Roberto Nóvoa Santos

----

Roberto Nóvoa Santos

1885 A Coruña | 1933 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Roberto Nóvoa Santos

1885- A Coruña | 1933 Santiago de Compostela
Figura emblemática da medicina do s.XX Médico e investigador. Logo de estudar medicina en Compostela, comezou na docencia como profesor auxiliar de Patoloxía Xeral na Facultade de Medicina de Santiago. En 1911, foi un ano a estudiar Fisioloxía e Patoloxía a Francia, Austria e Alemaña (R.O. 26-V-1911), cunha bolsa da JAE. Nesta estadía publicou un total de seis traballos científicos. A súa volta obtivo a cátedra de Patoloxía en Santiago.

Home activo, con inquedanzas científicas, culturais e políticas, era un espécime raro na Compostela de primeiros do pasado século: “Y sus labios se plegan en una sonrisa fatalista al recordar sus años de luchador político (...) y me cuenta retazos de su vida de estudiantina, cuando con el ánimo pleno de ilusión y acometividad, creó desde Santiago aquella Internacional anarquista” (Galicia, Montevideo, nº 166, decembro de 1930). Fora axudante de Ramón Varela de la Iglesia, no departamento de Fisioloxía. Positivista no terreo científico e liberal radical no político, é de supoñer que entraría en contacto cos círculos institucionistas, con motivo da defensa da súa tese en Madrid; con avais tan importantes como os da familia Varela, pois dous deles eran considerados seus mestres, o citado Ramón e Manuel Varela Radío, principais axentes da JAE en Compostela.

Dous elementos de sintonía tiña Nóvoa coa JAE: a ansia de renovación das estructuras universitarias e a preocupación polas ciencias positivas e a investigación. Axiña se asentaría como docente e investigador, amosando especial interese pola sexualidade, a morte, o psiquismo e o darwinismo, como dan fe as súas obras, incorporando o freudianismo e o evolucionismo ao seu marco teórico. Segundo Abellan, Nóvoa podería encadrarse no arquetipo de médico-filósofo desa nova figura intelectual, preocupado pola realidade filosófica, social e cultural da súa época.

Os bos resultados da estadía en París e Estrasburgo -con Wenckebach e Blum-, e a creación dunha escola de Patoloxía, en Santiago, fixo que un dos seus primeiros discípulos, Pedro Pena Pérez, en 1917, obtivese unha bolsa para estudiar a mesma temática que anos atrás fixera o seu mestre. Pena foi o primeiro discípulo dunha saga de máis dunha ducia de alumnos e alumnas que ampliaron estudos no estranxeiro con bolsas da JAE: as irmás Fernández de la Vega, Rof Carballo, Outeiriño, Culebras Souto, Puente Veloso, os irmáns Jaso e os Goyanes…

Queremos salientar o espírito de colaboración e de traballo en equipo que caracterizaba a Nóvoa, pois con Pena enceta unha dinámica ata aquela descoñecida na Universidade de Santiago: a presentación de publicacións nas que aparece o nome do mestre xunto ao dos discípulos. En 1914 xa comeza a aparecer o nome do ilustre patólogo cabo de colaboradores, o que amosa unha aprendizaxe experimental a carón do laboratorio, de xeito continuado, e a creación de equipos estables de investigación, significando a insistencia da aprendizaxe lingüística como ferramenta de acceso á ciencia.

De Nóvoa, con motivo da súa prematura morte, Marañón escribía: “Fue arquetipo de la gran generación médica de la preguerra: la que trajo a la medicina española el aire impetuoso de fuera, el rigor en la investigación y la claridad en el método (...) Deja un hueco tan grave en nuestra medicina, en nuestra Universidad, en las filas de la legión entusiasta de hombres libres y liberais” (Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 1933).

Deixou máis de 200 traballos publicados. O seu Manual de Patología General (1916) foi un dos libros de medicina con maior número de edicións. No seu haber está a fundación e a dirección de varias revistas de divulgación científica e a potenciación de foros médicos en Galicia (Xornadas Médicas Galegas, Asociación do Cancro…), e o aproveitamento da rede da JAE para que os seus discípulos se achegasen á comunidade científica europea a ampliar estudos. Tamén desenvolveu actividade política, pois foi deputado efémero na Deputación da Coruña durante a Ditadura de Primo de Rivera, e, posteriormente, deputado nas cortes constituíntes de 1931, representando á FRG na mesma provincia.

Logo de estar canso de aturar iniquidades e inercias do pasado na vella facultade de Fonseca, carente do liberalismo que Nóvoa exercía naquela Compostela levítica, presentouse a unhas oposicións para obter traslado a Madrid, en 1928, arrastrando á capital a boa parte do equipo de xoves investigadores que tiña en Santiago. O sucesor na cátedra en Compostela foi o seu discípulo Pedro Pena Pérez.

Na Universidade Central quedou a súa pegada docente e a súa escola de investigación durante a media ducia de anos que lle permitiu vivir un cancro.

Pouco tempo antes de morrer, Nóvoa iría a Arxentina, durante catro meses, a explicar un curso en 1932, formando parte da cúpula da JAE, como xa fixera anteriormente, en 1928 (Cuba).

A súa filla Olga, valorando ao seu pai, dicía: “Es verdad que él era liberal y demócrata de los pies a la cabeza, muy en linea con el idearium de los hombres de la Institución Libre de Enseñanza” (El Correo Gallego, “Figuras de la Universidad de Santiago”, 6 de xullo de 1987, “Mi padre en zapatillas”). Por estas razóns sería depurado post-mortem polas novas autoridades xurdidas da sublevación de 1936, incautándolle aos familiares parte dos seus bens.

Ao noso entender, estamos diante dunha das figuras máis emblemáticas que deu a medicina galega do século XX, que viu a súa traxectoria interrompida por unha morte prematura aos 48 anos, vítima dun cancro.

Publicacións nas que participou Roberto Nóvoa Santos

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

Artigos

ARENAL PONTE, C. LEóN, L. MARAñóN, G. NóVOA SANTOS, R. PéREZ GALDóS, B. REYES, A. UNAMUNO, M. VIGIL, C. (11/1935) Los que piensan la hora actual. Alma Gallega. 2ª (01), 23-24.
Ver nota breve Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións:
(4/1944) R. Nóvoa Santos. Acción Gallega. 2ª (2), 2.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Roberto Nóvoa Santos ;
SEOANE, J. (7/1953) Propósitos de nuestro Centro. Nuestro primer número. Compostela. 1ª (1), 3.
Ver opinión Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Ramón Baltar ; Juan Barcia Caballero ; Roberto Nóvoa Santos ; Alejandro Pérez Lugín ; Castelao ; Manuel Varela Radío ; José Rodríguez Carracido ; Eugenio Montero Ríos ; Augusto González Besada ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (8/1961) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (520), 22 .
Mencións: Roberto Nóvoa Santos ; Manuel Quiroga ; Castelao ;
JIMéNEZ, C. (3/1980) Encol do suicidio. Nosa Terra, A. (100), 31.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
Mencións: Roberto Nóvoa Santos ;