NOTICIA

----

As conclusións dos XXII Encontros para a normalización demandan unha planificación lingüística para a poboación inmigrante

Falta de aplicación das políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego; falta de planificación integral, reformulación do CELGA, carencias de recursos… son algunhas das conclusións da XXII edición dos Encontros para a normalización lingüística que se acaban de facer públicas. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) entre o 13 e o 19 de novembro de 2020, puxo o foco na integración lingüística como ferramenta de cohesión social.

Desde hoxe poden consultarse no web institucional as conclusións dos XXII Encontros para a normalización lingüística de Galicia. O documento, elaborado pola comisión técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, comeza detallando as características particulares dos colectivos de inmigrantes no noso país: son o 2% do total da poboación inmigrante asentada en España. O texto destaca que, a diferenza doutros territorios, moitos deses inmigrantes teñen un vínculo coa diáspora galega do século XX.

O documento afirma que “en Galicia non se están aplicando as políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego” e asegura que se “bota en falta unha planificación integral e unha coordinación”. Ademais, establece que as carencias son especialmente evidentes no ámbito educativo e instan a unha regulación que “non dependan do voluntarismo e a autoorganización do profesorado ou doutros axentes vinculados ao mundo educativo”. Neste senso o documento propón o modelo o sistema de pilotaxe que se está a desenvolver en Euskadi.

Os Encontros dedicaron un espazo preferente ao sistema de avaliación CELGA. Recoñecen que “como sistema de avaliación é correcto e equiparable a outras linguas” con todo, consideran que “debería deixar de orientarse exclusivamente á preparación de probas CELGA, e ser un instrumento moito máis proveitoso como vehículo de acollemento, integración e cohesión social”.

Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG que poñen o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica na lingua galega, entre outros temas. Nesta ocasión centraron o debate en migrantes, galegos e galegas que retornan, conveciños e conveciñas que non teñen o galego como lingua familiar ou colectivos non galegofalantes de orixe. Para falar destes asuntos estiveron expertos como Belén Fernández Suárez, da Universidade da Coruña; Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra; Valentina Formoso, do Programa de adquisición de linguas do IES do Milladoiro; Bernardo Penabade, do Modelo Burela do IES Perdouro; ou Loli Castiñeira, integrante do programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. O programa rematou, como é habitual, cun espectáculo que nesta edición correu a cargo de Soledad Felloza.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.
Como Arquivo de Planificación Lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Mentres que como Centro de Documentación Sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

A comisión técnica do CDSG está coordinada por Rosario Álvarez e integrada por David Cobas, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Valentina Formoso Gosende, Susana Mayo Redondo, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xusto A. Rodríguez Río.

Outras noticias que che poden interesar