Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos
Ferreirela de Baxo, Asturias, 17/ 10/1749 - Ribadeo, Lugo, Galicia, 2/2/1809Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Creador dos primeiros altos fornos da Península e dunha fábrica de louza na parroquia de Santiago de Sargadelos
Fulgor e morte de Ibáñez
Fillo dun fidalgo ilustrado e pobre, escribán de número e algo así como secretario municipal con funcións notariais en Santalla, Antonio Raimundo Ibáñez Gastón y Valdés naceu en 1749 na aldea de Ferreirela, nos Oscos asturianos, unha terra culturalmente galega na que Ribadeo exercía como centro comercial de toda esta comarca da desembocadura do Eo. En 1767 instalouse en Ribadeo como aprendiz do negocio comercial da casa de Guimarán, rexentado por don Bernardo Rodríguez Arango y Mon, a quen Ibáñez sucedeu como apoderado dos seus descendentes, o que lle serviu de aprendizaxe nas técnicas mercantís, na toma de contacto con almacenistas e casas de xiro e banca que operaban en Ribadeo, e no coñecemento dos mercados. Metido xa de cheo nos negocios de importación, en 1773 trasladouse a Cádiz para cobrar unhas rendas que alí se lle debían á casa de Guimarán. Recuperada a débeda, sen contar co consentimento dos propietarios, investiu os 12 000 pesos nunha importante partida de aceite de oliva que fretou enteira para Ribadeo, onde a vendeu con grandes beneficios. Devolveulle o capital aos seus propietarios, que desaprobaron a aventura, e decidiu independizarse e iniciar en solitario a súa biografía empresarial. Comprou millo nas Rías Baixas para vendelo na comarca do Eo, importou viño, augardente e liño do Báltico, que logo, convertido en lenzos, expendía para toda España. E como unha gran parte das ganancias se lle ía nos transportes tamén se fixo armador.
Ademais, para darlle máis pulo ao seu ímpeto comercial, de 1784 a 1795 Ibáñez formou parte dunha sociedade mercantil con Xosé Andrés García, comerciante de orixe rioxana establecido en Santiago e Carril, coa que se dedicaron a importar viño de Rusia, ferro e aceiro de Suecia, potes de Bordeos e bacallau de Terranova, que lles reportou moi cuantiosos beneficios. E dentro desa liña de diversificación nos negocios, xuntos participaron en diversas sociedades, como na Compañía de Seguros Marítimos e Terrestres, con sede en Madrid, e na Real Compañía Marítima, polo que conseguiu licenza para pescar nas costas austrais lobos mariños e baleas con destino ao curado, salgado e elaboración de graxa, e na Compañía da Veiga de Ribadeo, que centraba as súas operacións na importación e distribución de material destinado ás ferrerías e fraguas locais.
Siderurxia
O seguinte paso na traxectoria empresarial de Ibáñez foi a construción da siderurxia de Sargadelos. En 1788, cando aínda non cumprira os 40 anos de idade, solicitou real licenza para edificar unha fábrica de potes de ferro ao estilo dos de Bordeos e instalar dúas ferrerías co seu mazo, que non lle foi concedida pola oposición que mostraron certos grupos rendistas, fidalgos da comarca e reitores parroquiais, apoiados polo comisario de Mariña de Viveiro, bispo de Mondoñedo e o síndico do Alfoz do Valadouro, que fixeron canto puideron para impedir que a fábrica funcionase, pois vían nela unha ameaza para a organización tradicional da sociedade medieval, marcada polo atraso e pola ausencia de calquera ocupación que non fose a agricultura de subsistencia. Porén, Ibáñez, que sempre amosou vontade de ferro para superar as dificultades, trasladouse a Madrid, onde frecuentaba os círculos políticos da Ilustración e contaba co valemento de Manuel Godoy, Gaspar Melchor de Jovellanos e Pedro de Campomanes, e o 5 de febreiro de 1791 conseguiu a Real Célula para erixir a fundición de Sargadelos.
En agosto do mesmo ano comezaron as obras. Da construción do alto forno encargouse o enxeñeiro suízo Francisco Ignacio Richter, que preparou obreiros da comarca e trouxo persoal especializado de Cataluña, Biscaia, Francia e Inglaterra. Ao cabo de tres anos o alto forno, utilizando os criadeiros de ferro, as terras refractarias e a riqueza fragueira carbonizable da comarca, comezaban a fundir o ferro colado para potes, pero o que non resultaba predicible naquel momento era que a España borbónica de Carlos IV entrase en guerra contra a Convención Nacional Francesa en 1793 e contra Inglaterra en 1796, o que provocou que ante a destrución ou incapacidade das fundicións de Orbaiceta, Muga, Liérganes e La Cavada de satisfacer a demanda artilleira, a Coroa intentase adquirirlle a Ibáñez a súa factoría. Este rexeitou a oferta, pero estableceu un sistema de produción baixo contratas con Facenda, que se formalizaron en 1795 coa conseguinte reorientación para a produción de municións de guerra na fundición de Sargadelos. Durante 45 anos o establecemento fabricou case exclusivamente municións para o exército, polo que foi distinguida co honorífico título de Real Fábrica, pero ademais de munición tamén seguiron producindo potes, cociñas económicas, caldeiros, cazarolas, tixolas, pranchas, paraugueiros e obxectos ornamentais coma os lugueses balcóns do Seminario e o grupo escultórico para a Praza Maior, que lle proporcionou unha seguridade e liquidez económica que, segundo os cálculos de Xoán Carmona, entre 1795 e 1807 superou uns beneficios medios anuais próximos ao 22% e proporcionou traballo continuo a uns 350 homes.
No momento en que maior era a demanda de munición, os labregos das xurisdicións inmediatas viron reducidos a catro os meses nos que podían cortar madeira e sempre previa petición de licenza, que Ibáñez autorizaba ou non en función do pedido, e tamén quedaron obrigados a concorrer con bois e carros para facer os carretos do mineral e do carbón desde o monte á fábrica, así como as pezas e munición ata os portos de saída. Ante esta situación que consideraban abusiva, os xustizas da xurisdición de San Cibrán, Valadouro, Burela e Viveiro, temerosos de que a actividade fabril lles restase brazos aos labores do campo, elevaron unha petición ao Rei para que se
suspendan inmediatamente dichas fábricas y cortas de leña, como perjudiciales y que amenazan la ruina de tantos pueblos y vasallos. Malia as denuncias, Ibáñez incrementou a produción e baixo a escusa dun posible ataque inglés ao porto de San Cibrao conseguiu que un retén de soldados defendese a fundición e logrou unha Real Cédula pola que podía obrigar aos campesiños a carretar o carbón. Os campesiños, aguilloados polos señores que lles aconsellaban non servir de portadores, pretextaban baixos salarios e que polo mal estado dos camiños sufrían moito os carros e os animais e que a distancia ata os portos de saída esixía dúas xornadas de viaxe. Ante esta situación que ameazaba con paralizar todo o complexo produtivo, Ibáñez, co seu talante expeditivo e prepotente, puxo en práctica unhas medidas de moita dureza e castigou con multas ou encarceramento na propia prisión da fábrica aos que se negaban ao acarreo. Este caldo de cultivo favoreceu a estratexia de hostilidade dos señores opostos a calquera proxecto industrializador, que entre 1797 e 1798 organizaron catro levantamentos contra Ibáñez, pero os acontecementos máis graves tiveron lugar o 30 de abril de 1798, cando unhas 4000 persoas de dezasete freguesías
armadas con palos, hoces, hazadones y escopetas, convocados polos sinos das parroquias próximas, dirixíronse ás fábricas, queimaron os foles da fundición, saquearon os talleres e o pazo de Ibáñez e queimaron a leña e o carbón que permanecía no monte. Por esta vez, o futuro Marqués logrou fuxir das gadoupas da ira popular.
Tras a asonada, Ibáñez enguedellouse en interminables procesos xudiciais cos que pretendía desenmascarar os responsables e, malia verse asistido polos mellores avogados, non conseguiu frear que a Real Audiencia e a Xunta do Reino de Galicia, formadas por fidalgos da mesma caste cós indutores, solicitasen do Rei o indulto para os incitadores. Con todo, logrou o amparo real cando a Xunta pretendeu procesalo e arrestalo. Teimoso e de duro carácter, mentres duraban os preitos, Ibáñez coa axuda dunha indemnización polos danos causados, reconstruíu o derribado e agrandou a súa capacidade cun novo forno de reverbero, aumentou o persoal e a produción e fíxose cargo por arrendo da explotación da Real Fábrica de Orbaiceta, en Navarra, que tamén se dedicou a elaborar munición de guerra para o Estado e á fronte da cal puxo ao seu propio xenro, Joaquín Suárez de Villar.
Fábrica de cerámica e asasinato de Ibáñez
En 1804, aproveitando os caolíns de Burela creou unha nova fábrica, a de louza ao estilo inglés, que, entre outras innovacións, introduciu o decorado mecánico.
A Guerra da Independencia sorprendeu a Ibáñez no apoxeo da súa actividade e formando parte da Xunta Patriótica Local de Ribadeo. Para contribuír ao sostemento da guerra contra os invasores franceses, á parte de ter dous fillos enrolados na artillaría, sostivo pola súa conta 10 soldados no exército, subministrou carbón mineral e trigo ás tropas nacionais, regalou cabalerías para o exército, ofreceu as súas fábricas á Artillaría e á Armada e evitou o trato cos franceses, pero esta actitude non lle serviu para atenuar a desconfianza con que o miraban os patriotas de Ribadeo, que o consideraban afrancesado, sobre todo pola amizade que o unía con Godoy. En xaneiro de 1809 unha columna do exército francés ao mando do xeneral Fournier chegou a Ribadeo, conquistou sen dificultade a vila e proclamou a Xosé Bonaparte rei de España. Aínda que Ibáñez non tomou parte deses acontecementos, a Xunta declarouse submisa ao invasor e foi obxecto do odio popular. Mentres a guerrilla popular os fustrigaba nos seus movementos fóra da vila, unha división do exército asturiano comandado polo xeneral Worster entrou en Ribadeo disposto a perseguir aos franceses, que tiveron que retroceder e emprender a retirada cara a Mondoñedo.
O día 2 de febreiro pola mañá, o Marqués saíu da súa casa de Ribadeo para refuxiarse en Sargadelos e, ante tanta confusión, todo fai pensar que os mesmos señores que fallaran o golpe de 1798 darían o definitivo, pois foi derribado do cabalo e asasinárono. E cando as autoridades foron levantar o cadáver atopárono “muerto y despojado de todas sus ropas, hasta de la camisa, con las piernas cabalgadas del macho en que iba a caballo en su escape, que también estaba muerto, apuñalado dicho cadáver y en disposición que causaba horror y debió mover a compasión al corazón más cruel”, segundo se sinala no expediente informativo que se abriu tralo asasinato. Uns frades franciscanos enterrárono en secreto. A vinganza foi consumada ao encarcerar á súa muller, que estaba enferma e morreu aos poucos días, e ás súas fillas, unha das cales toleou. O seu pazo de Ribadeo, actualmente casa do Concello, foi asaltado e saqueado e desapareceron todos os papeis, libros e documentos.
Ademais de membro da Xunta local de Ribadeo constituída aos inicios da Guerra da Independencia, en 1774 Ibáñez fora elixido deputado do común de Ribadeo, en 1794 obtivo o grao de Comisario de Mariña e foi nomeado rexedor do Concello de Ribadeo, en 1805 recibiu a Gran Cruz de Carlos III e foille ofrecida a carteira de Mariña e Ultramar, que non aceptou por preferir seguir dirixindo as súas fábricas, en 1808 Carlos IV concedeulle o título de Conde de Orbaiceta e iniciou os trámites para outorgarlle o de Marqués de Sargadelos.
Sucesión de Ibáñez
Ao morrer Antonio Raimundo Ibáñez fíxose cargo da empresa o seu cuñado, Francisco de Acevedo, persoa de marcado espírito mercantil, que se ocupou da administración ata 1832, ano no que asumiu a dirección da empresa José Ibáñez Acevedo, fillo do fundador e mellorado no testamento dos pais coa obrigación de darlle a lexítima aos seus nove irmáns, que por causa da traxedia familiar vivida desistiu de proseguir os preitos cos veciños, pero demandoulle ao Estado as fortes sumas de diñeiro que lle endebedaban ao seu pai sen conseguir cobralas. Era un home señorial e delicado que en 1835 asociou á empresa cerámica a Antonio Tapia y Piñeiro. Morreu un ano despois deixando tras si unha situación financeira moi difícil, que se encargou de remediar a súa muller, Anita Varela, señora de grande intelixencia, ata que regresou da milicia o seu fillo, tamén José Ibáñez, oficial de artillaría. Pero entre 1840 e 1845 a familia Ibáñez arrenda as fábricas de fundición e louza a un novo empresario, Ramón Francisco Piñeiro, que en 1845 traspasa o arrendo de ambas á sociedade Luís de la Riva e compañía, formada por varios banqueiros galegos, que as explotou con excelente orientación ata 1862. Esta foi a época estelar na produción artística e na vida comercial de Sargadelos, baixo a administración de Ramón Cayetano Ramos e a dirección de Edwin Forester.
Rematado o arrendo a Luís de la Riva retomou a administración a familia Ibáñez e o enxeñeiro de minas Carlos Ibáñez Varela, neto do fundador, logrou que as fábricas funcionasen entre 1870 e 1872. En 1873 formou unha nova sociedade na que entraron os coruñeses Atocha e Morodo, que só durou un par de anos e en 1875 consumouse a ruína. As fábricas pecharon definitivamente e, paseniñamente, foi desaparecendo todo o conxunto arquitectónico. Quedan unicamente en pé a presa e o canal, convertidos en romántico paseo dos namorados, o pazo de Ibáñez e a Casa da Administración, restaurada polo Ministerio de Cultura para sede do Real Padroado de Sargadelos, encargado de protexer o vello complexo que o Laboratorio de Formas de Galicia conseguiu que en 1972 fose declarado Conxunto Histórico Artístico.
Ibáñez e as luces da Ilustración
O Marqués de Sargadelos non foi, en explicación do profesor Pegerto Saavedra, un intelectual, senón un home de acción, pero foi, con todo, un empresario fortemente imbuído do espírito da Ilustración con ambición de reformar a orde do Antigo Réxime e impulsar o crecemento económico. A maioría dos seus biógrafos non dubidan en consideralo un economista ilustrado, que mantiña unha estreita relación cos homes máis eminentes do seu tempo e que puxo en acción as reformas útiles que preconizaban, facendo de Sargadelos un dos núcleos periféricos máis activos da Ilustración española.
Ata o día de hoxe son 14 os artigos da autoría de Ibáñez, uns publicados e outros manuscritos, recuperados por Fuertes Acevedo, J.E.Casariego, A. Meijde Pardo e Joaquín Ocampo Suárez-Valdés, dos que, por ter adquirido máis relevancia, pódense citar: «Discurso sobre la frecuencia de los estragos de las inundaciones en España, su origen, el de haberse atollado en nuestros días la mayor parte de los puertos de mar y otras observaciones», en Memorial literario, instructivo y curioso de la corte de Madrid, 1788; «Carta en respuesta a un caballero de Asturias sobre los recursos de que es susceptible la economía política del comercio de granos en España en los años escasos» e «Segunda carta de economía política sobre libre comercio de granos» ambos publicados en Espíritu de los mejores diarios literarios que se publican en España, en 1789 e 1790 respectivamente; o «Discurso sobre las utilidades de la paz y los perjuicios de la guerra», tamén publicado no Memorial literario..., Madrid, 1795; as catro «Representaciones» sobre a aduana de Ribadeo (1788-1796). Neles examínanse temas coma o libre comercio de grans, a liberalización do comercio de Indias, as medidas fiscais e arancelarias, o pauperismo ou a amortización das terras, etc. O seu pensamento, en opinión de Fausto Dopico,
é sinxelo, pragmático, e non ten unha miga de orixinal, mais amosa sensibilidade verbo das ideas máis avanzadas do seu tempo... E soubo conxuntar unha aceptable formación teórica cunha gran visión comercial e industrial.
Quinta etapa de Sargadelos: Laboratorio de Formas
Historicamente, Sargadelos supuxo para Galicia a aparición do concepto de empresa exemplar situada nos comezos da industria capitalista en España. Sargadelos era, así, un punto importante no emprendemento recuperador da memoria histórica de Galicia do que o Laboratorio de Formas se propuxo rescatar o espírito ético da empresa de máis alento e prestixio do noso pasado industrial. Para empezar, en 1949 Isaac Díaz Pardo montou no Castro de Samoedo, na ría de Sada e Betanzos, un taller experimental no que utilizando as materias primas da comarca sargadeliana logrou elaborar unha porcelana branca, translúcida, que permitise albiscar como unha meta lonxana o rexurdimento do vello Sargadelos.
As virtudes da planta do Castro de Samoedo espertou interese do outro lado do Atlántico e en 1955 Isaac viaxou a Arxentina e montou a Fábrica de Cerámica de Magdalena a 108 km. de Bos Aires, onde concibiu diversas actuacións para recuperar a memoria histórica de Galicia. A idea concretouse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia (LF), ente teórico e viveiro de ideas, creado en 1963 por Díaz Pardo e Luís Seoane. Como unha actuación do LF, en 1970 inaugurouse a planta circular de Sargadelos, a 800 metros dos restos das antigas fábricas. E desde entón, a cerámica de Sargadelos coa color azul cobalto como elemento de identificación e a actualizada estrela de sete aspas radiais como marca produce louza e pezas ornamentais que actúan de embaixadoras de Galicia polo mundo.
Bibliografía
Bello Piñeiro, Felipe (1965): Cerámica de Sargadelos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Ibáñez, Antonio Raimundo (1987): «Sargadelos. Un modelo de empresa creado por Ibáñez». En Tradición e futuro. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Carmoma Badía, Joám (1994): «A etapa de Luís de la Riva e o apoxeo da produción civil de Sargadelos», Cadernos do Seminario de Sargadelos, 67.
López Gómez, Pedro (coord.) (1994): Las Reales fábricas de Sargadelos, el ejército y la armada. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Filgueira Valverde, Xosé (1997): «Sargadelos», Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, 24.
Barreiro Fernández, José Ramón: «Ibáñez, Antonio Raimundo». En Gran Enciclopedia Gallega, Santiago/Xixón, s/d.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos. Publicado o 27/6/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1978. Recuperado o 22/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xosé Ramón Fandiño escribe sobre Antonio Rodríguez Ibáñez e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras inseparables de Sargadelos. Ver Documento. Artigo
Fandiño, Xosé Ramón: «Asasinato pouco honorable dun ilustrado de fecunda vida: Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (1749-1809) = Asesinato poco honorable de un ilustrado de fecunda vida: Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (1749-1809)», Galegos = Gallegos, 5 (2009), 111-119.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«A horta ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez», artigo de Ricardo Varela en Casa dos Espellos. Ver Documento. Artigo
Varela Fernández, Ricardo: «A horta ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez», Casa dos Espellos: revista poliédrica da cultura galega, 4 (2021), 72-85
Fonte: Dialnet. Universidad de La Rioja.
https://dialnet.unirioja.es
Artigo de Xosé Ramón Fandiño sobre a morte de Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos. Ver Documento. Artigo
Fandiño, Xosé Ramón: «Asasinato pouco honorable dun ilustrado de fecunda vida: Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (1749-1809) = Asesinato poco honorable de un ilustrado de fecunda vida: Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (1749-1809)», Galegos = Gallegos, 5 (2009), 111-119.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«Ibáñez, Antonio Raimundo», voz escrita por Xosé Ramón Barreiro Fernández e publicada en Gran enciclopedia galega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
Barreiro Fernández, Xosé Ramón: «Ibáñez, Antonio Raimundo». En Gran enciclopedia galega Silverio Cañada. XXIII: HERB-IMO. Lugo: El Progrso, DL 2003; 165-168.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Isaac Díaz Pardo escribe sobre o Marqués de Sargadelos na revista Papeles de Economía Española. Ver Documento. Artigo
Díaz Pardo, Isaac: «Antonio Raimundo Ibáñez. Breve semblanza de un pionero», Papeles de Economía Española, 39 (1989), 531-534.
Fonte: Funcas.
https://www.funcas.es
Artigo sobre as «Reales fábricas de Sargadelos» na revista Mondariz. Ver Documento. Artigo
e.: «Reales fábricas de Sargadelos», Mondariz: suplemento a La Temporada, 42 (20 de abril de 1921), 10-12.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
«Antonio Raimundo Ibáñez», biografía do Marqués de Sargadelos redactada por Rafael Anes y Álvarez de Castrillón e publicada no DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia. DB-e.
https://historia-hispanica.rah.es
Retrato de Antonio Raimundo Ibáñez na Fundación Goya
Fonte: Fundación Goya en Aragón.
https://fundaciongoyaenaragon.es
«A violencia e o seu corte de clase, o caso do marqués de Sargadelos», artigo de André González Mayo. El Salto Diario, (6 de maio de 2020)
Fonte: O Salto. Galiza.
https://www.elsaltodiario.com
«Sargadelos... mucho más que una cerámica. Las luces de Sargadelos», espazo con guión de carmen Bonet.
Fonte: RTVE.
RTVE, (9 de febreiro de 2015)(
https://www.rtve.es
Acceso en liña á tese de doutoramento de Alex González Rivera Sargadelos en los albores del capitalismo industrial español: entre la iniciativa privada y la promoción reformista.
Fonte: Universidad de Valladolid.
Valladolid: Universidad, 2014
https://uvadoc.uva.es
Carlos Ibáñez y Varela, Neto do fundador das fábricas de Sargadelos, no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
Antonio Raimundo Ibáñez na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org
«O marqués de Sargadelos Antonio Raimundo Ibáñez e a súa fábrica de Sargadelos», programa emitido na serie Arredor de Nós da RTVG
Fonte: A Galega Audio.
https://www.agalegaaudio.gal
Videos
Extracto do capitulo da serie Historias de Galicia da TVG onde se fala da vida do marqués de Sargadelos, emitido o 24 de marzo de 2010
Fonte: Concello de Cervo / YouTube.com
Isaac Díaz Pardo na fábrica de Sargadelos, en Cervo, no programa da TVG pasou o que pasou emitido o 19 de agosto de 2020
Fonte: Pasouoquepasou.crtvg / YouTube.com
Secretos de Asturias: Museo Casa Natal del Marqués de Sargadelos, programa emitido por Canal Prestosu de Caja Rural de Asturias o 2 de xullo de 2024
Fonte: Canal Prestosu de Caja Rural de Asturias / YouTube.com












