Francisco Miguel
A Coruña, 1897 - Queo de Arriba, Bértoa (Carballo, A Coruña), 28/9/1936Autoría: Carlos L. Bernárdez
Unha obra entre o ultraísmo e o realismo máxico
Francisco Miguel Fernández Díaz —este é o nome completo que figura no certificado de matrimonio de 1920, aínda que noutras fontes aparece como Francisco Miguel Fernández Moratinos— foi un pintor de notábel interese, que colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas como a revista Alfar ou a revista luguesa Ronsel (1924).
Na primeira metade dos vinte o seu ámbito referencial é A Coruña, con estadías en París en 1920 e 1923. Francisco Miguel móvese no grupo de artistas coruñeses que xira ao redor da revista Alfar —nunha primeira etapa chamada Revista de Casa América-Galicia—, publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio —e cónsul do seu país— Julio J. Casal e publicada entre 1920-1927, ano en que o director torna ao Uruguai. Para valorarmos a importancia da publicación e o ambiente intelectual que xera —que é o de Francisco Miguel— abonda sinalarmos as variadas e brillantes colaboracións da publicación, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional, movéndose nunha modernidade cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Barradas, Picasso, Gris, Norah Borges, Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Álvaro Cebreiro, Cándido Fernández Mazas ou Manuel Méndez. Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galicia, non só polas obras reproducidas senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo culturalmente moi relevantes cando nace a publicación.
Nos primeiros anos da década de 1920 son frecuentes as colaboracións de Francisco Miguel, con debuxos, gravados e textos sobre arte, noutras publicacións como a revista coruñesa Vida (1920-1921) ou a luguesa Ronsel (1924).
Neste contexto cultural, intimamente ligado á cidade da Coruña, teñen unha intensa presenza dous artistas: Luís Huici —pintor tamén asasinado en 1936— e o propio Francisco Miguel. O primeiro ilustra cos seus debuxos e gravados moitos números das revistas Vida, Luz e Alfar, cun linealismo acusado, moi achegado ao debuxo de moitos ilustradores do ambiente da xeración do 27, como Manuel Ángeles Ortiz, Moreno Villa, Bores, Benjamín Palencia ou García Lorca; e Francisco Miguel une a estas cualidades o influxo da estampa xaponesa e da arte africana peneirada polo cubismo. Nos seus gravados percíbese un esquematismo primitivista moi do gusto da vangarda do momento, algúns cun manifesto interese pola plasmación do ritmo e do dinamismo e outros dun marcado planimetrismo case contrutivista. Excelentes exemplos son o debuxo «Danzarinas», publicado en Vida en agosto de 1920 ou a xilografía do número 5 de Ronsel de setembro de 1924. Esta referencia ao construtivismo non é nada casual, de feito no número da revista Vida (n.º 3, novembro 1920) publica un texto sobre a arte soviética «Del arte ruso, pintura», onde aparecen citados artistas como Malevich, Kandinsky ou Alexandra Exter.
En 1926, Francisco Miguel, coa súa esposa Syra Alonso —que despois sería autora duns fundamentais Diarios que permiten seguir a súa traxectoria-, marcha a América, primeiro a Cuba e despois a México. O período mexicano vai ser fundamental na súa vida e na súa obra e comprende desde 1926 até 1933. Nestes anos desenvolve unha grande actividade ligada á obra de artistas como David Alfaro Siqueiros e ao grupo de escritores denominados os
Contemporáneos, vivindo nun ambiente de compromiso da arte coa causa revolucionaria, mais sen implicar o cultivo dunha temática social. A inicios dos anos trinta Syra e Francisco Miguel comparten morada coa poeta uruguaia Blanca Luz Blum e con Siqueiros en Taxco, habitando nun convento abandonado. O ambiente que os rodea está marcado polo enxalzamento dos valores populares indixenistas e polas preocupacións sociais inseridos nun cenáculo intelectual e artístico ao que tamén están ligados pintoras e pintores como María Izquierdo ou Rufino Tamayo. Acreditan este ambiente do período mexicano documentos moi relevantes como o retrato que lle fixo o famoso fotógrafo Manuel Álvarez Bravo en 1933, publicado ese ano no número 9 da revista Todo, ou a presenza destacada do noso pintor no libro do dramaturgo e escritor mexicano Rodolfo Usigli Voces. Diario de trabajo (1932-1933).
A pintura de Francisco Miguel reflicte unha estética virada cara a posicións análogas ao retorno á orde posvangardista, de forte cromatismo.
Ordee
obxectividadeson conceptos que o pintor manexa en textos sobre a súa obra e que se expresan nitidamente en retratos dunha figuración poscubista peneirada pola art déco, como o seu Autorretrato (ca. 1933); o Retrato de Syra (1931. Colección do Concello da Coruña), a súa esposa; o Retrato de María Izquierdo (ca. 1931), unha destacada pintora mexicana, ou o Retrato de Dolores Olmedo (1931, Museo Dolores Olmedo, México).
Nos seus lenzos de motivos mariños da década de 1930 semella máis achegado ao realismo máxico coas súas naturezas mortas de brillantes cunchas, buguinas e cons, elaboradas cunha precisión naturalista que xera un ambiente de irrealidade e distanciamento. Son bos exemplos os óleos Natureza morta (1932. Colección privada), Natureza morta con alcachofas, Muíño de vento (ca. 1930. Colección privada), Mariña (ca. 1930. Colección privada), Mexillóns (1936. Colección privada) e Cunchas mariñas (1936. Colección privada), meticulosas composicións de froitas e/ou tema mariño, frecuentemente abertas á paisaxe desde unha xanela, recurso polo que separa nitidamente interior e exterior conseguindo unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta. Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra a obras da Neue Sachlichkeit a
Nova Obxectividadealemá, na súa vertente maxicista.
En óleos coma estes, Francisco Miguel incorpora uns motivos e fórmulas moi de moda en Europa. Convén ter en conta que este tipo de naturezas mortas, ligadas a paisaxes de ecos clásicos, poden ser entendidas como un síntoma que traduce unha inquedanza fronte á representación. Cómpre lembrar que estes aspectos foran formulados poucos anos antes por Franz Roh no seu influente libro Realismo máxico. Post expresionismo, editado en alemán en 1925 e traducido para o castelán en 1927 pola Revista de Occidente. No caso do noso artista estes ecos van ser moi intensos na súa obra. En común co realismo máxico a pintura de Francisco Miguel manifesta unha evidente ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Esta ligazón co maxicismo, e con Franz Roh, xa foi sinalada en 1959 por Luís Seoane na audición radial «Galicia Emigrante» en Bos Aires.
A finais de 1933 Syra e Francisco Miguel marchan de México e viven en Madrid en 1934. En 1935 regresan a Galicia, onde será asasinado polos sublevados fascistas e onde o seu labor pasará a ser practicamente descoñecido até datas ben recentes. Unha mostra en 1999; a publicación dos Diarios de Syra Alonso (A Nosa Terra, 2000) e a presenza na novela de Manuel Rivas O lapis do carpintetiro (1998) supuxeron a recuperación da súa memoria mais a súa obra segue a estar aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional das décadas dos vinte e trinta do pasado século.
Bibliografía
Alonso, Syra (2000): Diarios. Tradución de Anxos Sumai. Vigo: A Nosa Terra.
Bernárdez, Carlos L. (2023): Unha historia da arte galega. Santiago de Compostela: Laiovento.
Bernárdez, Carlos L. (2025): Un contexto para a arte galega de entreguerras, da República ao exilio. A Coruña: Real Academia Galega de Belas Artes.
México. Instituto Nacional de Bellas Artes (1999): Entre vanguardias: Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897-1936). México: Instituto Nacional de Bellas Artes, Consejo Nacional para la Cultura y las Artes; Museo Casa Estudio Diego Rivera y Frida Kahlo.
Molina, César Antonio (1984): La revista Alfar
y la prensa literaria de su época (1920-1930). A Coruña: Nós.
Paz, M.; Clair, J.; González, A. (1997): Realismo mágico. Franz Roh y la pintura europea 1917-36. Valencia: IVAM.
Roh, Franz (1927): Realismo mágico, post expresionismo: Problemas de la pintura europea más reciente. Tradución de Fernando Vela. Madrid, Biblioteca de la Revista de Occidente. Orixinal en alemán: Nach-expressionismus (Magischer Realismus): Probleme der neuesten europäischen Malerei. Leipzig: Kinkardt & Biermann].
Seoane, Luís (1994): Escolma de textos da audición radial de Luís Seoane Galicia Emigrante
. Tradución de Lino Braxe e Xavier Seoane. Sada: Ediciós do Castro.
Usigli, Rodolfo (1967): Voces. Diario de trabajo (1932-1933). México D. F.: Seminario de Cultura Mexicana.
Vidal, Carme: «Xoán Ramón Fernández, fillo do pintor Francisco Miguel e de Syra Alonso: Foi un tempo duro que aínda non din esquecido
», A Nosa Terra, 919 (27 de xaneiro de 2000), 32.
Como citar: Bernárdez, Carlos L. : Francisco Miguel. Publicado o 17/9/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1399. Recuperado o 15/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Crónica sobre o
Salón de Independentes de París, por Francisco Miguel. Ver Documento. ArtigoFrancisco Miguel: «Una visita al
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.35º Salon des Artistes Independents», Alfar: revista de Casa América-Galicia, 38 (marzo de 1934), 32-35.
https://biblioteca.galiciana.gal
Estudo de Francisco Miguel sobre o escultor brasileño Victor Brecheret. Ver Documento. Artigo
Francisco Miguel: «Un escultor brasileño: V. Brecheret», Alfar: revista de Casa América-Galicia, 39 (abril de 1924), 12-14.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Artigo de Francisco Miguel sobre a arte soviética, publicado en Vida. Ver Documento. Artigo
Francisco Miguel: «Del arte ruso, pintura», Vida, 3 (novembro de 1920), 11.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
DOCUMENTACIÓN SOBRE
No discurso de ingreso na Academia Galega de Belas Artes, o académico electo Carlos L. Bernárdez sitúa a obra de Francisco Miguel no contexto de entreguerras, da República ao exilio. Ver Documento
Bernárdez, Carlos L.: Un contexto para a arte galega de entreguerras, da República ao exilio. Discurso de ingreso na Academia Galega de Belas Artes lido no acto da súa Recepción Pública no
Fonte: Real Academia Galega de Belas Artes.
MARCO de Vigo o día 26 de abril de 2025.
Artigo de Conrado J. Arranz sobre Syra Alonso e a súa escrita, no que trata tamén a figura do pintor Francisco Miguel. Ver Documento. Artigo
Arranz Mínguez, Conrado J.: «
Fonte: Moenia. Universidade de Santiago de Compostela.Tres homiñosy otras narraciones desconocidas a la luz de los Diarios y la biografía de Syra Alonso, exiliada gallega en México», Moenia: Revista lucense de lingüistica & literatura, 30 (2024).
DOI: https://doi.org/10.15304/moenia.id10102
María Victoria Carballo Calero escribe sobre as revistas ilustradas, publicadas en Galicia entre 1916 e 1936. Trata no artigo sobre os pintores que colaboraron nelas coas súas ilustración, Francisco Miguel entre eles. Ver Documento. Artigo
Carballo Calero, María Victoria: «La Galicia moderna: revistas ilustradas (1916-1936)», Boletín de arte, Universidade de Málaga, 34 (2013), 55-68. [Número especial de homenaxe a Rosario Camacho Martínez.
Fonte: Universidad de Málaga (UMA) / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es
Introdución de Carlos L. Bernárdez ao catálogo da exposición «Faces do País». Ver Documento. Artigo
Bernárdez, Carlos L. (comisario): Faces do país: o retrato galego da primeira metade do século XX: entre a renovación do estilo e a convención das aparencias. [Catálogo da exposición]. Santiago de Compostela, Pontevedra: Fundación Novacaixagalicia, 2011-2012; 7-83.
Fonte: Centro de Documentación da AELG.
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/
Entrevista de Carme Vidal a Xoán Ramón Fernández, fillo de Syra Alonso e mais do pintor Francisco Miguel. Ver Documento. Artigo
Vidal, Carme: «Xoán Ramón Fernández, fillo do pintor Francisco Miguel e de Syra Alonso:
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega.Foi un tempo duro que aínda non din esquecido», A Nosa Terra, 919 (27 de xaneiro de 2000), 32.
Francisco Miguel figura no catálogo Ismos: arte de vanguardia (1919-1936) en Europa, da galería Guillermo de Osma. Ver Documento. Catálogo de exposición
Freire, Paulo: Ismos: arte de vanguardia (1919-1936) en Europa. Madrid: Guillermo de Osma Galería, 2000; 56 e 64.
Fonte: Galería Guillermo de Osma.
https://guillermodeosma.com
Nova informativa sobre a exposición de Francisco Miguel que se celebra na
Central de Publicaciones, de cidade de México, desde o 23 de outubro ao 6 de novembro de 1933. Tamén se informa do inminente regreso a España do pintor. Ver Documento. Artigo«El pintor español Francisco Miguel...», Todo Magazine, México, 9 (31 de outubro de 1933)
Fonte: Manuel Álvarez Bravo's Archives / UNESCO.
https://manuelalvarezbravo.org
Artigo sobre os batiks de Francisco Miguel na sala de exposicións de Faro de Vigo e que recolle un fragmento do prólogo do catálogo escrito por Eugenio Montes. Ver Documento. Artigo
«Exposición de Francisco Miguel», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 212 (2 de outubro de 1924), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Información sobre a exposición de Francisco Miguel no hotel Atlantic da Coruña, na que emprega a técnica do batik. Ver Documento. Artigo
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
Espazo web de Francisco Miguel no Museo de Belas Artes da Coruña
Fonte: Museo de Belas Artes da Coruña.
https://museobelasartescoruna.xunta.gal
Acceso en liña a Luz: revista semanal ilustrada, da que Francisco Miguel era colaborador.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
A Coruña, 1922
https://biblioteca.galiciana.gal
Acceso en liña á Revista de Casa América-Galicia (A Coruña, 1922-1923), continuada por Alfar: revista de Casa América-Galicia (A Coruña, 1923-1955)
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Acceso en liña á publicación O exilio galego: repertorio biobibliográfico: unha primeira achega. O Congreso Internacional o Exilio Galego: do 24 ó 29 de setembro de 2001.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Publicacións.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001
https://consellodacultura.gal
Francisco Miguel na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Miguel
Entrada biobibliográfica de Syra Alonso no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
https://consellodacultura.gal
«A Francisco Miguel pintor coruñés asasinado polos fascistas no 1936», poema de Miguel Anxo Fernán-Vello publicado na web Memoria do cárcere da Coruña.
Fonte: https://memoriadocarcere.com
(28 de setembro de 2021)
«Diario de Bértoa: A recuperación dun artista galego da vangarda», artigo de Carmela Galego sobre Francisco Miguel e Syra Alonso.
Fonte: Nós Diario.
Nós Diario, (1 de decembro de 2023)
: https://www.nosdiario.gal
«Francisco Miguel, de Bértoa á eternidade», artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en La Voz de Galicia, (23 de setembro de 2023)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«Entre México e Galiza: memoria de Francisco Miguel», artigo de Carlos L. Bernández sobre o pintor asasinado en Bértoa polos fascistas.
Fonte: Faro de Vigo
Faro de Vigo, (15 de marzo de 2018)
Videos
Francisco Miguel, vídeo que fai un percorrido pola obra do pintor, (1 de xullo de 2021)
Fonte: inesvigo / YouTube.com
Carballo lembra ao pintor Francisco Miguel, vídeo da presentación das actividades que realiza o Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística en memoria do pintor Francisco Miguel
Fonte: carballomola / YouTube.com
«Represaliados en Carballo», intevención de Xan Fraga na Xornada sobre Francisco Miguel e memoria histórica
Fonte: carballomola / YouTube.com




















