O Repertorio de Prensa da Emigración incorpora 25 números da publicación Alborada

O 26 de agosto cumpríronse cen anos da creación da Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión en Bos Aires. Unha sociedade que edita a publicación Alborada, da que incorporamos 25 números ao Repertorio de Prensa da Emigración. Nesta ocasión subimos números que van desde os anos 40 ata os 70, período no que mantivo unha periodicidade irregular. Estas publicacións foron depositadas no Arquivo da Emigración Galega por Xosé María Rei Lema e Marcelino Fernández Santiago.

Alborada é unha publicación societaria que concede unha grande importancia ás noticias referidas á entidade editora (asembleas, actividades realizadas en Arxentina e Galicia, nómina de socios ingresados, noticias sociais, necrolóxicas, etc.) e da comarca de orixe. Compleméntase a publicación con artigos de temática variada (hispanoamericanismo, emigración, notas históricas e sociais da comarca, actualidade arxentina, etc.), colaboracións literarias, artigos divulgativos e pasatempos. Ten bastante presenza gráfica a través de ilustracións e publicidades.
A súa edición vai enmarcada na celebración do centenario desta centenaria sociedade e que se complementará cun número no marco do especial de Historias de Ida e Volta que elabora mensualmente o Arquivo da Emigración Galega.