesis Doctoral, Universidad Politécnica de Valencia, 2019, pp. 94-96.

3. O 20 de maio de 1894, un fonógrafo recollía unha muiñeira interpretada polo Sexteto Curros no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela. Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 22-V-1894, p.

4. Descoñecemos se se trataría do mesmo fonógrafo de Lorenzo Colis.
La Voz de Galicia, 07-VI-1904, p. 3.



BIBLIOGRAFÍA E SITIOS WEB

AMOEDO PORTELA, Alejo. El piano en la obra de Reveriano Soutullo Otero (1880-1932). Tesis Doctoral, Universidad Politécnica de Valencia, 2019.

CANCELA MONTES, Alberto (2020): La Sociedad Coral El Eco: una contribución a la historia del orfeonismo en Galicia (1862-1940). Tese de doutoramento. Universidad de Oviedo.

FANDIÑO ALONSO, Xaime / Zósimo LÓPEZ PENA / Henrique NEIRA PEREIRA (2013): «A popularización do fonógrafo en Galicia. 1878-1895», Agra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, nº 8, pp. 117-129.

PINHEIRO ALMUINHA, Ramon (ed.) (2003): Aires d’a Terra, Ouvirmos, Sarria. CD.

PINHEIRO ALMUINHA, Ramon (2004): «As gravações de Aires d’a Terra em 1904 ou o nascimento da história da música gravada na Galiza», Murguía, Revista Galega de Historia., nº 4, pp. 29-45.
S.a. «El primer registro fonográfico en Galicia se realizó en A Coruña el 20 de diciembre de 1893» (www.axencia.sinsalaudio.es) [última consulta, 22-XI-2017].