Concerto

Concerto No bico un cantar 2026

Nenas e nenos cantan á Terra Cha

Data
5 de xuño de 2026
Hora
17:30 h
Lugar
Vilalba
Entrada libre

Brazados de cantares

O encontro musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia que se celebra no abrente do verán desde o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia. O desexo de poñer música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia está na orixe deste evento, que é algo máis que un concerto. Trátase dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá ata o concerto da tarde, gozan do lugar de acollida e da vivencia dunha paixón compartida: a música.

Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos dos máis insignes autores e autoras galegos cobran vida nas voces de máis de catrocentas nenas e nenos procedentes de conservatorios profesionais das cidades galegas e do alumnado dos centros de ensino musical da contorna do lugar de celebración como convidados especiais.

O encontro No bico un cantar chega en 2026 á súa décima edición presencial e será a vila de Vilalba a que nos acolla. Os concertos anteriores tiveron lugar en Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas, Mondoñedo, Betanzos, Tui, Ribadavia e Rianxo e neles foron cantados Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os autores mindonienses, os alalás, os autores da Raia, a Xeración Nós e Castelao.

Neste ano 2026 viaxamos a Vilalba para cantar A Terra Chá, berce de grandes poetas como Darío Xohán Cabana, Xosé Crecente Vega, Xosé María Díaz Castro, Miguel Anxo Fernán Vello, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel María, Margarita Ledo ou Carmiña Prieto Rouco. Tamén debemos lembrar a procedencia chairega de tres dos máis destacados narradores da chamada Xeración Lamote, que deu pulo á Literatura Infantil e Xuvenil galega: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Paco Martín, que, malia nacer en Lugo, ten unha estreita relación coa bisbarra grazas ao seu marabilloso libro Das cousas de Ramón Lamote, protagonizado por un profesor de chairego e debuxante de soños por encargo.

Con estes vimbios non era difícil elaborar un programa musical, a pesar de que Manuel María moito insistise en que «non canta na Chá ninguén». Así, no seu discurso de entrada na Real Academia Galega en 2003, lido precisamente no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, lémbranos o silencio como característica principal da paisaxe chairega, tal e como recolleu en 1955 Río Barja: «[...] a Terra Chá non é campo de canciós; aquí o silencio, case cósmico, envolve tódolos seus contornos. É verdade que o cantar agroma ás veces aquí e aló, alegrando a campía; mais non é un motivo constante e o mesmo cancioneiro popular reflicte esa falta, pois ademáis de escaso é case sempre importado doutras bisbarras de Galicia». Este silencio de bidueiros, codesos, salgueiros, brañas, xestas, paspallás, corvos e regatos foi aloumiñado polos versos de poetas que cantaron a súa beleza calada e nos proporcionaron un repertorio que permitirá encher o ar coas voces de nenos e nenas procedentes de toda Galicia. A «María Balteira», señora do sol, de Darío Xohán Cabana; o melódico canto de «O carro» e a cinta de seda do «Caracol» de Manuel María; o «Dicir do namorado» de Crecente Vega e a luminosidade do «Maio longo» de Rosalía de Castro converterán o silencio en música, un himno que se espallará pola chaira coa dozura das aves que a sucan.

No ano 1968 Manuel María publicou Os soños na gaiola, un poemario infantil que inclúe unha carta dedicada aos nenos. Di así:

Queridos nenos:
Un servidor, que xa ten canas e un gran bigote que lle comeza a pesar, vai para vello. Nas súas horas de soidade lembra a súa distante infancia campesiña. Desas lembranzas foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando ele era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher en parte, ese oco. Perdoádeme se non acertei.
E moitas grazas a vós, a todos os nenos: cando escribín estes poemas volvín de novo á miña infancia. E coa afastada música da miña infancia, que ía durmida dentro de min e que despertou de novo, compuxen estes versos. Que sexan do voso agrado.
Voso amigo sempre, Manuel María.


Eran tempos en que faltaban versos e historias dedicadas á rapazada e moitos autores e autoras, en particular chairegos, contribuíron coas súas palabras á formación dun corpus literario dirixido á xente miúda. Porque precisabamos na nosa lingua persoas creadoras de fantasía, nomeadoras do mundo, inventoras de soños.
Para ler.
Para cantar.
E así foi.
A súa semente prendeu en terra fértil.
O poeta nacido en Abadín Aquilino Iglesia Alvariño pregoaba (en hendecasílabo, por suposto, a métrica que seica mellor acae á loanza da paisaxe chairega):

¡Que ben cantan de volta da esfollada
os mozos de Duarría e de Ansemare,
na Terra Chá, lanzal de abedoeiras,
leda de ríos calmos coma sono!

Non só os mozos de Duarría e de Ansemare cantan esta tarde. Á rapazada chairega únense nenas e nenos de todos os recunchos de Galicia para poñer banda sonora a esta paisaxe de beleza singular.

Porque, como Manuel María anunciou:

E no medio dos trigos --¡ouh milagre!-- nacerán brazados de cantares.

Gocen do concerto.

5 de xuño de 2026

17:30 h
Vilalba

Escalinata da rúa das Pedreiras (ao carón do Auditorio Carmen Estévez)
Google Maps.

Programa

1
Dúas pezas renacentistas
G. Farnaby - A. Holborne (arr. J. Glasel - E. Howarth)
2
María Balteira
Letra: Darío Xohán Cabana
Música: Xosé Luís Rivas (Mini)
3
O carro
Letra: Manuel María
Música: Fuxan os Ventos
4
Caracol
Letra: Manuel María
Música: Margarita Viso
5
Fanfarria Rhaptosodya n.º 1
P. Dukas - J. Viceiro
6
Dicir do namorado
Letra: Xosé Crecente Vega
Música: Paulino Pereiro
7
Maio longo
Letra: Rosalía de Castro
Música: José Baldomir

Textos

MARÍA BALTEIRA
María Balteira,
señora do sol,
onde van os tempos
de arelas de amor.

Onde van os tempos,
u-los días son
dos pinchacarneiros
nos prados en flor.

Señora da saia leda
e do refaixo garzón,
u-las gaitas cantadoras
de bailar arroutador.

Señora percorredora
dos camiños da nación,
ulas as harpas bringuelas
coma paxaros de amor.

Señora desvergonzada,
digna de todo louvor,
u-los reis e cabaleiros
que che andaban ó redor.

Os camiños dos xograres
xa son camiños de dor,
e non resoa nas feiras
a túa leda canción.

Xa non se escoitan na terra
as coplas do seu louvor,
e os amenceres son tristes,
e harpas non hai no solpor.

A pedra fría te cobre
no último sono traidor,
e talvez sobre ti medra
malva de tristeira cor.

Os teus amigos son cinza
e o teu sorrir é remol,
os teus camiños cegaron
e os teus amores son po.

Mais a túa lingua de carne
pervive na nosa voz,
e algún día escoitaremos
o cantar do reiseñor.

Paxaro que canta á noite
antes que saia o albor
cantigas de tempo novo
pra unha Compostela en flor.

María Balteira,
señora do amor,
han chegar os tempos
do abrente do sol.


Darío Xohán Cabana (1992): Recolleita, Santiago de Compostela. (Biblioteca 114 de El Correo Gallego). Aínda que esta colectánea saíu á luz no ano 1992, a sección da que forma parte este poema, «Pedras de gozo e pranto», aparece datada en 1979-1981.

*** 

O CARRO

Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita prá casa!

Manuel María (1954): Terra Chá. Editorial Celta.

CARACOL

Caracol, col, col,
caracol caracoleiro,
pon os teus cornos ao sol
xa que es tan frioleiro!

Ao lombo levas a casa,
caracol caracoleiro,
e deixas cintas de seda
engalanando o carreiro!

Caracol, col, col,
caracol caracolón,
pon os teus cornos ao sol,
ao sol os teus cornos pon!

Manuel María (1968): Os soños na gaiola. Autoedición.

DICIR DO NAMORADO

Eu quero ser muiñeiro pra deitar
o meu muíño no teu fol decote;
ser remeiro e levarte no meu bote;
ser trobeiro e cantarche o meu cantar.

¡Que ben ser eu grilo grilador
e ti o sol quentiño que o rechama!
¡Ser eu o paxariño e ti a rama!
¡Ser eu a avelaíña e ti a flor!

Xa fixen pazo para ti, raíña;
fixen unha casiña ás Teixoeiras,
que ha de ser a túa casa e maila miña.

I alí os nosos neniños brincarán.
E eu sementarei as nosas leiras.
E ti amasara-lo noso pan.

Xosé Crecente Vega (2002): Folla Bricia. Poesía galega completa.

As letras

Darío Xoán Cabana

Darío Xoán Cabana

Darío Xohán Cabana Yanes é un dos grandes autores das letras galegas contemporáneas. O escritor e tradutor, nado en Roás (Cospeito) no ano 1952, cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto como ao máis novo, entre os que salientan obras como Galván en Saor, un dos maiores éxitos da literatura galega das últimas décadas, e poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte. O fondo compromiso coa lingua e a identidade cultural e política galegas atravesa unha produción creativa que arrincou no eido da poesía co guieiro de Manuel María, cuxa cadeira na Real Academia Galega ocupou no ano 2006.
Darío Xohán Cabana sempre tivo presentes as súas raíces e tanto o seu pensamento político como o seu lugar no mundo, A Terra Chá, deixaron unha importante pegada na súa obra. No ano 1970 publicou o seu primeiro libro de versos, Home e terra, ao que seguiron Verbas a un irmao e Romanceiro da Terra Chá, poemarios aos que co paso dos anos se unirían moitos máis ata Cabalgada na brétema.
Malia sentirse ante todo poeta, desde finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, eido en que tamén mereceu distintos galardóns e no que debemos destacar os títulos Galván en Saor, Fortunato de Trasmudi, O cervo e a torre ou Morte de rei. Nos anos 90 comezou tamén a publicar obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, como O avión de Cangas, O milagre das estrelas ou O castrón de ouro. Destaca, ademais, como tradutor dos clásicos da literatura italiana, coas versións galegas do Cancioneiro de Petrarca e, en 1991, de A divina comedia de Dante. Tamén cultivou, aínda que en menor medida, o ensaio e o xénero divulgativo.
Foi membro da Real Academia Galega e finou en Romeán en 2021.
Fonte: A partir da información da Real Academia Galega.
Manuel María

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse para estudar o bacharelato a Lugo, onde comezou a súa precoz carreira literaria e coñeceu os integrantes do faladoiro do café Méndez Núñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...), que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada «Escola da Tebra».
En 1958 instalouse en Monforte como procurador dos tribunais e, ao ano seguinte, casou con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participou na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atendeu os chamamentos e peticións que lle chegaban de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolucionou cara a unha poesía que rompe, tanto no aspecto formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social; en definitiva, co seu pobo.
Autor dunha das obras máis extensas da historia da nosa literatura, que practicamente acada os cen títulos, Manuel María foi, sobre todo, poeta. Dedicou a metade da súa obra á poesía, mais cultivou tamén os campos do ensaio, a obra dramática e a narrativa. Para a rapazada salientan obras como Cando o mar foi polo río, Os soños na gaiola, O bigote de Mimí, As rúas do vento ceibe e Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos.
Manuel María faleceu na Coruña o 8 de setembro de 2004.
Fonte: A partir da información da AELG
Xose Ramón Crecente Vega

Xose Ramón Crecente Vega

Xosé Ramón Crecente Vega naceu en Outeiro (Castro de Rei) en 1896. Fillo de labregos e segundo de seis irmáns, aprendeu as primeiras letras na súa parroquia natal e a súa infancia transcorreu á beira do Miño. Con catorce anos trasladouse a Mondoñedo para comezar os seus estudos no vello Seminario Conciliar de Santa Catarina e alí interesouse pola lingua de Cicerón, da man do latinista Xosé María Chao García. Logo de estudar latín, filosofía e teoloxía no Seminario, en 1920 foi nomeado coadxutor de Santa Rita de Xuvia e San Xiao de Narón e, tres anos despois, tomou posesión como párroco desta última vila. Durante a súa estadía en Narón, Crecente Vega fixo o bacharelato e licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid, onde foi nomeado profesor do instituto Ramiro de Maeztu. Logo exerceu como catedrático de Latín no Instituto de Antequera (Málaga) e, posteriormente, nun centro de ensino secundario de Segovia, onde desempeñou o cargo de director ata a súa morte en 1948.
O único poemario galego da súa autoría, Codeseira, saíu da imprenta en 1933. A segunda edición do volume, cun prólogo de Xosé Trapero Pardo, tardaría trinta e dous anos en publicarse. A obra sería reeditada polo Seminario de Mondoñedo na revista Amencer no ano 1996, coincidindo co centenario do nacemento do poeta. Ricardo Polín dá ao prelo no ano 2002 Folla Bricia. Poesía galega completa de Xosé Crecente Vega, que inclúe un importante estudo da súa obra.
Cumprindo o desexo do escritor de xacer na súa terra, en 1998 os seus restos foron trasladados ao cemiterio parroquial de Santa María de Outeiro.
Fonte: A partir da información da Biblioteca Virtual Galega.
Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender, desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga, as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e tamén en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe…, á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
En prosa e en verso, en galego e en castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas («Lieders» e «Las literatas»), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do Romanticismo como os do Realismo, a escritora tratou como poucos algúns dos conflitos dialécticos da súa época e as profundidades abisais da subxectividade do eu. Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse o libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: A partir da información da Fundación Rosalía de Castro.
Xose Ramón Crecente Vega

Xose Ramón Crecente Vega

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender, desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga, as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e tamén en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe…, á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
En prosa e en verso, en galego e en castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas («Lieders» e «Las literatas»), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do Romanticismo como os do Realismo, a escritora tratou como poucos algúns dos conflitos dialécticos da súa época e as profundidades abisais da subxectividade do eu. Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse o libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: A partir da información da Fundación Rosalía de Castro.

As composicións

Xosé Luís Rivas (Mini)

Xosé Luís Rivas (Mini)

Xosé Luís Rivas (Mini), nacido en San Martiño de Pacios (Begonte) en 1951, exerceu de mestre de primaria, recompilador de folclore, cantautor, compositor, adaptador de cancións galegas e compoñente primeiro do grupo Fuxan os Ventos e logo de A Quenlla.

Ten editados trece discos cos grupos xa citados. Creou a música para os vídeos: Historia da lingua, Os señores da palabra, 70 anos de nacionalismo, Memoria de rosas e Longa noite de pedra. Con Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), A carón da escola (traballo de recompilación de folclore de Nadal), Cantares de cego I e Cantares de cego II (recompilación de cantares de cego), Contos de vellos pra nenos (recompilación de contos tradicionais) e Somos lenda viva (recompilación de lendas tradicionais).

En 2006 Mini e Mero, fundadores de Fuxan os Ventos e A Quenlla, reciben unha homenaxe no marco da Festa das Letras de Ponteceso. No ano 2009 obtiveron o Pedrón de Ouro polo seu traballo a prol da música e da cultura de Galicia e en 2011 o Premio Ramón Piñeiro «Facer País», instituído nas terras de Láncara.

Fonte: A partir da información da Biblioteca Virtual Egeria.
Fuxan os ventos

Fuxan os ventos

Fuxan os Ventos naceu en 1972, ano en que se fai co primeiro premio do Festival das San Lucas de Mondoñedo coa canción que lles dá nome. Así comezou todo: «Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia, aínda está de pé». Unha fonte abondosa de alegría, de vitalidade e de esperanza. A cantiga convertida en defensa no presente e en arma de futuro. Aquel foi o punto de partida dun proxecto que percorreu todos os recunchos de Galicia coa súa música folk e a súa mensaxe. Os versos musicados de «Non canta na Chá ninguén...», «Se os nosos soños son iguales, como un irmau che falo» ou «Sementar, sementarei...» forman parte xa da banda sonora dun país, transmitida de xeración en xeración en vinilos, casetes, compactos e agora plataformas dixitais. Con medio século de vida ás costas, nove traballos discográficos publicados desde 1976 e, logo de converter parte dos seus temas en verdadeiros himnos, podemos afirmar que estamos ante unha das formacións máis emblemáticas de Galicia.
Di deles o poeta Darío Xoán Cabana: «Fuxan os Ventos foi un acontecemento novo e dunha importancia enorme. Tivo unha actuación intensísima e chegou a milleiros e milleiros e milleiros de persoas. É un grupo esencial, e cando todo estaba, coma quen di, empezando, nos tempos heroicos da canción galega, foi realmente un dos fitos máis máis grandes da nosa historia cultural».
Fonte: A partir da información da web de Fuxan os Ventos.
Margarita Viso (A Coruña, 1957)

Margarita Viso (A Coruña, 1957)

Realiza estudos no Conservatorio da Coruña: de piano con Jeannette Romero, de canto con María Luisa Nache e de harmonía e contrapunto con Roxelio Groba. Posteriormente amplíaos por libre con Carlos López García-Picos (composición), Edith Picht-Axenfeld e Noemí Novara (piano). A súa actividade musical abrangue diversos campos: musicoloxía, interpretación, composición, docencia e edición. Desenvolve a súa actividade interpretativa como pianista sempre ao servizo da música galega.

Leva a cabo diversos traballos de investigación sobre os compositores galegos do pasado. Neste eido salientan as Mélodies pour chant et piano. Cantares Viejos y Nuevos de Galicia de Marcial del Adalid e a ópera Inés e Bianca, do mesmo autor, en colaboración con Juan Durán. Ademais, fixo para o Consello da Cultura Galega as edicións de Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez e Nas ás do canto. Música e identidade no Rexurdimento (xunto a Xurxo Martínez González) e participou coas súas composicións nos volumes colectivos Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro e Dezaseis cancións para voz e piano.

É autora de diversas composicións principalmente dedicadas á voz e piano (Ausencias, Os soños na gaiola, Five English Art Songs) e á música de cámara (Troubled, Little suite, Nilal, Cúmulo, Elexía, Scherzo e Muiñeira). Profesora por oposición de Solfexo e Teoría da Música desde o ano 1986 e pianista acompañante desde o ano 1998, exerceu o seu labor docente no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Crea en 1997 a editorial VISO, dedicada á música de compositores galegos ou relacionados con Galicia (Adalid, Torres, Smith, Berea, Piñeiro, Pereiro, Durán, Almeida, Chané, Paredes, Viso), que leva publicados máis de 50 títulos.

Premio da Crítica de Galicia 2020 pola súa traxectoria musical, foi presidenta da Asociación Galega de Compositores.

No concerto No bico un cantar que se realizou en Cambados no ano 2015 tivo lugar a estrea absoluta da súa partitura Fala a laverca, con letra de Ramón Cabanillas, o autor homenaxeado nesa edición.

Fonte: A partir da información de www.consellodacultura.gal
Paulino Pereiro (A Coruña, 1957)

Paulino Pereiro (A Coruña, 1957)

Compositor de música sinfónica e de cámara, teatral e cinematográfica, cun amplo catálogo que consta na actualidade de 345 obras. A súa música interprétase, á parte de en Galicia, en diferentes países (Francia, Inglaterra, Suíza, Italia, Suecia, Holanda, Albania, O Brasil, Colombia, Os Estados Unidos, O Xapón). Participou na creación da Asociación Galega de Compositores, da que formou parte da directiva desde a súa fundación e da que tamén foi presidente.

Como especialista sobre temas musicais, impartiu cursos para profesorado, presentou relatorios e publicou artigos de prensa. Recibiu dúas bolsas de creación musical da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia para a composición das obras SÓS (para barítono e orquestra) e Poema cíclico (para mezzosoprano e cuarteto de corda) sobre textos de Luísa Villalta. Recibiu o encargo da Universidade de Santiago de Compostela para a composición da obra orquestral Resplandores do siléncio son as sombras, estreada en Compostela pola Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Participou en varias ocasións nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela.

Como compositor de música escénica realizou, entre outros, os seguintes traballos: O barbeiro de Sevilla. Op. 65 (gravada en CD pola OSG dirixida por Alejandro Posada, finalista do premio María Casares), Cyrano de Bergerac. Op. 72 (gravada en CD pola OSG dirixida por Alejandro Posada, finalista do premio María Casares) e Novo de Parmuíde. Op. 25 (música para a longametraxe homónima de Roberto Vidal Bolaño sobre un relato breve de Cunqueiro). Estreou varias obras sinfónicas, entre as que salientan: Sinfonía nº 1, «Paisaxes imaxinárias». Op. 62 (estreada pola OSG dirixida por Antoni Wit), O inferno de Dante. Op. 61 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Antoni Ros Marbà), Orfeo e Dionisos. Op. 67 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Maximino Zumalave), Pequena suite para orquestra de corda. Op. 18 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Joám Trillo), Vestimos as luvas á nosa alma. Op. 55 (elexía para Antón Avilés de Taramancos, estreada pola Real Filharmonía dirixida por Maximino Zumalave), Ceo. Op. 54 (estreada pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Eiji Oue) e Sagarmatha. Op. 185 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Paul Daniels).

Do seu amplo catálogo de música de cámara viron a luz obras para formacións diversas, interpretadas, entre outros, por Antoni Besses (Variacións Beiras. Op. 48, gravadas en CD), Herre-Jan Stegenga, Florian Vlashi, David Ethève, Tatiana Prezevalskaia, Antonio Arias, José Luis Evangelista, Taller de Música do CGAC, Trío Quantz, Cuarteto Telemann, Shostakovich Ensemble, Taller de Canto do Orfeón Terra a Nosa, Javier Vázquez Grela, María José Ladra, o pianista Jean Pierre Dupuy (que interpretou na BBC a súa obra Atlante. Op. 5), Enmanuel Ferrer, Quinteto de Metais Santa Cecilia, Grupo Instrumental Siglo XX, o cuarteto de violonchelos Chelicia, Untía etc. Realizou a sintonía para a entrega dos Premios de Teatro María Casares. Publicou obras didácticas de música para o ensino medio (Música 3º ESO) e para os conservatorios: Caderno de melodías populares. Op. 60, Melodías paisanas. Op. 90 e Cancións de aquí e acolá. Op. 71 (con gravación en CD).

Membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, é autor dunha ampla obra que abrangue ensaio, teatro, novela, relato curto, poesía e tradución.

Fonte: A partir da información facilitada polo autor.
José Baldomir Rodríguez

José Baldomir Rodríguez

Nado na Coruña (1867-1947), este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino e mais da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros, así como dos coros e a orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906 iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes da Coruña (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), na que ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano.

Entre as súas composicións salientan a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto —adaptado por Cabanillas— da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas, e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano como na de coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

O Consello da Cultura Galega publicou a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.

Fonte: A partir da información da Gran Enciclopedia Galega.
Juan Durán

Juan Durán

Está considerado pola crítica e polo público como o máis importante compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional. No seu catálogo a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais de con infinidade de arranxos e orquestracións de música popular galega.

Escribiu obras encargadas polas dúas grandes orquestras galegas, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, así como polo Consello da Cultura Galega, a Fundación BBVA ou a Orquesta de la Comunidad de Madrid, coa que estreou as súas obras Cervantina ou a cantata Crisol.

É autor de O arame (2008), a primeira ópera galega en máis de oitenta anos e que se chegou a estrear no Reino Unido. A obra sinfónica e sinfónico-coral de Durán inclúe, entre outras, Pórtico da Illa de Monteagudo, o ballet Hildegart, Terra. Cantata para solista, coro e orquestra e Caderno de bitácora de Valentín Paz-Andrade, estas dúas últimas publicadas polo Consello da Cultura Galega. Tamén participou nas obras editadas por esta institución Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro e Dezaseis cancións para voz e piano.

As súas obras soan con frecuencia por todo o mundo, desde Europa e Os Estados Unidos ata diversos países de América do Sur (A Arxentina, O Brasil, Chile, México), pasando por Hong Kong e Tailandia, e baixo a dirección de grandes batutas do noso tempo, como as de Osmo Vanska, Juanjo Mena, Paul Daniel, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Víctor Pablo Pérez e Antoni Ros Marbà, entre outros moitos.

Nomes como os de Elina Garança, Cristina Gallardo-Domâs ou Isabel Rey ou mesmo o Orfeón Donostiarra cantaron moitas das súas creacións vocais, mentres que a súa música de cámara, sinfónica e vocal foi levada ao mundo do disco en selos discográficos como Brilliant Classics ou Deutsche Grammophon.

Entre outros premios, conta co Premio da Crítica (2009), o Premio da Cultura Galega (2013) e o Premio Reina Sofía de Composición (2018).

Juan Durán foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña entre 1987 e 1997, inspector de Educación —na especialidade de Ensinanzas Artísticas— e membro do Consello da Cultura Galega. Na actualidade é académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes e académico correspondente da M. I. Academia de la Música Valenciana.

O director

Maximino Zumalave

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Eliot Gardiner e Helmuth Rilling. Foi fundador e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, e fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum. Tamén foi director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995). Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Gheorghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, C. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Johnson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial foi a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións estranxeiras e españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny ou Villa Rojo, e coidou especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, e entre 2014 e 2018 formou parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música. Dirixe o concerto No bico un cantar desde os seus inicios.

Os intérpretes

Hércules Brass

Hércules Brass

Hércules Brass naceu na Coruña no ano 2012 e está formado por cinco profesionais de vento metal cunha longa traxectoria tocando xuntos, principalmente na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE).

Nos seus comezos, Hércules Brass foi finalista no 8th International Jan Koetsier Competition for Brass Quintet e semifinalista no 8ème Concours International de Musique de Chambre de Lyon. Ademais, obtivo o primeiro premio no IV Concurs de Quintets de Vent-Metall «Valeriano Machi i Esparza» e no eMuse Online Music Competition de 2014. Tivo a oportunidade de estrear obras de compositores como Juan Durán, Xoán Antón Vázquez Casas, Fernando Arias ou David Rivas, e o seu repertorio abrangue diversos estilos, desde a música medieval ata o swing.

Na súa traxectoria actuou en Portugal, Suíza, Costa Rica, Asturias, Castela e León, Estremadura, Valencia, Cataluña, Madrid ou País Vasco, así como en multitude de localidades galegas. Destaca a súa participación en festivais como o do 30.º aniversario da JONDE, o Festival Spanish Brass Alzira, o Festival Ticino Musica, o Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, o Festival Groba, o Festival Son As Pontes e o Festival Bal y Gay. Tamén participou pondo a súa música en multitude de eventos organizados por diversas institucións, entre os que resaltan o proxecto No bico un cantar, do Consello da Cultura Galega, os seus concertos pedagóxicos co espectáculo Os SuperHércules e a súa participación como protagonista dunha das emisións do programa Música joven, en Radio Clásica da RTVE. Como solistas tocaron coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Santiago, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda Municipal da Coruña e a Orquestra Sinfónica de Galicia, coa que estrearon o espectáculo Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima. Como quinteto impartiron cursos en Costa Rica, Valencia e Asturias, así como en diversos concellos galegos.

Desde agosto de 2014 organizan o Festival Hércules Brass Celanova, ao que convidan a grandes artistas do panorama internacional para compartir, cos máis novos e co público en xeral, xornadas con clases maxistrais e concertos dun alto valor artístico. No ano 2018 publicaron o CD Le quintet dans la poche e o 31 de decembro de 2020 participaron no acto de apertura da Porta Santa que deu inicio ao Xacobeo 2021-2022 na catedral de Santiago. Acompañan musicalmente o encontro No bico un cantar desde os seus inicios.

Os intérpretes nesta ocasión son Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño Salgado (trompeta), Javier González Borrajo (trompa), Xulio Varela Carballeira (trompa), Iago Ríos Martínez (trombón) e José Luis Vázquez Vidal (tuba).

As voces

Conservatorios de Música

Conservatorios de Música

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos seguintes centros: CMUS Profesional da Coruña, CMUS Profesional Xan Viaño de Ferrol, CMUS Profesional Xoán Montes de Lugo, CMUS Profesional de Ourense, CMUS Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS Profesional de Santiago de Compostela, CMUS Profesional de Vilalba, Escolas de Música municipais (ESMU) de Begonte, Outeiro de Rei, O Pallarego de Mondoñedo, Rábade, Ribadeo e Xove, Consorcio para a Promoción da Música (Coro Infantil OSG) e Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela.

A mantedora

Rosa Aneiros

Rosa Aneiros

Rosa Aneiros (Meirás, Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser, á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, Premio Arcebispo San Clemente 2003), O xardín da media lúa (2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), Sol de Inverno (Xerais, 2009, Premio Xerais de Novela 2009 e Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de Adultos 2009), Sibila (Xerais, 2022) e A noite das cebolas (Xerais, 2024).

Para público mozo publicou Ás de bolboreta (Xerais, 2009, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2009 e Premio The White Ravens da Internationale Jugendbibliothek 2010), así como a triloxía que narra a intrépida viaxe de Leo A., un periplo por distintas cidades do mundo que lle permite descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Esta triloxía, integrada polos títulos Ámote Leo A. Destino xalundes (Xerais, 2013), Ámote Leo A. Estación de tránsito (Xerais, 2014) e Ámote Leo A. Terminal de chegadas (Xerais, 2014), foi galardoada co Premio Libro do Ano Infantil e Xuvenil 2013, outorgado pola Federación de Librarías de Galicia.

Nos últimos anos publicou tamén en Edicións Xerais de Galicia os libros infantís A batalla da pequena Chañan Curi Coca, Orestes perde o sentido!, Tres bichicomas, dúas illas e unha serea (Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil para a igualdade 2018), Xelís, o guieiro das botellas de mar (Premio Merlín de Literatura Infantil 2019), Catro plumas de dinosauro (2022) e Faísca, a nena neandertal (2024). En 2024 gañou o Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil coa novela Unha historia de amor coma outra calquera (Editorial Galaxia, 2025). Esta obra foi tamén recoñecida co Premio Follas Novas do Libro Galego á mellor obra xuvenil do ano 2025.

ORGANIZAN

Consello da Cultura Galega
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia



COLABORA

Concello de Vilalba

AGRADECEMENTOS

CMUS Profesional da Coruña
CMUS Profesional Xan Viaño de Ferrol
CMUS Profesional Xoán Montes de Lugo
CMUS Profesional de Ourense
CMUS Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra
CMUS Profesional de Santiago de Compostela
CMUS Profesional de Vilalba
ESMU de Begonte
ESMU de Outeiro de Rei
ESMU O Pallarego de Mondoñedo
ESMU de Rábade
ESMU de Ribadeo
ESMU de Xove
Consorcio para a Promoción da Música (Coro Infantil OSG)
Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela