“A opción por defecto é sempre non iluminar”, asegura o documento, que alude a que a contaminación luminosa non é un problema de raíz tecnolóxica. “Mesmo nunha instalación de iluminación tecnicamente perfecta só unha partícula de luz de cada vinte e dous millóns reflectidas no chan se aproveita para ver (por persoa); o resto, é dicir, practicamente toda a luz, pérdese por absorción ou é contaminante”, figura nas conclusións. O documento incide tamén na necesidade de que a abordaxe da iluminación, precisamente nun momento en que varias cidades galegas están renovando a súa iluminación urbana, precisa dun enfoque global que vaia alén “das meras melloras tecnolóxicas nas instalacións de iluminación pública, en por si insuficientes para dar resposta a este problema”. O documento lembra unha cuestión biolóxica: “Durante a meirande parte da súa existencia a especie humana fixo a súa vida baixo unha iluminación que seguía o ritmo natural da alternancia luz-escuridade: o ciclo diario do día e a noite, o mensual das fases da Lúa e o estacional propio da latitude, que fai variar harmonicamente ao longo do ano o número de horas diarias de luz solar. Este ritmo natural tivo unha primeira variación co aproveitamento do lume para iluminar as horas nocturnas”. Así, insiste en que o seu uso indiscriminado, porén, ten consecuencias negativas cada vez mellor coñecidas nos ámbitos da preservación da biodiversidade, a saúde pública, a actividade científica, a percepción visual das paisaxes nocturnas e a preservación do patrimonio cultural inmaterial asociado á noite.
O documento tamén ten en conta a declaración institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno do ano 2015 e a Declaración de Brno para reducir a contaminación luminosa en Europa, así como outras resolucións de diferentes entidades europeas e internacionais nesta materia.
As medidas propostas
Entre as medidas que se poden adoptar destaca, en primeiro lugar, que “os niveis de iluminación deben reducirse ao mínimo realmente necesario para a función que deben facilitar”. En segundo lugar, “deben evitarse as emisións directas de luz á atmosfera, especialmente en ángulos próximos á horizontal”. A terceira recomendación pasa por reducir a intensidade da luz emitida “nas horas da noite nas que os espazos iluminados non teñen uso social, co apagado total como opción por defecto salvo que se xustifique a necesidade do contrario”.
Outra das recomendacións é que as “novas instalacións de iluminación e as reformas das existentes deben ser sometidas a avaliacións de impacto ambiental”. Ademais, “a autorización de novas instalacións debe estar supeditada en todo caso á non-superación das cantidades totais máximas de emisión de luz permitidas para cada concello, a fin de non exceder as liñas vermellas de impacto ambiental”.
Por último, as fontes de luz (lámpadas) deben elixirse “de forma que minimicen as emisións de luz na rexión de curtas longuras de onda do espectro (luz azul), en todas as localizacións e particularmente naquelas que afecten a espazos naturais próximos ou máis afastados. Se ben todos os compoñentes da luz, con independencia da súa cor, teñen efectos ambientais non desexados, as longuras de onda curtas son as que afectan en maior medida un amplo número de especies”.
Ademais, o documento recomenda levar a cabo accións de comunicación e formación sobre contaminación luminosa dirixidas á cidadanía, á comunidade educativa, a persoal técnico, a deseñadores de iluminación, a especialistas en paisaxe e a responsables da Administración autonómica e local.
O documento está asinado por Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela; Salvador Bará Viñas, profesor xubilado da Área de Óptica desta universidade; Susana Malón Giménez, CEO e directora de Lumínica Ambiental e membro da Xunta de Goberno do Comité Español de Iluminación; Antonia M. Varela Pérez, directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira sénior do Instituto de Astrofísica de Canarias, e Xosé Antonio Fernández Bouzas, director-conservador do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.
Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as próximas actividades atópase unha xornada, que se desenvolverá en Lugo, sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable. No marco desta sección elaboráronse materiais e recursos didácticos; publicáronse informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico, e leváronse a cabo xornadas sobre a factura do cambio climático, a economía circular ou as vocacións científicas. Ángel Carracedo, María Teresa Barral, Jorge Mira, Iolanda Casal ou Ánxela Bugallo son algúns dos membros desta sección.