NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Dorothé Schubarth, figura fundamental para o coñecemento do folclore musical galego

Esta musicóloga e compositora suíza desenvolveu un amplo labor investigador centrado na procura das formas e orixes da música popular europea. Dorothé Schubarth introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. É a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento do folclore musical do país.

Dorothé Schubarth chega a Galicia en 1978 atraída pola inmensa riqueza da música de tradición oral galega. Iniciou entón un traballo de cinco anos nos que, coa axuda dunha bolsa da Fundación Barrié, percorreu Galicia realizando un traballo de recollida novidoso que introducía o punto de vista do informante. As súas dificultades coa lingua galega precisaron de axuda e atopouna en Antón Santamarina, filólogo da Universidade de Santiago de Compostela, que se converteu nunha parte importante do traballo de recompilación, transcrición de textos e clasificación.

O seu intenso traballo de recolleita abrangue 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes. Comezou na serra do Caurel e recolleu nos seus cadernos e en 5 000 cintas de casete cancións, contos, lembranzas e testemuñas de moitísimas persoas e lugares. O resultado deste inmenso labor foi a publicación do Cancioneiro Popular Galego, conformado por sete volumes, editado pola Fundación Barrié en 1984.

A finais dos anos 90, Dorothé Schubarth depositou no Consello da Cultura Galega as casetes orixinais, os 248 CD coa súa dixitalización e 19 carpetas con transcricións e notas manuscritas. O material completo está dispoñible para consultas presenciais nas instalacións do Arquivo Sonoro de Galicia e, de maneira parcial, a través do Mapa Sonoro de Galicia.